¿Por que o domingo, 24 de novembro, ás 17,00?.- O 24 de novembro de 1861 a mellor revista ilustrada española daquel tempo publicou “Adiós que eu voume”. A versión íntegra do famosísimo “Adiós ríos, adiós fontes”. Foi un acontecemento histórico, porque o poema estaba escrito por unha señora con criterio propio, e nunha lingua que non se tiña por literaria. Para máis, o cantar -centrado nas razóns profundas da histórica emigración galega- era tan duro que os analistas case tardaron un século en descubrir que -nas súas versións posteriores– estaba cortado.
Autocensurado, sen a estrofa maldita, Rosalía de Castro incorporouno (ano e medio máis tarde) aos Cantares gallegos (maio, 1863), motivo do ano rosaliano de 2013.
Como o idioma dun pobo proletario e emigrante, converteuno en chascarrillo universal, Rosalía -mostrando con orgullo a beleza literaria da lingua galega- quixo devolver á súa xente a dignidade perdida. É por esa intención que as Secretarías Xerales de Emigración (Consellería da Presidencia) e Política Lingüística (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) da Xunta de Galicia e José Antonio Durán, cos Centros Galegos de todo o mundo, as cátedras de galego da diáspora, a través da Televisión de Galicia (TVG) e de LA CUEVA DE ZARATUSTRA, escollemos esa data e esa hora, para facer algo insólito. Dar unha emisión en directo, sen fronteiras, ás 17,00 horas do domingo, 24 de novembro de 2013, para que se poida ver nas dúas ribeiras do Atlántico e no mundo enteiro. En todos os sistemas que nos permite a tecnoloxía actual. Cremos, tamén, que debiamos volver a mirada sobre a versión íntegra daquela primeira aparición de 1861. A que El Museo Universal de Madrid publicou, gardándoa nas prestixiosas páxinas, como un tesouro. Para sempre.
Esa é a razón da data e unha das claves de Sombras sen sombra: Rosalía de Castro, o documental biográfico de José Antonio Durán, que realizou Jorge Durán no noso Taller de Edicións.
SERÁ UNHA EXPERIENCIA ÚNICA E GRATUÍTA
NON A PERDADES
EN PANTALLAS, MÓBILES, TABLETS, ORDENADORES…
AVISADE AOS VOSOS SOCIOS, ALUMNOS E AMIZADES
DISCUTÍDEO NAS VOSAS TERTULIAS
DOMINGO, 24 DE NOVEMBRO, 17,00 HORAS