A Vila

O nome de Pontevedra non aparece na documentación medieval ata comezos do século XII. Nun traballo anterior publicado nesta mesma CUEVA DE ZARATUSTRA e titulado Pontevedra e os seus nomes documentamos antes deste século termos como Cedofeita, Sancta María de Elva (Alba) ou Santa María de Maurenti (Mourente) mais non Pontevedra. Na Crónica Compostelama escrita neste tempo para maior gloria de Xelmírez aparecen termos referidos a Poio, Alba, Lérez, Marín, Pontesampaio… e ningún a  Pontevedra. Pontevedra, como vila, é una creación baixomedieval ligada a un río, o Lérez, a unha ponte, a antiga ponte romana, e logo á máis recente ponte do Burgo. No século XIII Pontevedra xa está dotada dos elementos estructurais que a definen como son as murallas, as dúas parroquias urbanas, a de Santa María e a de San Bartolomeu, unha rede de rúas interiores e os peiraos. Os que vivían dentro das murallas dicían que vivían na Vila. Este elemento básico foi o que deu nome ao total, o que se chama a Vila de Pontevedra, con capacidade xurídica, fiscal e comercial. Por fóra das murallas vanse constituíndo outras entidades de poboación determinantes para a definición de Pontevedra, como son o arrabaldo da Moureira, o barrio dos mariñeiros e, cabo da ponte, o Burgo.

Moitos divulgadores dan como étimos de Pontevedra cousas como Pontis Veteris, Ponte Veteri ou Vetere ou estraños latinazos como Vetula Ponte. É certo que aparecen así na documentación medieval, mais hai que dicir que eran variacións declinatorias dun suposto *Pons vetus, en nominativo e Pontis Veteris en xenitivo. Ninguén pronunciou nunca estes nomes na fala cotiá. Só aparecen na escritura e son relatinizacións do termo romance Ponte Vedra ou Pontevedra cuxo étimo é o latín tardío Ponte Vetera. Ese Vedra viña a significar algo así como cousa vella, mais en canto que cousa antiga, que leva aí moito tempo como era a ponte romana, que  tivo que ser substituída a comezos da Baixa Idade Media por unha nova. A pesar disto, Pontevedra seguiu chamándose Pontevedra, non Ponte nova, xa que a verdadeiramente nova era a do Burgo.

O padre Sarmiento, en Catálogo de voces y frases gallegas (Universidad de Salamanca, 1973) di “la primera noticia que hallé de Ponte Veteris no pasa de 1103”. Fernández Villamil en La puente vieja pontevedresa (El Museo de Pontevedra, 1941) dá un documento de 1141 do mosteiro de Lérez no que atopamos a seguinte frase: Inde per mediam Pontis Veteris usque ad locum quo Elva intrat in Lerz. Ese Elva non é máis que o río Alba ou das Correntes, que desemboca no Lérez, aquí Lerz. De 1165 é o documento de paz entre Fernando II de León e Afonso Enriques de Potugal no que se di que a dita paz foi asinada super flumen lerice in vetula ponte. Ese lerice é o Lérez e esa Vetula Ponte non é outra cou ca unha máis das pedantes relatinizacións que os escribas medievais fan a partir do galego Pontevedra, agora retraducido, mal, ao latín.

Dadas a escaseza e carestía de vivendas no recinto do que era A Vila, fóra dos muros foron formándose pequenos núcleos de poboación próximos ás portas que daban a camiños principais ou entorno aos novos conventos perto das murallas pero fóra delas, como eran o dos franciscanos (s.XIII), o das clarisas (s.XIV) o dos  dominicos (s.XIV-XV). Non lonxe os dous primeiros do comercial Camiño Vello de Castela e o terceiro perto do Campo das Rodas, que daba ao arrabaldo da Moureira. O barrio do  Burgo constituiuse, no outro extremo da ponte de recente construción naquel momento e con finalidades defensivas e fiscais.

Que esta repartición de Pontevedra era clara parece demostralo un documento de 1432 do Libro do Concello de Pontevedra, relativo ás ordenanzas, no que a atopamos literalmente reflectida: Outros y qualquer que morara enna Moureira e enno Burgo e Santa Clara… Noutro documento de 1433 fálase de un tal Juan Negreiro que he enna dita Moureira, arrabaldo da dita villa
 

 

O Burgo

Nun principio, o termo burgo estaba referido só ao burgo de Pontevedra, a primitiva vila, non ao burgo da ponte, que aínda non existía. Así aparece nun documento de 1180 reproducido no libro de Armas Castro Pontevedra de los siglos XII al XV (1993) no que Fernando II fai unha carta de doazón ao arcebispo de Compostela do burgo ou vila de Pontevedra ademais do castro de Cotobade. Di textualmente: “…et pascuis facio cartha donationis et cautiationis in perpetuum valituram de Burgo Ponte Vetere, cum omnibus terminis et pertinentis suis, cum portu, cum mari, rivis et fontibus, cum montibus, terris cultis et incultis, pratis per omnes terminos novissimos et antiquos, ubiqunque vos asrchiespiscopo compostellano et vestris subcessoris perpetuo potuieris invenire, ac de castro Cottobade, cum tota sua terra…”

Unha vez construída a nova ponte sobre o Lérez aparece  xunto á igrexa  de Santiago, no outro cabo da ponte, o que hoxe coñecemos como O Burgo.En principio chamouse o Burgo pequeno para distinguilo do Burgo da Vila de Pontevedra que era o verdadeiro burgo grande. Nun documento de 1290 fálase dun “…burgo parvo que stat prope ponte que vocitur de Ponteveteri. Noutro documento, ao falar da igrexa de peregrinación de Santiaguiño do Burgo dise: “eccleasie Sancti Jacobi de burgo parvo”. Desde o momento en que a ponte vella (ou vedra) desaparece, se constrúe a nova e se levantan as murallas, o antigo Burgo de Pontevedra deixou de chamarse así, e pasou a chamarse A Vila. O termo burgo quedou rerservado para o burgo que naceu ao outro lado do río. O padre Sarmiento na xa citada Colección de voces y frases gallegas  di que : “…en un instrumento de 1419, que leí,  se llama Burgo do Alén, esto es allende la vía y el puente relative…”. O Burgo de Pontevedra deixou de ser burgo para ser vila e o novo Burgo era o de alén, o do outro lado da ponte, que agora era nova.

O termo burgo era xa un xermanismo no latín e desde aquí pasou ás diversas linguas romances (galego, burgo, castelán burgo, francés bourg, italiano borgo). É tamén o étimo de burgués e burguesía. Na toponimia europea entra na composición do nome de moitas cidades (Edimburg, Strassburg, Borgo, Burgos, …).  No latín medieval de Galicia dos séculos XI e XII, era un termo frecuente xa como topónimno. Eran burgos ou tiñan burgos Rivadavia (burgo Ripe Avia), Leboreiro (in burgo que vocitant Hospitale de Monte Leporario), Melide (burgo de Milide) Padrón (burgo Patroni), Triacastela (burgo Triacastelle). Na documentación da Catedral de Lugo, xa en 1170,  fálase dun Burgo Novo en contraposición co Burgo Vello, que era o  locus eclesiástico creado arredor da primitiva igrexa catedral. O CODOLGA (Corpus Documentale Latinum Gallaeciae) cita 447 casos de burgo en Galicia, e aínda que algúns deles se repiten, é unha cifra abondosa.

En orixe burgo significaba una pequena torre ou posto fortificado, mesmo castelo fronteirizo, construído para dotar de seguridade física e xurídica aos artesáns e mercadores que se acollían a ela. Vexecio no seu Epitoma rei militari, de mediados do século IV, di que burgum era un “castellum parvum”. En Pontevedra, designouse así a torre levantada ao outro lado da ponte que saía da Vila cara  ao Camiño de Santiago. Logo fóronse construíndo á casas ao seu redor ata se constituír nun barrio estructurado con finalidades específicas. O que foi un nome común, burgo, pequeno castelo fortificado, pasou a ser un topónimo, un  nome propio dun barrio que dura ata os nosos días. Hoxe en día hai  topónimos con este nome de burgo en Cabanas de Bergantiños, no Val do Dubra, en Culleredo ou en Vedra. En Gondomar está o Burgovedro.
 

 

A Moureira

A primeira vez que aparece na documentación galega o termo Moureira é a comezos do século XIV, en 1303, nun documento no que o mosteiro de Poio aluga una …quarta daquela casa et lagar de sayn que em ela esta no lugar que dizen a Moureira, publicado por Armas Castro no seu libro xa citado. Non encontramos na documentación medieval a palabra moureira que non sexa un topónimo, e dicir, un nome propio de lugar. Parece que xa non funcionaba como substantivo común, a pesar dese sufixo derivativo tan  frecuente no galego como é –eira. Se consultamos o Dicionario de Dicionarios da lingua galega (ILGa-RAG), vemos que desde 1858, en que Luis Aguirre del Río escribe o seu Diccionario del dialecto gallego, vénse identificando moureira con salmoira ou lugar onde se fabrica tal salsa. E así sucede en todos os dicionarios do XIX e XX , ata datas tan recentes como a de1979, en que Leando Carré Alvarellos publica o seu Diccionario galego-castelán e Vocabulario castelán galego. Mesmo Juan Manuel Pintos (1856)  dá moira ou moura como salmoira. Carmen Rios Panisse na súa Nomenclatura da Flora e Fauna de Galicia (Anejo Verba nº 9, 1983) recolle un choco da moira e repite que moira é salmoira tal como Filgueira Valverde et alii  a definiron no Vocabulario galego-castelán de 1926. O mesmo Filgueira Valverde en El Corpus Viejo de Pontevedra (Museo de Pontevedra, nº 29, 1975) dá a mesma explicación,  na conciencia de que a actividade desenvolvida na Moureira, o salgado do peixe, daba nome ao lugar. O antropólogo X. M. González Reboredo en Novo achegamento á obra de Filgueira Valverde (Antropoloxía mariñeira. Actas do simposio Internacional de Antropoloxía. In memoria de Filgueira Valverde. 1997) dá como clara e coherente esta explicación.

Constantino García en Glosario de voces galegas de hoxe (1985) recolle moira como sinónimo de salmoira en Sada. Este moira, sería un único testemuño romance do latín muria, salsa aromatizada para a conservación de legumes, froitas, olivas, peixes e carnes. Noutras linguas non se conserva ningún derivado directo de muria, senón dun hipotético *sal-muria latino vulgar. A  creación deste novo termo de salmuria  talvez  se debeu a que muria  perdeu parte do seu significado de salsa e tivo que ser reforzada con otro substanitivo que identificase a súa relación co sal, e este substantivo non foi outro que o de sal.  Ese suposto *salmuria, ademais do galego-portugués, salmoira ou salmoura, deixou descendentes no castelán salmuera, no catalán salmorra, no francés saumure, no italiano salmoia

Moira sería o resultado máis antigo de muria en romance. A partir de moira pódese explicar un moura posterior. Sen embargo, en galego non atopamos ese moura por ningún lado, talvez porque lle gañou o sitio outro moura, sustantivo ou adxectivo de color ou xentilicio, cando non nome que designaba seres míticos que habitan baixo os rochedos e penedías. O derivado de moira sería *Moireira, non Moureira, que derivaría necesariamente dese moura que non atopamos. O VOLGA (Vocabulario Ortográfocp da Lingua Galega, 1986) dá moira e salmoira como sinónimos, pero non moura nin salmoura. Os dicionarios normativos da RAG (1993, 1997) dan salmoira, non salmoura e xa non rexistran moira nin moura con este significado.

Salmoura ou salmoira non  aparecen na documentación medieval publicada ata o momento, e, se en Pontevedra esta actividade era habitual, estraña a súa ausencia. Naturalmente que na Moureira o peixe era tratado con sal e se facía saín nos sotos das casas dos pescadores. Mais o sal  era no momento algo pouco abundante e moi cobizado na Galicia do século XII, cando aínda se falaba do Burgo de Pontevedra e non había murallas. Sábese que había salinas no Salnés e que chegaban algunhas partidas de sal que viñan de Portugal por Tui. Tanta era a escaseza do sal que en 1229, Alfonso IX , nun documento reproducido no libro de Armas xa citado, concede … licentia siccetis pissotas in insulis et non saliatis eas…. É dicir, poden secar as pixotas, mais non se poden salgar. Isto indica que aínda neses momentos á industria ligada ao sal era máis ben pequena e de ámbito local. O salgado do peixe para súa exportación é cousa máis de finais do XIII e do e comezos XIV, cando se produce o que se chamou a revolución do sal e chegan abundantes partidas desde Aveiro, Setúbal e Bretaña. É cando Pontevedra comeza o seu despegue económico para se converter na vila máis podente do litoral galego. Nese momento A Moureira tería que levar xa séculos chamándose Moureira.
 

 

A Moureira de Pontevedra e outras Moureiras

Hai máis Moureiras cá de Pontevedra. O buscador de topónimos da Xunta de Galicia dá varias. En Moaña hai una aldea chamada A Moureira, e en Meira, un barrio que tamén se chama A Moureira. En Cangas chámanse así una aldea e unhas terras. En Moaña hai tamén un Pombal da Moureira e un Pozo da Moureira. En Portas hai outra aldea chamada así, A Moureira, que dá nome a un monte próximo. En Riós (sur de Ourense) hai unhas terras ás que lles din As Cortiñas das Moureiras.

Os lugares chamados moureira e localizados en Moaña, Meira ou Cangas están próximos ao mar e pódense comparar coa Moureira de Pontevedra. Mais, ¿que facer con esa Moureira de Portas, que é una aldea e un monte, ou as máis afastadas das outras, esas Moureiras de Riós en Ourense, que xa non poden ser relacionadas de ningunha maneira coas actividades mariñeiras?

Nun documento publicado por F.J. Pérez Rodriguez en Os documentos de Toxos Outos (Consello da Cultura Galega, 2004),  de 1161, aparece o termo Mauraria, que non é máis que unha traducción ao latín do galego Moureira. Actualmente hai alí unha Portela da Moureira, que é un penedío na aba do monte Iroite, a sete quilómetros de Boiro e perto de Lousamel. Aquí xa, coma nos casos de Portas e moito máis o de Riós, parece inútil a referencia a calquera moura co significado de salmoira para explicar o topónimo

Polo tanto, máis que coa salmoiraMoureira estará relacionada con outros topónimos como Moure, Mourelle,  Mourentán, Mourente, Mourenza, Mourillós, Mouriño, e mesmo Morro e Morrazo, referidos a rochas, laxes,  penas, penedos e penedíos. (Na propia Moureira, ao final das Corvaceiras, hai unha Punta do Morro ben significativa.)  J. Hubschmid  en Testimonios románicos. Enciclopedia Lingüística, t..I, 1960, propón unha raíz  prerromana común a todos eles mor– ou morr- pertencente a un suposto substrato alpino-cántabro-pirenaico. Menéndez Pidal, en Toponimia prerrománica hispánica. 1960, fala dun substrato mediterráneo occidental, dada a súa distribución por toda a península Ibérica. A raíz con r simple mor– referiríase a montón de pedras ou terreo pedregoso. A raíz morr-, con rr dobre, designaría certas preeminencias do terreo. Temos, como exemplos que confirman o que acabamos de dicir, o portugués moreia ou o galego morea (primitivamente montón de pedras, logo simple montón) fronte a Morrazo, como topónimo. Tamén atopamos en portugués mourao ou morouço xunto con moirao e moiroço como sinónimos para montón de pedras. O castelán morrilllo abondaría no mesmo sentido

Se queremos incluír Moureira como derivado desa raíz mor-, temos un problema: Se en morea nin en morro ou morrazo se produce, ¿por qué Moureira ten ese ditongo ou? Una explicación posible é a de que talvez porque haxa un cruce con mouro, do latín maurus, que, ademais do xentilicio de habitante do certas zonas do Norte de África,  chegou a designar a eses seres fabulosos e escuros que viven no mundo subterráneo, e que foron os constructores de megalitos e de castros, gardiáns de tesouros enterrados. A relación dese mouro das lendas coas pedras, con todo tipo de pedras, desde laxes a megalitos ou castros, que tamén son pedras, e en moitos casos moreas de pedras, é evidente. E así poido ser como unha primitiva *moreira, lugar de pedras, mais tamén lugar do mouro,  pasou a ser unha moureira co mesmo significado. A presencia destes mouros en Galicia foi moi forte, tal como nolo demostra o buscador de topónimos da Xunta de Galicia dá 327 casos nos que aparece a palabra mouro ou mouros, moitos deles relacionados con pedras, con lugares de pedras ou con accidentes  que supoñen algún tipo elevación do terreo. Entre os máis expresivos, eliximos os seguintes: A Cova do Mouro (Cebreiro), A Mina do Mouro (Vigo),  O furado dos Mouros (Barreiros, Lugo), O Outeiro dos Mouros (Lousame), a Aira dos Mouros (Sarreaus), A Cavanca dos Mouros (Riotorto), A Peneda dos Mouros (Riós),  Cons dos mouros (O Grove)… e tantos outros.

O Dicionario de Toponimia posto na rede por Porto Editora di para a entrada Moreira: Nos locais mais antigos, parece vir do portugués arcaico Moureira, “terra junto a fronteira de Mouros”. Iso dos mouros e as fronteiras nada explica, mais suxire que alguhas moreiras galegas pouco teñen que ver coas árbores das moras e da seda, de tardía implantación na idade Media, senón cun antigo moreira, terreo pedregoso, tal como pode ser, por exemplo, esa Punta Moreira, no Grove.

As Corvaceiras

Na Moureira de Abaixo ou de pescadores, hai un lugar chamado As Corvaceiras. A primeira referencia a este topónimo, segundo Armas, aparece nun documento de 1495, no que se cita unha rúa das Corvaceiras na freguesia de Santa María de Pontevedra. Os dicionarios galegos do XIX e XX, desde Cuveiro Piñol (1876) ata Carré Alvarellos (1979) dan de corbaceira, así escrito con b, a seguinte definición máis ou menos copiada uns dos outros: Cada una de las cuatro plumas guías de la cola de las aves. Actualmente o VOLGa e os dicionarios normativos da RAG non recollen corbaceira ou corvaceira como nome común, tal vez por consideralo xa un arcaísmo ou de significado máis que dubidoso. Non parece que corvaceira, neste sentido das plumas do rabo das aves, nos poida ser útil para explicar qué quere dicir o termo corvaceira ou corvaceiras, termo exclusivo do galego-portugués.

Parece contradicir o dito anteriormente a existencia dunha Corbacera, que figura como una alquería de Matilla de los Caños, na comarca de Tierra de Alba, en Salamanca. Xa aparece na documentación medieval como unha das propiedades da Universidad de Salamanca, que se chamaba fiscalmente “el cuarto de Corvacera”, que así se rexistra nun documento de 1345, copia de outro de 1265 (citados en El proceso histórico del despoblamiento en la provincia de Salamanca, 1982, de Bienvenido García Martín). Se examinamos os topónimos próximos a este Corbacera, vemos que a un cuarto de legua está Galleguillos, que é un lugar do concello de Gajates, e máis lonxe, a uns trinta quilómetros, están Aldeagallega e Ahigal de Villarino. Topónimos como Gajates, Galleguillos,  Aldeagallega e Villarino fan supoñer que esa Corbacera é un termo de importación galega no campo de Salamanca, como froito da repoboación medieval das terras do norte e sur do Douro, durante o reinado de Alfonso IX.  Este Corbacera chegou a entrar nas coleccións de refráns castellanos con certo valor negativo. Gonzalo Correas na seu  Vocabulario de refranes y frases proverbiales (1627) dá estes exemplos: Los potricos de Corvacera / que valían menos en cada feria. O mesmo, aínda que como Corbacilla en:  El potro de Corbacilla / que cada feria menos valía. Ambos refráns están montados sobre un modelo anterior que xa aparece no Seniloquium do doutor Diego García de Castro, escritos no último tercio do século XV, que dicía Los potros de Gaete /cada feria valen menos. Gaete, segundo Correas no seu comentario, é una poboación de Andalucía.

No norte de Portugal, atopamos tamén, próximas a Viseu ou a Guimaraes, outras Corvaceiras. A primeira documentación escrita tamén aparece nun documento portugués, o Foral de Pinhao Cel, outorgado por Afonso, III, o boloñés, en 1262, no que aparecen unha Corvaceira menor e outra Corvaceira maior.

En Galicia hai una trintena de corvaceiras, que poden referirse tanto a entidades de poboación ou aldeas como  a algún tipo de terreo. Segundo o Buscador de topónimos da Xunta de Galicia, abundan as corvaceiras que se refiren a rochedos ou penedíos, montes, outeiros, etc., lugares que supoñen certas preeminencias do relevo. Na Gudiña hai, por exemplo, un Alto das Corvaceiras, topónimo que se repite perto de Braga, en Portugal. Na mesma Gudiña atopamos  Picas das Corvaceiras, O Cavanco das Corvaceiras e O Penedo das Corvaceiras. En Domaio (Moaña) hai unha Corvaceira referida a un con, una rocha que sobresae do mar. Hai outra Corvaceira en Santiso (A Coruña) que é un outeiro… Como vemos, o termo corvaceira ou corvaceiras, úsase para referirse a lugares relativamente altos, con pedras e rochas, ou a algún tipo de accidente xeográfico próximo aos devanditos lugares, como Camiño das Corvaceiras (O Tameirón, A Gudiña), Rego das Corvaceiras (Pontenova, Lugo), Pista das Corvaceiras (Riós, Ourense)… Todo isto apunta a que corvaceira serve para designar lugares que frecuentan, viven ou aniñan os corvos, como di o refrán recollido por Eladio Rodríguez no seu Diccionario enciclopédico galego-castellano (tres tomos, 1958-1962: Nace o corvo na peneda / e tira sempre para ela. Supón algún problema para admitir esta hipótese de corvaceira coma lugar de corvos a existencia de corveira ao seu carón co mesmo significado e máis estendida como topónimo  que corvaceira. Corveira, e non corvaceira,  ademais ten equivalentes nos topónimos Corvera de Asturias, Corvera de Toranzo (Cantabria) ou Corvera de Murcia. En catalán consérvase corbera como nome común e co significado de Indret on nien els corbs  e como nome propio nos topónimos Corbera. de Llobregat, Corbera d¨Ebre ou Corbera de la Ribera (Valencia).

O VOLGa e os dicionarios normativos da RAG non recollen corveira como nome común. Tampouco sabemos se corvaceira e corveira son sinónimos  ou se se distribúen dialectalmente de forma complementaria,  de tal maneira que onde se diga corvaceira non se di corveira e ao revés.  En A Pontenova (Lugo) no lugar de Vilaboa (San Xulián) atopamos un Rego da Corvaceira referido a unha canle artificial. Na mesma Pontenova, no lugar de Conforto, atopamos un Rego da Corveira referido tamén a unha canle artificial. No mesmo Conforto está o Cabozo das Corveiras. En Riós (Ourense), atopamos no lugar de O Navallo un bosque que se chama A Corveira, e hai tamén unha Pena Corveira. Mais no mesmo Riós, en  Santa Maria, hai uns Lameiros das Corvaceiras e una Pista das Corvaceiras. Pola contra, na Gudiña abunda o termo Corvaceiras, que se repite ata oito veces, e non hai ninguha Corveira.

A derivación de Corveira de corvo non ofrece ninguha dificultade. Para derivar Corvaceira de corvo, habería que supoñer un latín *corvaceus, con ese sufixo de aumentativo, –aceu, que daría  un *corvazo ou un *corvaz, mais non atopamos en galego esta palabra nin como nome común nin como topónimo. Hai en Asturias un Corbazos, en Trevías, e no Alto Aragón dise corbaso ao corvo, que é o paxaro de mal agoiro no que se transforman as bruxas cando voan.Con todo, non parece ir desencamiñado que nunha Moureira, lugar de preminencias rochosas e barrancos, haxa penas corveiras ou corvaceiras, xa que era lugar apropiado para eles.

 

 

Comments are closed.




La Cueva de Zaratustra

LA CUEVA DE ZARATUSTRA es la apuesta del TALLER DE J. A. DURÁN (ED)  por el Librepensamiento. Una de las mejores bitácoras audiovisuales del mundo (BOBs 2004, Concurso internacional de webs de la Televisión Pública de Alemania Federal, 2004).

¡¡¡ QUÉ SE ABURRAN LOS NECIOS !!!

RINCONES DE LA CUEVA

Enlaces

Meta