Pontevedra e os seus nomes

Non é infrecuente atopar, non só en textos divulgativos senón tamén en textos eruditos,  a afirmación de que o nome de Pontevedra vén do latín  Pontis Veteris, Pontis Veteri ou Pontus Veteris, e incluso dalgún outro latinazo máis da mesma caste. A cousa non queda só nos libros senón que chega á rúa e hai bares, industrias varias e comercios bautizados con esas formas  latinas como título de enxebreza e pontevedresismo. Hoxe en día levan o nome de Pontus Veteris, entre outros,  unha pasarela de moda, unha farmacia, un moto club e unha clínica médica. Pontis Veteris dá nome a unha asesoria fiscal, a un comercio de náutica, a un criadeiro de cans, e mesmo, a uns premios que concede o Colexio de arquitectos da localidade.

A finais do século XVI, os humanistas de Pontevedra honraron a súa memoria con aqueles versos que figuran nas pedras da Casa do Concello  que comezan por  Fundote Teucro valiente / daqueste río a la orilla que todos sabemos de memoria. Outros falaron de que Pontevedra era a Lambriaca citada por Pomponio Mela ou a Hellenes de Estrabón. De todo iso quedan pegadas na Pontevedra de onte e na de hoxe, pois un lémbrase dunha famosa Academia Helenes dos anos cincuenta e sesenta, e non sei se máis,  e dun excelente equipo de balomán chamado Teucro, vivo, por sorte, nos nosos días, e mesmo unha autoescola co mesmo rótulo.  Mesmo o Ad Duos Pontes, suposto nome de Pontevedra do Itinerario Antonino,  funciona como reclamo para un comercio da localidade.

Antonio de la Peña Santos, arqueólogo e conservador do Museo de Pontevedra, no seu traballo Consideraciones sobre las vías romanas en la provincia de Pontevedra. Castrelos III-IV, 1990-91, feito despois do descubrimento dun miliario revelador perto da Ponte do Burgo, opina que Pontevedra se identifica coa mansión de Turoqua do Itinerario Antonino, non co Ad duos Pontes que tiñamos case por seguro. Unha vez descuberto o nome de Turoqua e posto en circulación, tamén serviu como reclamo comercial, xa que así se chaman un negocio de informática e de produción audiovisual, e incluso unha Turoqua de Inversiones, SL.

Está claro que Pontevedra non pode ser nin Ad Duos Pontes nin Turoqua, porque Pontevedra aínda non existía e mal podía identificarse con nada preexistente. Non hai moito, outro arqueólogo do CSIC, Manuel Santos,  nun artigo na revista Gallaecia, 2013, Arqueoloxía dun topónimo: o nome do Vigo romano, opina que para Pontevedra non hai ningún topónimo no itinerario antes citado. Ao parecer non pode ser  nin a mansio de Ad Duos Pontes nin Turoqua nin ningunha outra. Non hai nome para Pontevedra na antigüidade romana. Claro que mal podía ser Pontevedra algo que nunca foi. Comete este autor un dos pecados máis frecuentes nos arqueólogos ao uso como  é o de crer iso de que houbo un Vigo prerromano ou romano e cousas así. Incluso presume de facer arqueoloxía dun topónimo. Se é un topónimo e se lle quere buscar a súa orixe o que se fai é filoloxía, concretamente etimoloxía,  ciencia tamén  curiosa dabondo.

Nin Lambriaca nin Ad Duos Pontes nin Turoqua poden ser antigos nomes de Pontevedra, só polo feito de  que haxa xente que así o crea. Tampouco Pontis Veteris ou Pontis Veteri, e menos iso de Vetula Ponte,  poden ser os étimos ou antigos nomes de Pontevedra. Non hai dúbida ningunha de que esas referencias a Pontevedra están rexistradas tal cual nos documentos medievais, desde o século XII. Neles hai frases como flumen Pontis Veteris que podemos traducir como río de Pontevedra ou  burgo Ponte Vetere,  traducido como o burgo de Pontevedra.  O que fan os notarios ou escribas medievais que escriben nun latín máis ou menos mal que ben aprendido é declinar un pons, pontis xunto cun vetus,-veteris, que no caso xenitivo é Pontis veteris e no ablativo Ponte veteri ou vetere.  E ninguha outra cousa se pode afirmar e menos que eses Pontis Veteris ou similares son o nome de Pontevedra ou o seu étimo.  En todo caso son construccións latinas referidas a Pontevedra. Que ninguén crea que houbo un tempo en que a xente do común lle chamaba Pontis veteris ou Pontus Veteris a Pontevedra. Nunca.

 

A PONTE VEDRA

Non temos documentación na que aparezan referencias a Pontevedra como tal ata o século XII. Antes, nada de nada. O colapso do imperio romano do século IV e as invasións xermánicas, suevos e visigodos, produciron unha quebra no comercio, nas comunicacións, na ordenación social e cultural que supuxo a desaparición de moitos dos antiguos asentamentos humanos. Algúns nomes do Itinerario Antonino podemos atopalos en documentos posteriores como  a Crónica de Idacio (445) ou o Parochiale Suevorum, de finais do século VI.  Ese Turoqua antes citado talvez sexa un Toruca, que aparece como nome dunha parroquia na diócese de Tude. Do resto nada, absolutamente nada, sobre posibles asentamentos que logo serán cidades coma Vigo ou Pontevedra. A ausencia de referencías tal vez sexa sinal de que estes asentamentos aínda no existían.  Se nada había, nada se podía dicir. Vigo ou Pontevedra como tales, aínda que neles hai restos romanos, máis en Vigo que en Pontevedra ao parecer, nunca foron estrictamente romanos, senón creación alto-medievais.

Isto parece restar antigüidade a  estas cidades, pero proporciónalles máis verdade e supón, no caso de Pontevedra, algún problema filolóxico engadido. ¿Acaso Pontevedra non é un nome de orixe latina? Si, mais con reparos. O nome de Pontevedra é de orixe latina, mais non vén directamente do latín.  Vexamos como foi o proceso. Ponte, o primeiro elemento do noso topónimo, procede dun acusativo pontem que moi pronto, coma todos, perdeu ese –m final e quedou en ponte. En latín era masculino e polo tanto se aquí o atopamos asociado ao adxectivo vetera, é que xa non o é, senón que mudou ao xénero a femenino. Ese é un cambio que  se produce no latín vulgar, xa próximo ao romance. En galego actual ponte é feminino. En castelán vacilou entre feminino (la puente) e o actual masculino e maioritario  (el puente). Xa que logo, esa construción  Ponte vetera non é xa un sintagma estrictamente latino,  aínda que proveña do latín.

Vetera, o outro elemento do noso topónimo, ofrece aínda máis complicacións. En primero lugar hai que dicir que esta palabra non existía no latín clásico. O que si existía era unha forma común tanto para o sustantivo e como para o adxectivo que era vetus, veteris, con significado de ancián, vello, antigo. O plural neutro de vetus era vetera que, coa reducción das declinacións latinas de cinco a tres e a desaparición do xénero neutro en latín vulgar, pasou a formar un grupo de sustativos femininos  e en singular, polo seu parecido cos femininos da primeira declinación.  Así vetera, xa en singular, significaría cousa vella, antiga.  Xa Sarmiento, a mediados do XVIII, no Viaje a Galicia de 1745, di que ese vedra de Pontevedra no viene de vetus sino de vetera, plural.

Unha vez creado vetera, o paso seguinte é que perda o segundo e átono e se quede en *vetra, forma da que non temos testemuños, mais que temos que  supoñer claro antecedente de vedra. E todo isto tivo que ocorrer máis ou menos antes do século IV e no latín vulgar, o  falado pola xente da rúa, a xente corrente e sen unha instrucción especial. Era o latín que os soldados e os colonos trouxeron á antiga Gallaecia, tan distinto do clásico e con fortes diferencias dialectais. O Appendix Probi é un bo exemplo do que era ese latín. En realidade, non é máis que un listado de parellas de palabras que un mestre de gramática anónimo do século III ou IV anota nas últimas páxinas dun tratado escrito por  Probo, a Instructuo Artium. En cada unha desas parellas propuña un termo correcto, ou culto, o recomendado,  fronte a outro incorrecto ou vulgar. Rexeitable.  E aí xa atopamos varios exemplos da perda desa vocal postónica como na parella: Auricula, non oricla ou en Oculus, non oclus. Está claro que o noso mestre rexeitaría vetera por vulgar e proporía o antigo e clásico vetus, veteris. Mais está tamén claro que a preocupación purista deste profesor fracasou con estrépito. Moitas das formas que el rexeita por vulgares, son as que triunfaron nas linguas romances. Oricla é o que dá o galego orella ou o castelán orejaOclus é o que dá orixe ao galego  ollo e ao castelán ojo. Aurícula ou oculista (de óculo) son hoxe en día só cultismos, palabras extraídas con pinzas do latín para constituírse en termos científicos, neste caso da medicina. Polo tanto, na  Alta Idade Media vetera xa no era vetera senón vetra, ou mellor vedra, que sería a forma final. De aí que Pontevedra veña de Ponte vetra ou de Ponte vedra, nunca de Pontis Veteris ou Pontus Veteris.

 

A VILA E O NOME DE PONTEVEDRA

Neste tempo a palabra vedra é aínda palabra vixente para significar vello,-a referido a cousas.  Moi logo perderá esa vixencia da que falabamos porque outra, de similar procedencia, comezou a competir con ela e chegou a eliminala do léxico común. Esa palabra foi  vetulus,-a, tanto sustantivo como adxectivo. Atopámola xa no mesmo Appendix Probii na parella: Vetulus non veclus. O noso mestre nin sequera escribe *vetlus, forma intermedia, senón xa unha forma máis evolucionada, veclus, e de aí a vello hai un treito mais é o camiño. Seguramente este veclus,-a era una palabra con máis potencia e prestigio que vetero,-a, porque  se podía usar para tanto para persoas ou cousas animadas como para cousas inanimadas, cousa que vetero,-a non facía..

Como testemuños de vetero,a temos en galego  Saavedra (Lugo), Vedro (Portomarín-Lugo). Vedra (Coruña). Airavedra, Bouzas Vedras, Eiravedra, Pardavedra (Ourense). Vilavedra, Gándara Vedra (Pontevedra). En portugués Torres Vedras (Lisboa), Alhos Vedros (Setúbal), Paço Vedro (Ponte da Barca), Pedra Vedra (Vila Real)… En castellano temos Monviedro ou Murviedro (Valencia) e Murvedre en valenciano. En Asturias Mirviedro. En italiano, Vignalevetere, Pianviedre, Vicovietro, Castelvetro

Que este vedra ou vedro, con significado de vello, antigo, que xa estaba antes…,  deixou de funcionar nalgún momento da Alta Idade Media, talvez nos séculos finais,  queda demostrado pola existencia de novos topónimos xa non con vedra ou vedro, senón con vello,-a como Vilavella, Aldeavella ou Portovello.

Nalgúns dos topónimos citados máis arriba como Bouzas Vellas ou Gándara Vella parece atoparse un significado algo distinto do de vello ou antigo. Ernout e Meillet no seu Dictionaire etymologique de la langue latine (1932) din que vetus en latín arcaico non significaba literalmente vello,-a, senón que estaba referido á colleita (cereais, etc.) da anada anterior comparada coa colleita nova, a do ano. E onde se colleitaba un ano, non se facía, cando menos, ata pasado outro  e quedaba o terreo en barbeito para que se recuperase. Con este sentido de terreo que se deixa de cultivar un tempo temos o provenzal veire, o veneciano  vegro, o friulés vieri, o catalán vedre (terra de muntaya en funció de devesa) e o asturiano e galego bedro ou vedro: terreo vello, deixado de cultivar durante un periodo tempo. Isto é o que explicaria con claridade os topónimos galegos Vedra e Vedro tal vez como elipses (terra) Vedra ou (terreo) Vedro.

Nos dicionarios e glosarios que O Dicionarios de Dicionarios da Lingua Galega  recolle, aparecen algunhas definicións que redundan neste último significado de vedro.  Así Eugenio Reguera na súa Traducción de algunas voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de agricultura al castellano (1840-1850) di que vedro se refire a Los vestigios de los valladares de tierra, de los cercados antiguos de los montes, rozas, estivadas, etc. Carré Alvarellos no Diccionario galego-castelán (1926-1931) dá para vedro, ademais de viejo, a definición de Que tiene mucho tiempo. O mesmo di Eladio Rodríguez no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1858-1961).

Vese que en galego vedro ten ese significado non só de vello fronte ao novo, senón máis ben de vello en canto que é cousa antiga,  que leva ou ten moito tempo, mesmo de cousa abandonada ou en ruínas, como son eses valladares de que nos fala Eugenio Reguera a mediados do XIX. Talvez sexa este o significado de ese vedra contido como segundo elemento en  Ponte-vedra. O primero  elemento  ponte, ¿a que ponte se refire? Se a ponte de Pontevedra foi construída a comezos da Baixa  Idade Media non podía ser vedra, xa que nese momento tería que ser nova, e non aparece un Pontenova por ningún lado. A vedra, a antiga, a que estaba en ruínas era outra  ponte, o que quedaba da ponte romana.

Din os arqueólogos e historiadores, que o miliario do século II, ano 134 de C., atopado aguas abaixo da Ponte do Burgo, nas excavacións de 1988,  estaba a un nivel inferior ao da marea chea. Isto supón dúas cousas. A  primeira é que quedaba confirmado o paso dunha calzada romana polo territorio que máis tarde ocuparía Pontevedra pois o miliario sinalaba o lugar dalgunha mansio e a distancia en millas ata outra mansio. A segunda é que, se ese miliario quedaba por debaixo do nivel da preamar, o curso do río sufrira variacións importantes, coma a elevación do seu leito e o subseguinte desbordamento do río polas súas marxes. Máis claro, a antiga ponte, a que fose, quedou inutilizada co paso do tempo por eses cambios.. Habería que construír outra un pouco máis arriba. A actual Ponte do Burgo, que chegou ata nós modificada por diversas reformas. Se isto é así, esa Ponte do Burgo é do Burgo, mais non de Pontevedra. A de Pontevedra era a outra, a arruinada, que era o nome con que se coñecía ese territorio próximo. Pontevedra toma o nome da ponte vella, non da ponte nova. Insistimos en que  a vedra era a outra e a do Burgo era a nova. De aí eses dous topónimos, Pontevedra (ponte vella, antiga) e Ponte do Burgo (ponte nova).

 

PONTEVEDRA VEN DE PONTE VEDRA

Nun excelente traballo sobre o castelo de Cedofeita, en Tenorio, Xosé Abilleira Sanmartín, (O Castellum de Citofacta. 1910) recolle algunhas referencias que hai na documentación medieval sobre a abadía e mosteiro  de Lérez, como é o apéndice do tomo XIX da España Sagrada do Padre Flórez. Alí se reproduce un privilexio real que serve de base á fundación do convento de Lérez no ano 916. Atopamos referencias a Alba, Gatomorto, Guixilde, Vilaverde… mais nada referido a Pontevedra. O mesmo sucede coa documentación da catedral de Santiago. No Tumbo A, un códice redactado ao longo do século XII, nun documento de Alfonso V, de 1019,  no que se describe que territorios e vilas quedaban baixo a xurisdición e xiro de Cedofeita, atopamos topónimos como Cedofeita, Sancta Maria de Elva ou Sancta María de Maurenti, mais nada que fale de Pontevedra. Na Crónica Compostelana, escrita no mesmo século e ad maiorem gloriam do arcebispo Xelmírez,  aparecen Poio, Alba, Lérez, Cedofeita, Marín, Pontesampaio… e tampoco aparece Pontevedra.

 

As primeiras referencias atopámolas ben entrado o século XII. Nun documento de Fernando II de 1169, reproducido por J. Armas Castro en Pontevedra en los siglos XII a XV de 1992,  polo que o rei outorga foro a Pontevedra, no que a forma para referirse á vila é a burgo de Ponte Veteri.  Noutro de 1175, de Fernando IV dise ville Pontis Veteris. En 1283 xa se escribe Pontevedra. A forma escrita representa, por fin, a forma falada.

Como xa dixemos ao comezo, estas formas son xenitivos ou ablativos, máis ou menos latinos, dun nomitativo pons vetus que nunca aparece, claro está, referido a Pontevedra.. Ponte veteris ou veteri ou vetere son  tradución ou adaptacións ao latín da forma romance (e falada) Pontevedra. O camiño que vai desde Pontevetera a Pontevedra dáse na lingua falada ao longo de séculos.  Os escribas do século XII non tiñan nin memoria nin documentos con que testemuñar que Pontevedra viña de Pontis Veteris, veteri ou vetere. O que facían era darlle ao termo Pontevedra a súa forma latina e no caso correspondente.

Estas tendencias reautenficadoras, tan do tempo pasado e tan do noso tempo, poden chegar a extremos inesperados. Nunha carta de doazón de Fernado II, de 1165,  na que se menciona a Paz do Lérez entre Fernando II de León e Afonso Henriques de Portugal, dise que a paz foi asinada super flumen Lerice in Vetula Ponte. Xa nada de veteris ou veteri, o que aquí  se recupera é un adxectivo latino, vetula, derivado de vetus,  e tamén a anteposición do adxectivo ao sustantivo, para reproducir a verdadeira orde latina das palabras dentro da frase. Non Ponte Vetula, que calcaría Ponte Vetera, senón Vetula Ponte. O que escribe sabe latín, e presume diso. Na súa crenza Vetula Ponte é moito máis enxebre que Ponte vedra.  Xa nese século había conciencia certa de que canto máis latín máis auténtico e máis alcurnia.  Hoxe en día Vetula Ponte  chámase  un bar de tapas na rúa Sierra. Vetula Ponte, por fin, serve para algo útil.

A cousa estaba desde un principio bastante clara, aínda que non se quería ver. Xa Sarmiento no seu Onomástico de etimológico de la lengua gallega (1758-69) dixo de Ponte vetera se dijo Pontevedra. Case mellor sería dicir que de Ponte vedra seguiuse a dicir Pontevedra.

Hai que engadir que en Galicia hai máis pontevedras que a nosa.  Na Gudiña (Ourense) hai una A Pontevedra, con ese artigo conservado,  que se refire a uns prados ou pasteiros.  En Negreira (A Coruña) hai outra Pontevedra, referida a una aldea. Non coñecemos ningunha da dúas, mais teñen ou tiveron que ter unha ponte perto delas.

 

O BURGO DE PONTEVEDRA E O BURGO PEQUENO

A finais do século XIII  en Pontevedra podían distinguirse tres entidades de poboación: A vila, O Burgo e A Moureira. Non moito máis tarde hai que engadir a este tres, Santa Clara, barrio xurdido arredor da igrexa e convento do mesmo nome. A vila  denominaba o núcleo máis importante, o que estaba dentro das recentes murallas,  con capacidade  xurídica, fiscal e comercial. O Burgo constituiuse ao pé dunha igrexa de peregrinación, a de Santiago, ao outro lado da tamén recente ponte medieval que leva o seu nome. Primitivamente burgo non era o que hoxe coñecemos como tal, senón que ese burgo facía referencia ao que logo sería a vila de Pontevedra. Así aparece un documento de 1180, reproducido  no libro de  J. Armas Castro, xa citado. Nel Fernando II dona …o burgo de Ponte vetere cum omnibus terminis e pertinentiis suis… ao  arcebispo de Compostela.  Polo tanto, nesta época había dous burgos en Pontevedra, un, o de Pontevedra, e outro situado á outra banda do río chamado o Burgo pequeno. Nun documento de 1290, fálase dun …burgo parvo que stat prope ponte que vocatur de Ponteveteri. Desde o momento en que  a ponte vella ou vedra romana desaparece, se constrúe unha nova e  tamén se levantan as murallas, cousas que suceden por un tempo, o Burgo de Pontevedra deixaría de chamarse tal para ser chamada a Vila de PontevedraVila é una entidade de máis categoría que burgo, palabra con que na Baixa Idade media se comenzou a chamar a pequenas entidades de poboación nacidas fóra das murallas dunha vila ou cidade.

Polo tanto, as tres entidades quedaban así definidas como A Vila, o Burgo pequeno e unha terceira que era o arrabaldo da Moureira. Arrabaldo e Burgo parecen ser entidades distintas, cando menos nun principio. Arrabaldo ou arrabalde, un arabismo, como barrio ou aldea, designaba unha entidade de poboación nacida extramurallas, como burgo, mais sen planeamento urbanístico ningún e sen rúas definidas. Tal vez fose así como naceu a primitiva Moureira.

Comments are closed.




La Cueva de Zaratustra

LA CUEVA DE ZARATUSTRA es la apuesta del TALLER DE J. A. DURÁN (ED)  por el Librepensamiento. Una de las mejores bitácoras audiovisuales del mundo (BOBs 2004, Concurso internacional de webs de la Televisión Pública de Alemania Federal, 2004).

¡¡¡ QUÉ SE ABURRAN LOS NECIOS !!!

RINCONES DE LA CUEVA

Enlaces

Meta