A figura de Marc Chagall enche de arte toda a pasada centuria. Por biografía e mais por sensibilidades achégase a diferentes tenencias artísticas, pero sempre mantivo unha forte personalidade creadora. Considerado un mago das cores na pintura, tampouco puido fuxir das súas orixes: xudeu ruso. Está presente a Revolución Bolxevique nas súas obras? O xenocidio padecido polos xudeus pódese rastrexar nas súas pinturas?
Chagall. Un Grito de Libertad. Fundación Mapfre. Testemuña do seu tempo.
Sendo aínda moi novo (1907-08) pintei unha serie de cadros de tema tráxico: “A morte”, “O home coa cabeza ao revés”… Gustaríame comprender por que unha persoa tan xove e alegre coma min podía facer cousas tan tráxicas, como se predixera as forzas que se destaparían máis adiante.(…) Será verdade que en min fermentaba o presentimento do futuro mundo hitleriano, con todos os seus sufrimentos? (M. Chagall, Mémoires).
Marc Chagall (1887-1985). Un espírito sensible, libre. E testemuña moi directa da vida ao longo do século XX; pouco lle faltou para chegar aos cen anos de vida. Como reza o extracto que se reproduce ao comezo deste apartado, a súa sensibilidade semella que xa lle indicaba que ía vivir unha revolución, dúas grandes e devastadoras guerras, e exilios forzados; marcado todo con máis ferro pola súa condición de pertencer á comunidade xudía de Rusia.
Nestes comezos de 2024, a Fundación Mapfre, nas súas salas do Paseo de Recoletos madrileño, ofrece ao público unha formidable antolóxica da obra e vida deste artista fundamental: Chagall. Un Grito de Libertad. Artista e notario dos avatares da pasada centuria. A mostra presenta máis de 160 obras do artista (pinturas, debuxos, acuarelas …), así como documentos persoais procedentes do Arquivo Marc e Ida Chagall, e tamén unha ampla selección de escritos en yidis, lingua na que expresaba as súas emocións e compromisos humanistas.
Chagall. Un Grito de Libertad está coorganizada pola propia Fundación Mapfre así como polo La Piscine-Musée d’Art et d’Industrie André-Diligent (Roubaix) e mais polo Musée National Marc Chagall (Nice). Para tal evento, contouse cos préstamos de moitas entidades museísticas e fundacións europeas e norteamericanas. A importante exhibición está comisionada por Meret Meyer, neta do artista e vicepresidenta do Comité Marc Chagall e mais por Ambre Gauthier, directora dos Arquivos Marc e Ida Chagall. Chagall. Un Grito de Libertad é un verdadeiro luxo ao permitir facer un extenso percorrido polas creacións de Chagall, artista que bebeu de moitas fontes, e onde se poden comprobar a posicións que foi adoptando ante os tráxicos acontecementos que se foron sucedendo na pasada centuria. Moi comprometido coa causa da paz, soubo encher os seus lenzos de poesía visual e humanidade. Como declarou Pablo Picasso no ano 1969, Despois da morte de Matisse (1954), Chagall é o único pintor que entendeu realmente a esencia das cores. Despois de Renoir non houbo ningún outro pintor que soubese tratar a luz con tanto sentimento como Chagall. É moito dicir.
A Fundación Mapfre pon a disposición de quen queira saber máis sobre a inmensa produción do autor das crucifixións a posibilidade de adquirir o catálogo de Chagall. Un Grito de Libertad, que conta con excelentes reproducións das emblemáticas pezas presentes na mostra, e cuns 15 estudos doutros tantos estudosos sobre o legado artístico de Chagall.
Marc Chagall nos Svomas de Vitebsk.
Nin eu mesmo os entendo. Non son literatura. Son só composicións pictóricas que me perseguen. As teorías que podería inventarme para explicalos, e as que aducen outros en relación coa miña obra, son unha necidade absoluta. Os meus cadros son a razón da miña existencia, a miña vida; iso é todo (Marc Chagall).
Como xa se dixo, Marc Chagall é unha testemuña privilexiada dos aconteceres históricos que lle tocaron vivir. Que nacese no seo dunha comunidade xudía, que recibise a educación propia desas comunidades; que a vila natal estivese situada na Rusia de antes da Revolución Soviética, marca fondamente o espírito e os xeitos de existir do artista. Se, como di Rilke, a patria é a infancia, Marc Chagall tivo perante toda a vida a súa patria na vila de Vitebsk (actual Vitsiebsk, e localizada no nordeste de Bielorrusia).
No ano 1918, xa dentro da Rusia revolucionaria, os soviets deciden pechar as academias de artes tsaristas e crean os svomas, ou Talleres Libres de Arte Estatais. O primeiro será o de Moscou. Ao ano seguinte (1919) decídense crear svomas en moitas vilas rusas, entre elas en Vitebsk. Nesta vila nacera Marc Chagall, dentro da numerosa comunidade xudía que habitaba esa cidade, e o cargo de director deses svomas recaerá precisamente na súa persoa. Por aqueles anos Chagall xa estivera vivindo en San Petersburgo e viaxara a París, onde o sorprenderan moito as cores dos fauvistas. Paralelamente este artista sentirase atraído polas orientacións expresionistas que nacen en Alemaña e noutras áreas europeas, tendo amigos entre eles, e compatriotas como Kandinski. Desde a dirección dos svomas de Vitebsk o autor de Promenade proporá unha liña de actuación ligada á tradición cultural rusa. Cómpre ter presente que a súa obra sempre terá unha forte dependencia das súas raíces xudías e rusas (cousa que se observa ante algunha das súas obras), sen esquecer a importancia que lle concedeu ás cores.
Como director logra atraer a esa cidade periférica numerosos artistas e estudantes interesados na creación artística. Así, por esa escola pasarán como profesores El Lissitzky, un dos nomes fundamentais nas vangardas de Rusia, e tamén Kasimir Malévich. Na escola de Vitebsk é onde Malévich difundirá e establecerá a súa revolucionaria concepción da arte: o suprematismo; a negación das cores e tamén das formas. O choque entre Chagall e Malévich logo aparece, en discusións, nas clases. Chagall estaba certo que tiña un grupo de profesores e alumnado como seguidores das súas propostas, pero aos poucos meses constata que toda a escola abrazara as propostas rachadoras e novidosas do autor do Cadrángulo. A Chagall non lle quedou outra que, en 1920, marchar para San Petersburgo.
Non será este o seu derradeiro “exilio” (aínda que interior). Logo foxe a París e, de aí, ao outro lado do Atlántico. A mostra Chagall. Un Grito de Libertad é tan extensa e presenta obras de tanta calidade que permite seguir os avatares vitais do artista alá por onde pasa; do artista que afirmou Os meus cadros son a razón da miña existencia, a miña vida.
Chagall. Un Grito de Libertad. Entartete Kunst.
Coñecinos? Visitei / o seu estudo? Contemplado de cerca / ou de lonxe, os seus cadros / E agora saio de min, dos meus anos / vou á súa tumba descoñecida / chámanme. Invítanme / a min, ao inocente, ao culpable, a súa fosa / Pregúntanme: onde estabas / Fuxín (poema de M. Chagall en yidis dedicado aos artistas mártires).
Dentro deses temas que lle son queridos, Chagall semella que nunca deu saído do seu recuncho, de Vitebsk. Se, como dixo Rilke, a patria é a infancia, evidentemente para Marc Chagall a súa patria é Vitebsk. Unha das constantes da súa produción, aos longo dos anos e das xeografías, son os abundantes autorretratos que se vai facendo. O que acontece é que esas autoimaxes case sempre veñen aparecendo como secundarias: nun lenzo, nun lugar afastado e como complemento de iconografías máis complexas, hai un anxo, ou un galo, ou unha cabra… Esas imaxes son a súa participación na obra, e -xa que logo- a remisión unha e outra vez á vida do Vitebsk de finais do século XIX.
Marc Chagall é dono dun universo moi particular, único. As constantes que se aprecian ao longo de décadas de traballo -como a utilización vitalista das cores e mais da luz, a recorrencia a motivos xudeus da súa infancia- achégano a tendencias vangardistas como o expresnionismo e tamén, e con claridade, ao surrealismo. Por iso se pode comparar a mensaxe de contido, de vivencias, de eixos persoais que ten para Marc a peza Yo y la aldea coa transcendencia da pintura La Masia de Joan Miró? Quizais en ambas obras aflore a forza que as vivencias de infancia teñen en ámbolos dous artistas. Son pezas fundacionais. Tampouco é que ambos creadores disten moito un do outro. Miró tamén foi quen de crear mundos ben propios, os dous camiñaron por vieiros pretos (ou dentro) dos surrealismos. Nas súas pinturas Chagall non fai distingos entre o que poida semellar “a realidade” e aquilo outro que, por forza, ten que ser ficticio. Persoas que voan, animais en calquera posición e tamaño … todo iso só está combinado, estruturado nos miolos do artista.
Que música escoitou Chagall? As súas pinturas teñen ritmo e propiedades musicais. O autor dos decorados de moitas composicións musicais tamén persigue harmonías coas cores, coas composicións das súas obras. Cómpre lembrar que o autor de Le Marchand de bestiaux traballou para a comuñón das artes: música, danza, pintura, literatura. Participou, por exemplo, nas producións do ballet O paxaro de lume, de Stravinky ou na Frauta máxica, de Mozart. O artista total, por iso se lle fixo o encargo de pintar a cúpula da Ópera de París.
Os meus cadros son a razón da miña existencia, a miña vida.
No ano 1931 Chagall participa na creación do Tel Aviv Museum of Art e pasa uns tres meses en Palestina. Pero a historia vai ir por outros roteiros. A chegada ao poder do réxime nazi en Alemaña e a aplicacións das súas represivas políticas en calquera dos eidos da vida, provoca que as obras de Chagall (como as de moitos outros artistas) sexan descolgadas dos museos alemáns. Marc Chagall sufriu dous éxodos. Un, marchando da URSS (quizais alí xa se consideraba a súa pintura “arte dexenerada”?) para establecerse en París; e outro, fuxindo das persecucións que os nazis decretaron contra os xudeus (e non só contra eles: comunistas, homosexuais, xitanos).
Neste último caso, os nazis -ademais- consideraban as súas creacións Entartete Kunst (arte dexenerada); e por tal motivo obras súas (e de moitísimas máis creadoras) atopadas por Alemania formaron parte dunha grande exposición que percorreu toda Alemaña e levaba o simple e denunciador título de Entartete Kunst. A tal mostra estaba composta por unhas 750 obras de arte pertencentes a algo máis de 100 creadores. Inaugurouse en Munich no ano 1937, percorreu as principais cidades de Alemaña e foi vista, segundo contas do propio partido nazi, por máis de 2 millóns de persoas. De Marc Chagall había na represiva Entartete Kunst tres obras. Con anterioridade (1933) os nazis xa queimaran publicamente a obra O Rabino do artista de Vitebsk. Para coñecer o ambiente no que se produciu esa mostra, ben paga a pena lembrar as declaracións de Ziegler, o responsable de cultura do III Reich, que afirmou: O que están vendo son produtos enfermos da tolemia, a impertinencia e a falta de talento. Precisaría varios trens de carga para limpar as nosas galerías de tanto lixo. Entre os analistas posteriores sempre quedou a dúbida de se as numerosas visitas que recibiu Entartete Kunst foi porque os nazis dalgún xeito “obrigaban” a ver a mentada exposición, ou se o público ía de bo grado para ver (quizais por última vez) as creacións de tantas e tantos artistas de vangarda. O filme The Monuments Men é unha achega ao intento real dos nazis de destruír milleiros de obras de arte. (Como resposta a tal despropósito de trato á cultura, o pintor Óscar Kokoschka -en plena persecución, ano 1937- tivo a valentía de pintar un cadro que titulou Autorretrato dun artista dexenerado).
O comezo da Segunda Guerra Mundial e a invasión de Francia estende a represión antisemita por Francia polo que finalmente, en 1941, Bella Rosenfeld, escritora rusa e compañeira de Marc Chagall emprenden a súa fuxida a outro exilio en Estados Unidos. O compromiso ético de Marc Chagall ao coñecer o que acontece en Alemaña (e outros países de Europa) perante a Segunda Guerra Mundial levou ao autor de Le Marchand de bestiaux a comezar a crear unha nova iconografía (nova dentro da súa práctica plástica): a “crucifixión”. Neses anos os Cristos crucificados, só co talit (pano branco xudeu de oración) representa o sufrimento do pobo xudeu. A iconografía da “crucifixión” é cristiá, non xudía. Pero, o autor de O Malabarista sabe mesturar a fonda dor que provoca o holocausto cunha representación tan efectista como é a de executar a unha persoa pendurada dun esteo de madeira. Semella que Chagall quere devolverlla aos cristiáns: xa que acusan aos xudeus de matar a Cristo (o deus cristián), el acusa aos cristiáns de matar aos xudeus.
A magnífica exposición que agora presenta a Fundación Mapfre no Paseo de Recoletos, Chagall. Un Grito de Libertad é tan ampla que revisa as creacións do autor da decoración da cúpula da Ópera de París a través de pezas creadas en todas as etapas da súa vida e, xa que logo, con influencias e estilos diversos. Nesta obra citada (os frescos da cúpula da Ópera de París) todo parece indicar que Chagall quixo facer unha síntese dos seus pesares. Mirando detidamente as figuras, cores e tonalidades dese teito é fácil escoitar música; poderíase dicir que o artista de Vitebsk aprendeu a lección ditada polo compatriota Kandinski cando pintaba e proclamaba a necesidade Do Espiritual na Arte. Cada pincelada é unha corchea, ou unha negra; o trunfo da beleza musical, da fermosura plástica. Puros simbolismos místicos: Os meus cadros son a razón da miña existencia, a miña vida, manifestou o artista.
Des que Chagall chega aos EEUU (e como consecuencia dos actos de exterminio dos nazis) o artista implicarase máis no seu compromiso político. Con posterioridade escribe un poema dedicado aos artistas que morreron perante o réxime nazi, un poema ben significativo das súas participacións en actos e organizacións antinazis e mais, os tempo, da culpa coa que cargaba. Poema que se reproduce ao comezo deste apartado.
A excelente exposición Chagall. Un grito de libertad é un recoñecemento á valía artística; é un pracer para os sentidos.
- EXPOSICIÓN: Chagall. Un grito de libertad.
- Fundación Mapfre, Madrid
- ata o 5 de maio de 2024