Momias exipcias: redescubrir vidas

O Antigo Exipto ten tal atractivo que hogano é o único período histórico que conta cuns estudos superiores específicos; a Exiptoloxía. Non estraña, entón, que se prodiguen as visitas a museos de arte exipcia ou que as numerosas exposicións temporais que se programen gañen altas cotas de público. Agora a rede de Caixaforums está a pasear a mostra Mòmies d’Egipte. Redescobrint sis vides (estes meses en Barcelona). Outra oportunidade para achegarse ás formas de vida, pensamento e rituais da cultura nilótica. Aquelas xentes eran moi diferentes á humanidade actual?

Unha das salas da exposición
Unha das salas da exposición

Mòmies d’Egipte. Redescobrint sis vides. Caixaforum

Os templos dos exipcios están magnificamente construídos (…); as naos brillan con fulgores de ouro, prata, pedras preciosas (…) Pero se avanzades cara o fondo do recinto e buscades a estatua á que está consagrado o templo (…) Que veredes entón? Un gato, un crocodilo, unha serpe autóctona ou calquera outro animal de este tipo. O deus dos exipcios é unha fera salvaxe que se envorcalla nun leito de púrpura! (Clemente de Alexandría (150-215), O Pedagogo).

Desde este mes de Nadal de 2022 Caixaforum de Barcelona presenta unha exposición temporal que significará unha das revelacións da tempada nesta vila: Mòmies d’Egipte. Redescobrint sis vides. Trátase de seis restos momificados de seis seres humanos que proveñen do British Museum (ese grande almacén froito do imperialismo e colonialismo) que mantén -pese a reclamacións varias- nos seus fondos uns sete millóns de obxectos.

Non é a primeira vez que a rede de Caixaforums espallados pola xeografía peninsular dedica unha mostra a momias exipcias. En 2013 estiveron paseando Mòmies Egípcies. El secret de la vida eterna, temática e contido moi similares (aínda que daquela as pezas tiñan outras procedencias; entre esas pezas atopábase o sartego de Amenhotep). Pouco despois -2015- volveron á carga con Animals i Faraons. El regne animal en l’antic Egipte, unha grande exhibición de máis de 430 pezas que o British cedeu, con momias de animais e estudos atractivos sobre a vida no Exipto de hai máis de 2.000 anos. Vese, con toda razón, que o Antigo Exipto ten magnetismo e tirada entre os públicos potenciais. Probas hai a eito: en 1986 programaron Nofret a bela. A muller no antigo Exipto, onde sorprendeu coñecer a consideración social que a muller tiña naquela civilización; sobre os reinos do sur exhibiron Nubia. Os reinos do Nilo en Sudán; para ilustrar outras relixiosidades: Outro Exipto. Coleccións coptas do Museo do Louvre, …

E cómpre lembrar, é de xustiza, que nestes meses outras exposicións de ben variada condición comparten excelencia con esta da Fundació LaCaixa. Así percorre a xeografía urbana barcelonesa a mostra sobre a fotógrafa Carrie Mae Weems. Un giro de lo posible, que se pode ver en KBr Barcelona Photo Center, de Mapfre, na Fundació Fotocolectania e mais no MACBA. Tamén salienta Paul Klee. Els secrets de la natura, que ofrece actualmente a Fundació Miró.

O atractivo popular que -de hai séculos- provoca todo aquilo que ten relación coa vida e a morte no Antigo Exipto vese ben reflectido en calquera manifestación humana, mormente des que Napoleón decidiu ir persoalmente a ver os restos daquela cultura. Nas universidades máis prestixiosas estúdase Exiptoloxía. É a única civilización antiga que ten uns estudos superiores específicos; e con nome propio tamén. Compre lembrar que van alá 200 anos des que Jean-François Champollion anunciara en Parísque conseguira descifrar os xeroglíficos da pedra de Rosetta, traída polas tropas napoleónicas (aínda que agora está -como non!- no British), feito que abriu as portas ao coñecemento dos segredos da civilizació exipcia. Os ríos de tinta que manan por novelas, ensaios, libros históricos sobre este tema non teñen conto. Un bo mangado de filmes botan man das recreacións de formas de vida ou de feitos históricos.

Volvendo ao tema desta exposición (momias exipcias), a eclosión de tales restos e os interesantes procesos de momificación aos que chegaron, xorden do que se coñece como a Revolución Osiriaca, acontecida no período intermedio entre o chamado Imperio Antigo e Imperio Medio. Froito do cambio producido na sociedade exipcia antiga, os ritos de momificación aplicáronse á toda a poboación en xeral, e mesmo animais sagrados, adicados a diversas deusas e deuses. Deste modo beneficiábanse desas prácticas de conservación dos corpos non só os faraóns (deuses vivos) -como acontecía antano- senón as persoas normais. Entre outros exemplos que se poderían pór, a Fundación LaCaixa -esa institución abonada aos saldos dos grandes museos europeos- trouxo un fato de pezas do antigo Exipto (Animals i Faraons. El regne animal en l’antic Egipte) onde se mostraban, entre moitas outras pezas, momias de animais sagrados ben conservados (gatos de Bastet, crocodilos de Sobek, ibis, etc). O mundo faraónico é inacabable.

O contido da proposta actual de Caixaforum é moi potente. Trátase de presentar as momias de seis persoas que viviron -máis ou menos- hai uns 2000 anos (entre o 800 ane. e o ano 100) ornadas dos estudos arredor das súas identidades, peculiaridades e rodeadas de moitos obxectos que permiten coñecer xeitos de vida e crenzas. En concreto trátase dun funcionario, unha muller casada, dous sacerdotes, un niño e un rapazote da época grecorromana. Coas técnicas máis adiantadas, como a tomografía computerizada (TAC)  os investigadores logran revelar datos sobre

o perfil persoal de cada individuo, o que permite coñecer datos persoais tan precisos como idade, crenzas, enfermidades,  alimentación ou saúde. Toda unha viaxe no tempo.

Unha das conclusións ás que chegan os comisarios e estudosos desas momias exipcias é, precisamente, que aquelas persoas que viviron entre 3.000 e 2.000 atrás en pouco diferían dos humanos actuais. Semellantes crenzas, parecidas aspiracións, rituais, e por suposto similares medos ante a inmensidade da vida e da morte. Un dos medos colectivos que condicionaba a vida das persoas exipcias de antano era que o sol, algunha mañá, non aparecese polo leste; por iso no templo de Karnac e noutros cada amencer mulleres e homes entoaban cánticos a Amon por volver a manifestarse. Medo específico que tamén sa sabe que foi compartido con outras culturas europeas, orientais e mesmo do continente americano. Ese medo tamén o reflectiu José Luís Cuerda no mítico filme Amanece que no es poco.

No dossier de prensa publicado pola Fundació LaCaixa a respecto desta mostra (Mòmies d’Egipte. Redescobrint sis vides) dise que no antigo Exipto tiñan milleiros de deuses. Eran politeístas, si, pero de verdade tiñan milleiros? Ou máis ben é un comentario impreciso ou pexorativo feito desde sociedades adoitas ao monoteísmo?

 

Mòmies egípcies. Takhenemet, unha muller casada.

Fixeches o poder da muller igual ao do home.(Gabanza a Isis no papiro de Oxirrinco XI, século I ou II).

Sartegos
Sartegos

Entre as seis momias que presenta Caixaforum procedentes do British Museum (ben estudadas e documentadas) hai unha que pertence a unha muller: Takhenemet, una mujer casada de Tebas, que viviu arredor do ano 700 ane. Segundo rezan os papiros que a acompañan era “señora da súa casa”, que vén significando que era unha muller casada. Enterrárona en 3 sartegos -uns encaixados nos outros-, de boa calidade e cun estilo que fai pensar aos exiptólogos que se fabricaron en Tebas, a gran capital do Antigo Exipto (actualmente Luxor) e onde se atopaba o recinto sacro máis extenso da antigüidade: o templo de Karnac adicado a Amon, deus do sol.

Ata o derradeiro día deste 2022 en Madrid pódese visitar e disfrutar a magna exposición Hijas del Nilo. Mujer y Sociedad en el Antiguo Egipto. É unha extensa e sisuda presentación da vida das mulleres no Antigo Exipto, centrando parte importante da mesma a presentar a catro mulleres que chegaron a ser faraonas, é dicir, xefas políticas e relixiosas do Imperio Exipcio, nomes abondo coñecidos: Hatshepsut, Nefertari, Nefertiti e mais Cleopatra. Ben é certo que as noticias que chegan ata a actualidade refírense mormente a mulleres de clase alta.

O punto de partida de Hijas del Nilo -primeira constatación ben sorprendente- é que as mulleres tiñan unha situación legal igual á dos homes; tiñan os mesmos dereitos: herdaban, tiñan propiedades, divorciábanse. Esta realidade xurídica tiña que sorprender moito a viaxeiros de outras sociedades ao chegar a Exipto. Poñamos por caso o grego Herodoto -considerado o pai da historia- que visitou Exipto alá polo ano 450 ane. e que deixou unha famosa frase para a eternidade: Exipto é un don do Nilo. Non se pode idealizar a situación das mulleres naqueles milenios. A meirande parte, as que formaban parte dos estratos traballadores (por non referirse ás escravas), de certo non terían posibilidades nin tempo de exercer tales dereitos; aínda que nun papiro adicado a Isis, a deusa feminina por excelencia dise Fixeches o poder da muller igual ao do home. Entre tantos materiais que alberga Hijas del Nilo. Mujer y Sociedad en el Antiguo Egipto, están unhas copias do chamado papiro erótico de Turín. Este papiro así chamado está cheo de posicións sexuais moi explícitas entre unha muller e un home. As figuras van facendo o acto sexual en moi diversas posturas e, arredor das figuras, van aparecendo outros elementos que informan do alto contido sexual do papiro. Que obxectivo terían as ilustracións tan explícitas que se amosan nese papiro?

No ano 2018, en Caixaforum púidose ver a mostra Agon! A Competición na Antiga Grecia. Nesa ampla presentación de pezas provintes do British Museum, falábase das competicións que cada catro anos se celebraban en Olimpia en honor aos deuses olímpicos. E aí tamén se mencionou que as mulleres (ao marxe de Kiniska, que competiu e gañou cos homes) celebraban os seus propios xogos deportivos. Cantas actividades e realidades do pasado das mulleres se ocultaron perante séculos e milenios!

Mòmies egípcies. Nesperennub, sacerdote. A música.

Sartego e momia
Sartego e momia

Outra das momias da mostra Mòmies d’Egipte. Redescobrint sis vides, prestadas polo British á Fundació LaCaixa pertence a Nesperennub, un sacerdote de Tebas (Luxor), que viviu nesa cidade cortesá arredor do ano 800 ane. No seu sartego indican os signos xeroglíficos que foi sacerdote no templo de Karnac. Formaba parte dunha familia de alto rango. Con toda seguridade participou nos rituais que se celebraban cada día ante a estatua de algún deus, Amon, por exemplo. E é moi probable que colaborase nas ofrendas diarias, entre elas nos cantos e toque de instrumentos musicais. Tamén está agora en Caixaforum a momia doutro sacerdote, Penamunnebnesuttawy, que viviu aló polos anos 700 ane. Por outra parte, Takhenemet, a muller da que se falou no apartado anterior, foi enterrada cun sistro -un instrumento musical parecido a un ruxe-ruxe-. Ambas cousas -os rituais de cantos nos templos e o enterramento cun instrumento musical, falan da importancia da música no antigo Egipto, así como o feito de se conservasen numerosos instrumentos musicais de percusión, de vento e corda.

Semella ser que a música era importante na vida cotiá do Antigo Exipto. A voltas coas influencias que a Exiptoloxía e os seus achados tiveron e teñen sobre a sociedade occidental de hogano, é doado comentar o que aconteceu cunha peza atopada nunha escavación arqueolóxica en Exipto, pretendidamente, un instrumento musical.

No ano 1870 Giuseppe Verdi aceptou o encargo de facer unha ópera de tema exipcio (cómpre lembrar que por aquelas datas abríase o Canal de Suez). O tema escollido por Verdi foi proposto polo exiptólogo Auguste Mariette. A ópera acábase estreando co nome de Aida. Para mellorar a ambientación da obra no mundo do Exipto Antigo, Verdi pediulle asesoramento a Mariette para procurar ser fiel ao mundo musical antigo, polo que o arqueólogo foi responsable en parte da ambientación, vestiario e mesmo da historia que dá lugar á peza musical. Mariette mostroulle a Verdi unha trompeta que se atopara nunha escavación e que era de época ptolemaica. Verdi logrou que se construísen instrumentos seguindo aquel modelo e que tales trompetas tivesen so e aparecesen nas representacións da ópera. Tales trompetas –longas e finas– foron logo usadas en posteriores producións, mormente no cine, xa que calquera peplum que se prece ha ter as súas trompetas gloriosas e sonoras. E os instrumentos antigos que se puxeron de moda por mor da iniciativa de Verdi, seguiron funcionando ata 1970; cen anos. Nese ano (1970) estudos máis científicos sobre a peza exipcia que Mariette lle mostrara a Verdi como trompeta, demostraron que a o trebello metálico era parte do pé dun altar. Nada tiña que ver coa música.

A exposición Mòmies d’Egipte. Redescobrint sis vides é unha magnífica oportunidade para recrearse nos engados que sobre as formas de vida actuais seguen a ter todo o referente á historia e particularidades dos Imperios Exipcios.

Lito Caramés

  • EXPOSICIÓN: Mòmies d’Egipte. Redescobrint sis vides
  • Caixaforum Barcelona
  • ata o  26 de marzo de 2023