Unha das peculiaridades das vangardas artísticas que xermolan ao acabar a Segunda Guerra Mundial é a tendencia a interpretar as realidades con concepcións abstractas. Daquela o planeta dividíase en dous grandes bloques, ambos fortemente armados. Influíu nas realizacións plásticas dos anos 50 e 60 a ameaza destrutiva das bombas nucleares? Hogano é evidente a posibilidade de que, por mor da guerra que Rusia declarou a Ucrania, se detone parte dos arsenais atómicos que posúen algúns países. Trátase de revivir agora tempos idos?
Els Camins de l’Abstració, 1957-1978. Guerra fría e ditadura.
Corría o ano 2009 cando o director Radu Mihaileanu presentou ao público o filme Le Concert. Esta comedia é -ao tempo- unha forte crítica ao sistema político soviético dos tempos de Brézhnev e ás súas purgas: un director da orquestra Bolshoï, represaliado, pretende dar un concerto en París con músicos que tamén foron expulsados da emblemática orquestra. Tal creación cinematográfica podía ter sido elaborada nos anos 60 pola industria de Hollywood como parte das propagandas pro-ianquis, e ante-soviéticas, que importantes fundacións privadas norteamericanas -con cartos da CIA- foron artellando para enfrontarse e contrarrestar as pegadas que a URSS mantiña en Occidente. Un caso ben coñecido destas actividades, no cinema, é o da superprodución Doctor Zhivago, de D. Lean (1965), outra feroz crítica á revolución soviética. Filme que -curiosamente- foi rodado maioritariamente en España.
As promocións culturais, ante-soviéticas, feitas polos poderes ianquis abranguían calquera eido; xa literario, xa das artes plásticas. Hai relativamente pouco a historiadora británica Frances Stonor Saunders publicou o lúcido e irónico traballo Who Paid the Piper. The CIA and the Cultural Cold War (La CIA y Guerra Fría Cultural). Neste estudo evidénciase que o “Congreso para a Liberdade da Cultura” (Congress for Cultural Freedom), unha tapadeira da mesma CIA, traballou en decenas de estados promovendo e fomentando a cultura capitalista oposta á socialista que emanaba da URSS. Un exemplo: Nelson Rockefeller, o magnate dos negocios e o home máis rico do mundo, dixo das creacións do expresionismo abstracto dos Pollock, De Kooning e compañía que eran a pintura da libre empresa. Un exemplo claro de utilización cultural é o que aconteceu do jazz, unha música que nos propios EEUU non agradaba porque era dos “negros”. Pois foi promovida e exportada a outros países como música que simboliza a liberdade, que é excitante e representa a democracia. Por iso a CIA financiou concertos de Louis Amrstrong, Dizzy Gillespie e outros artistas afroamericanos.
Iso si, mentres nos EEUU o racismo seguiu existindo, malia as loitas polos dereitos civís dos anos 60. Actualmente -finais do ano 2022- pódese disfrutar en KBr Barcelona Photo Center da magnífica exposición Carrie Mae Weems. Un gran giro de lo posible. Carrie M. Weems é unha artista afroamericana, e a súa obra -desde os anos 80 da pasada centuria ata a actualidade- baséase na denuncia do racismo en EEUU e tamén das discriminacións que padecen as mulleres. Ser muller e negra nesa unión de estados, aínda hoxe, é duro.
A paisaxe de fondo que presidía as vidas de millóns de persoas era esa mal chamada Guerra Fría e a ameaza de que estouparan os arsenais atómicos.
No ano 2007, o MACBA presentou ao público unha interesantísima exposición: Sota la bomba. El jazz de la guerra d’imatges transatlàntica. 1946-1956. Foi unha gran aposta multidisciplinar, de máis de 400 obras, na que a tese consistía en comprobar como as persoas creadoras da Europa arrasada pola II Guerra Mundial miraba de seguir producindo arte con valores morais e cívicos, mentres que en New York e outra cidades do outro lado do Atlántico a creatividade vivíase como un xogo. Obras de Matisse, Picasso ou Miró, Millares ou Tàpies contra os “mozos da CIA”: Pollock, Kline, de Kooning, etc. E todo nos anos posteriores ás primeiras probas con bombas atómicas. Como exemplo da situación de Europa despois da guerra, en Sota la Bomba exhibíanse dúas fotografías da artista surrealista Lee Miller tituladas Ciclistas en tándem facendo funcionar secadores do cabelo no Salón Gervais de París (1944).
Mentres, en España vivíase a longa e negra ditadura: o franquismo. A propia guerra fría e as confrontacións dos bloques capitalista e mais comunista non favoreceu nada que se recuperase axiña a democracia.
Museo de Arte Abstracto Español de Cuenca. O Franquismo.
A comezos da década dos 70 -en plena tensión por acabar co franquismo- o director de cine Manuel Summers, na súa cinta Adiós cigüeña, adiós, plasma os comentarios dun profesor que -ao falar das artes que se foron producindo en España– dilles aos alumnos: Recordad que ha sido España, precisamente, la cuna de los más grandes artistas del mundo: Velázquez, Goya, El Greco, incluso Picasso en su etapa azul. Ironía e sarcasmo de Summers.
Acabada a II Guerra Mundial e establecidos os bloques comunista e capitalista, logo comezaron as manobras diplomáticas para aproximarse á ditadura de Franco. A península Ibérica como aeroporto. O Vaticano celebra en Barcelona o Congreso Eucarístico no ano 1952, o que vén significar a aceptación da ditadura. En 1953 o franquismo firma o Concordato precisamente co Vaticano; ambas partes saían ganando, e na práctica significou o rearme do nacionalcatolicismo. E nese mesmo ano EEUU (defensor das liberdades?) firma os Pactos de Madrid, polos que os norteamericanos instalaban catro bases militares en territorio español (aeroporto) a cambio de certas axudas económicas e militares (ás paupérrimas escolas daqueles anos chegará leite en po e queixo rancio).
A vida baixo a ameaza da bomba atómica.
Desde entón a ditadura fará o dobre xogo: represión ideolóxica e creativa no interior (ben coñecida é a censura que se aplicaba a calquera publicación) e “lavado da súa imaxe” no exterior. Por iso, as autoridades non só consenten senón que fomentan a participación de artistas en principio “rebeldes” en eventos internacionais relevantes: a Bienal de São Paulo,1957, (Jorge Oteiza logra o primeiro premio de escultura), ou o numeroso desembarco de artistas españois na Biennale de Venezia, 1958, onde Eduardo Chillida logra o primeiro premio de escultura e Antoni Tàpies o segundo de pintura; así como exposicións en importantes entidades museísticas de New York (para iso traballaba a CIA): Before Picasso, after Miró (Guggenheim) e New Spanish Painting and Sculpture, no MoMA.
Nese ambiente tan contraditorio e bipolar teñen que traballar as persoas creadoras en España nos anos 50 e 60 da pasada centuria. Con todo, Pere Portabella nunha entrevista declarou que a ditadura franquista era máis permisiva (en canto a censuras) coas artes plásticas que o era coa literatura e mais co cinema. O cinema e mais a literatura eran expresións moi vistas e lidas, cultura de masas, e iso facíaas máis perigosas.
E nesta situación gris e represiva fará a súa aparición, por iniciativa privada, unha entidade impensable para aqueles xestores ditatoriais, o Museo de Arte Abstracto Español de Cuenca, nado en 1966, saído dos pulos e intereses de Fernando Zóbel e instalado nas impresionantes casas colgadas desa vila. Zóbel coñeceu en exposicións en Madrid as creacións abstractas de artistas locais e gustáronlle moito. Desde entón comeza a coleccionalas. Obras do Grupo EL PASO, por exemplo, ao tempo que segue traballando. O Museo de Arte Abstracto Español abre as súas portas o día 1 de xullo de 1966, coa asistencia de moitos dos artistas que teñen obra no seu interior. O museo alberga, por tanto, a colección particular de Fernando Zóbel, que seguirá agrandando cos anos. No ano 1980, Fernando Zóbel doou á Fundación Juan March as súas coleccións de pintura, escultura, debuxo e obra gráfica, a súa biblioteca persoal, os seus diarios e cadernos de apuntes. Desde entón, a Fundación March é a titular del museo.
O artista Fernando Zóbel, nado nas Filipinas, coñece nos EEUU as creacións dos mozos do expresionismo abstracto, mormente as e Mark Rothko. Este pintor é o artista que deriva cara a abstracción absoluta, atravesando as terras movedizas da policromía, e rematando no uso de poucas cores (a Rothko Chapel, por exemplo). Desde entón, Zóbel limitará a policromía e os trazos, pasando logo ás series negras onde utiliza unha xeringa para traballar sobre o lenzo, e seguindo logo co uso limitado das cores como poesía sobre tela e interesándose moito pola luz. Cara finais dos anos 70, Zóbel dá outro xiro aínda cara máis abstracción e traballa no que se coñece como a Serie Blanca, que emprega matices de brancos polas beiras e cores crema e marfil polo centro.
Fernando Zóbel tamén quedou encantado coas opcións que permite a caligrafía, esa arte oriental sen límites nin estremas, que o mesmo dá para elaborar unha estampa que para artellar un filme, como acontece en Ying Xiong (Hero) no que o protagonista desexa atopar unha nova verba que exprese o concepto “espada”. As creacións de Zóbel veñen sendo o seu karesansui particular; pura estética de liñas simples e de monocromías.
Els Camins de l’Abstració, 1957-1978. La Pedrera.
Nestes tempos de finais de pandemia e de -outra volta!- guerra en Europa, a Fundació Catalunya-La Pedrera presenta a exposición temporal Els Camins de l’Abstracció, 1957-1978. Diàlegs amb el Museo de Arte Abstracto Español de Conca, unha proposta interesante para repasar algúns vieiros polos que viaxou a creación abstracta hai agora medio século, neste paíscomo internacionalmente. Trátase dun mangado de máis de 70 pezas de importantes cultivadores da arte abstracta que, precisamente, serven para ofertar a variedade de opcións estéticas. Nas salas da planta principal do edificio de Gaudí é doado transitar ante obras informalistas, de abstracción xeométrica ou mesmo lírica, e aquelas outras froito da action painting dos expresionistas abstractos.
Els Camins de l’Abstració, 1957-1978 enceta un interesante percorrido que ten como denominador a colección de obras que Fernando Zóbel, artista e coleccionista, foi adquirindo para a fundación do tan inesperado (naqueles negros tempos ditatoriais) Museo de Arte Abstracto Español de Cuenca. Ao ano seguinte da inauguración, 1967, Alfred H. Barr, fundador e primeiro director do MoMA, visitou a obra museística de Zóbel, e declarou que era o pequeno museo máis fermoso do mundo. Xa é dicir! (Un acto máis -e moi significado- da promoción internacional dos artistas abstractos españois?).
Entre outros nomes que traballaron nese “exilio interior”, salientan os de Antonio Saura, o de Manolo Millares e Rafael Canogar, todos eles ben coñecidos polo emprego da cor negra como instrumento de expresión plástica e mais de canle de crítica social e política (seguindo as pinturas negras de Goya?). Tamén están presentes pinturas de José Guerrero, o artista desta xeración que creou nos EEUU, do Equipo 57, de Pablo Palazuelo. Entre os escultores xurden creacións de Chirino ou Serrano, e tamén de Oteiza e Chillida. Por outra parte, están presentes os membros do informalismo catalán (moitos deles integrantes de Dau al Set): Modest Cuixart, Joan Josep Tharrats, Antoni Tàpies, Josep Guinovart ou Albert Ràfols-Casamada.
Actualmente o Museo de Arte Abstracto Español está en obras de rehabilitación e melloras, razón pola que a Fundación Juan March, a propietaria do mesmo, decidiu que boa parte dos fondos artísticos do museo de Zóbel peregrinen por diversas entidades e vilas. Con tal motivo é doado agora contemplar boa parte das pezas presentadas na Pedrera. É certo que as dúas entidades organizadoras decidiron ampliar o elenco a artistas estranxeiros co gallo de facer a comparanza entre as liñas creadoras desenvolvidas en España e as outras propostas estéticas que se movían por Europa e América do Norte.
Para completar a perspectiva internacional das creacións posteriores a 1945, tamén se poden observar na Pedrera diversas obras de artistas do expresionismo abstracto: Lee Krasner, unha extraordinaria artista bastante esquecida e a quen o Guggenheim de Bilbao dedicou hai pouco unha fantástica exposición: Lee Krasner. Color Vivo. Por suposto hai unha peza (dripping) de Jackson Pollock, dúas de Mark Rothko, e outra de Willem de Kooning e mais de Helen Frankenthaler. Para rematar de dar unha panorámica total, pódense ver obras de Jean Dubuffet, de Hans Hartung, do italiano Alberto Burri e un mobile de Alexander Calder, o gran amigo de Miró. Algunhas destas obras nunca antes se expuxeran en Barcelona.
As mulleres artistas e a abstracción.
É ben coñecida a situación na historia da arte pola que as mulleres artistas simplemente non están. Non houbo mulleres creadoras? Esta evidencia patriarcal xa foi denunciada pola profesora Linda Nocklin en 1971 no seu famoso artigo. Na exposición da que se está a falar nestas liñas (Els Camins de l’Abstració, 1957-1978. Diàlegs amb el Museo de Arte Abstracto Español de Conca) faltan pinturas e esculturas saídas dos pulos creativos de mulleres. Que as houbo. Aquí só hai dous exemplos, unha peza de Frankenthaler e outra de Krasner. Dá a casualidade de que Krasner foi compañeira de Pollock, sendo este un referente internacional, e ela pouco coñecida (machismo?). Por contra, o pintor Hans Hofmann (profesor d Krasner) dixo en máis dunha ocasión que Pollock semellaba discípulo de Krasner.
Bótanse, por tanto, en falta obras de mulleres que crearon naqueles anos tanto nesta península como no estranxeiro. Algunha pintura de Juana Francés, por exemplo, compañeira de case tantos na fundación do Grupo EL PASO e autora dun formidable elenco de pinturas informalistas e abstractas. Pinturas que, segundo o crítico José María Moreno Galván (Introducción a la pintura española actual, 1960) representaban en realidade intrapaisaxes, saídos dos conflitos persoais e políticos que viviu. Francés, fundadora de El Paso de onde -sorprendentemente- foi expulsada.
Como demostración de que a abstracción tamén foi cultivada en extenso polas mulleres artistas, baste citar que o ano pasado o Museo Guggenheim de Bilbao programou a inmensa mostra Mujeres de la Abstracción, con obras de máis de 110 creadoras de finais do século XIX, de todo o XX e tamén do XXI. E na nómina das artistas non había nin un só nome de creadoras españolas, que as houbo e hai.
Lito Caramés
- EXPOSICIÓN: Els Camins de l’Abstracció, 1957-1978. Diàlegs amb el Museo de Arte Abstracto Español de Conca
- La Pedrera
- ata o 15 de xaneiro de 2023.