O fotógrafo Weegee foi ben coñecido nos EEUU na primeira metade do século XX. Foi un verdadeiro referente para profesionais posteriores. A Fundación Mapfre, nas súas salas do Paseo de Recoletos, presenta agora Weegee. Autopsia del espectáculo. As diversas etapas polas que atravesou o fotógrafo están ben representadas nesta mostra. Que ten de atractivo o crime, a morte?
Weegee. Autopsia del espectáculo. Fundación Mapfre Madrid. Espectáculo.
En boa medida pódese aceptar que o capitalismo transforma as relacións humanas, todas as relacións humanas, nun espectáculo. Canto máis avanza cara un sistema agresivo, salvaxe, máis lle interesa vender esa idea de a vida como espectáculo. Os anuncios de produtos comerciais que se presentan nos medios audiovisuais apostan pola estética espectacular. Por se queda algunha dúbida de en que estadio do capitalismo están as sociedades actuais, só cómpre observar a descarnada exhibición de xeitos de vida que as chamadas redes sociais executan a diario e por milleiros. Xa non interesa a fidelidade a acontecementos, a sucesos, non. Interesa crear espectáculo coa mentira ou co que sexa.
Nos anos 30 e 40 da pasada centuria, o fotógrafo coñecido como Weegee (Arthur H. Fellig, ucraniano chegado de neno á illa de Ellis) ganouse a vida e moita popularidade coas súas instantáneas tomadas en sucesos violentos polas rúas de New York: asasinatos, incendios, etc. A mostra Weegee. Autopsia del espectáculo que agora presenta Mapfre está organizada pola Fondation Henri Cartier-Bresson en colaboración coa Fundación Mapfre, e comisariada por Clément Chéroux, director da citada entidade francesa. Ao longo de máis de cen imaxes, e diverso material, preséntanse as diversas etapas de produción fotográfica polas que pasou Weegee (nome autopromocionado polo reporteiro a partires da pronuncia da palabra uija, pois tíñase a si mesmo por un “retratista medium”). Agora nas salas da Fundaión Mapfre Madrid é doado contemplar tanto instantáneas das series máis coñecidas como aquelas outras que non tiveron tanta sona nin boa acollida por críticos e público.
Da colaboración de Mapfre con entidades culturais internacionais fala por si soa a mostra que nestes meses se pode disfrutar no KBr Barcelona Photo Center, Henri Cartier-Bresson. Watch! Watch! Watch!, unha magna presentación deste fotógrafo francés, considerado un dos máis grandes do século XX, tamén organizada en comandita coa mesma fundación devandita. Cartier-Bresson pasou á historia por ter sido o transcendental fotógrafo que definiu e defendeu o valor do que el mesmo chamou instant décisif, a oportunidade de captar un intre-espectáculo, e que no ano 1952 presentou publicamente no libro de fotografías Images à la souvette, unha expresión moi francesa que se pode transcribir por “imaxes ás agachadas”, ou tamén “imaxes roubadas”. Na primeira das súas épocas como fotógrafo, Weegee non tivo que procurar ese “instante decisivo” (como dicía Cartier-Bresson), pois nas súas reiteradas instantáneas de asasinatos o propio fotógrafo chegou a dicir que o cadáver non ía fuxir, nin moverse.
Weegee. Autopsia del espectáculo. Incendios, mortos.
In a culture like ours, long accustomed to splitting and dividing all things as a means of control, it is sometimes a bit of a shock to be reminded that, in operational and practical fact, “the medium is the message”. This is merely to say that the personal and social consequences of any medium result from the new scale that is introduced into our affairs by each extension of ourselves, or by any new technology. (M. Mcluhan. Understanding Media, 1963).
En 1963 -cando Weegee xa estaba farto de facer espectáculo cos froitos do crime e de accidentes- Marshall Mcluhan acuñou a famosa frase “o medio é a mensaxe” no seu libro Understanding Media: The Extensions of Man. Os medios de comunicación pasan a ser protagonistas do que se quere transmitir. Nestes tempos que corren o espectáculo é ubicuo, enche calquera espazo vital. A publicidade en medios audiovisuais xa só centra a mensaxe na estética do propio medio. Décadas atrás aínda se daban informacións sobre algunhas características técnicas do produto anunciado. Hogano manda o reclamo estético.
Nas décadas de 1930 e 40 Weegee vivía de noite. O seu piso estaba preto da comisaría de policía, conectaba o seu receptor de radio coa emisora da policía de New York e, deste xeito, chegaba axiña a aqueles acontecementos escabrosos e que tanto vendían nos xornais e tanto agradaban ao público. Para completar a compaña, tomaba copas cos policías e establecía relacións de amizade con eles. Todo polo espectáculo. Weegee vén sendo o reporteiro intrépido que amosa os fociños, a cámara e o flash nos filmes de gansters e similares. Para completar o seu teatro chegou a montar no maleteiro do seu coche un verdadeiro laboratorio fotográfico, con máquina de escribir incluída. Todo o preciso para levar a primicia aos xornais que lle mercaban tales imaxes. O propio Weegee chegou a afirmar, esaxerando, que tiña nas súas costas (mellor nas súas placas de nitrato de prata) uns 5.000 asasinatos.
Con todo, a inmediateza do seu traballo (ser o primeiro, vender antes ca outros) non sempre o levou a escoller as imaxes máis escabrosas, onde se podían ver os cadáveres (eses que, segundo afirmaba, non se movían). Unha imaxe de 1940 “Accidente de automóbil, New York” só mostra en primeiro plano unha roda dianteira que pisa un zapato de home; cara o fondo á dereita unha man branca sae do coche accidentado. Máis nada. Outro tanto fixo en reiteradas ocasións tamén cando se trataba de incendios nocturnos: dirixía a súa máquina de retratar cara as persoas que miran o espectacular incendio, non contra o edificio. Nesta consideración (sexa estética e/ou ética) lembra tamén o que facía Cartier-Bresson noutras ocasións. En 1937 a revista Ce Soir encárgalle unha reportaxe sobre a coroación do rei George VI de Gran Bretaña. Que retrata o home do instant decisif? Non o novo rei, non as carrozas, non o séquito real. Non. Retrata, e así saíron publicadas na revista moitas tomas de persoas que asisten como espectadores á tal coroación; xusto o que non fixeran os outros fotógrafos mandados por outros medios. Imaxes con tipos peculiares, aqueles que máis podían sorprender en terras francesas. Algo similar facía, polos mesmos anos nas terras alén Atlántico, Weegee).
Weegee. Autopsia del espectáculo. Reportaxes sociais, pantomimas.
Arthur H. Fellig, Weegee, presentou en 1945 Naked City, o libro que o consagrou como fotógrafo definitivamente. Alí están as imaxes desa cidade (New York) nocturnas e diríase que a cara B da gran metrópole: mortes, accidentes e similares. Para aquel ano as súas instantáneas xa foran presentadas no MOMA, e constaban nas coleccións do importante museo. Realmente son imaxes con fortes contraluces, provocados polos disparos con flash. Cine negro. O fotógrafo, para darlle máis forza ao título olle o participio “naked”, e non o adxectivo “nude”. O primeiro é duro, expeditivo (por iso foi o que empregaron as Guerrilla Girls para o seu reivindicativo e famoso cartel denunciador de que se silenciaran ás mulleres artistas. Pouco despois, 1948, o director Jules Dassin filma The Naked City, unha cinta totalmente inspirada no libro e fotos de Weegee. No filme preséntase o caso dunha modelo que aparece morta e varios policías que se encargan de resolver o caso. Puro cine negro.
Estando aínda en New York tamén dirixiu a súa cámara e obxectivo a outros acontecementos sociais. Así puido asistir, como primeiro, a redadas policiais de diverso tipo. Na exposición Weegee. Autopsia del espectáculo pódense ver a travestis pillados in fraganti, e as reaccións tan variadas dos mesmos: desde o que se tapa a face para manter o anonimato, a vergonza pública, ata aqueles outros que aproveitan a ocasión para exhibirse diante da cámara con total liberdade. O mesmo se pode dicir de imaxes que recollen a persoas da boa sociedade que entran os saen da ópera ou de outros acontecementos sociais. Preguntado Weegee cal consideraba que era a súa mellor fotografía, dixo de sotaque La Crítica (1943). Dúas mulleres engalanadas en abrigos de armiño e con tantas xoias enriba, ao saír do automóbil atópanse cunha mendiga que as mira con rabia. As desigualdades sociais / a crítica social. Co que leva unha destas mulleres nun brazo poderíase alimentar a centos de persoas. Respecto desta imaxe, moi coñecida, tense dito que Weegee amañouna dalgún xeito; que trouxo adrede á mendiga para opoñela ás rutilantes señoras.
Logo de acabar a Segunda guerra Mundial, Weegee marcha a California, a Hollywood. E alí dedícase a retratar aos famosos do cinema, as grandes estrelas do universo cinematográfico. Alí comezou a facer un tipo de fotografía que, segundo afirmaba o propio fotógrafo vendíanse moi ben: fotocaricaturas das grandes estrelas do cinema. Distorsionando as imaxes no laboratorio conseguiu caricaturas de Marilyn Monroe, Chaplin ou Peter Sellers, todos distorsionados; e tamén doutras persoas ben coñecidas como Jackie Kennedy. Esa etapa do seu traballo foi considerada por críticos como vulgar, falta de gusto.
Regresou a New York, onde retratou as xentadas nas praias, deu conferencias e publicou algún outro libro.
- EXPOSICIÓN: Weegee. Autopsia del espectáculo
- Fundación Mapfre, Madrid
- ata o 5 de xaneiro de 2025
Lito Caramés