MAESTRAS: as artistas comezan a ocupar os seus sitios

Berthe Morisot. Las Hermanas, 1869
Berthe Morisot. Las Hermanas, 1869

Para compensar a dureza da vida, a humanidade precisa da poesía, da música, da escultura; precisa a arte. Na exposición MAESTRAS (Museo Thyssen) explicítanse as inquedanzas estéticas de moitas mulleres artistas. Trátase de dar papeis activos, protagonistas, á metade de poboación que -xeralmente- estivo relegada a posicións pasivas. Por que foi nos derradeiros cen anos cando o patriarcado máis quixo anular a presencia das mulleres artistas?

 

Maestras. Museo Thyssen-Bornemisza. Madrid.

Contan que mirei para tras por curiosidade. / Pero, máis aló da curiosidade, puiden ter outros motivos. / Mirei para tras doída pola miña escudela de prata. / Por descoido, ao atarme unha sandalia. /  Para deixar de ver a caluga xusticeira /  do meu home, Lot. /  Pola súbita convicción de que se morría /  el nin se detería. /  Por desobediencia propia de mansos… (W. Szymborska, A muller de Lot, 1997).

F. Khalo. Niña tehuacana. Lucha María, 1942
F. Khalo. Niña tehuacana. Lucha María, 1942

No ano 1989 as activistas Guerrilla Girls publicaron -dentro das súas reivindicación- o xa famoso cartel que rezaba: Do Women Have To Be Naked To Get Into the Met. Museum? No titular do cartel empregan a palabra “naked”, de uso máis duro que a súa homónima “nude”, para seguir afirmando que menos do 5% dos artistas que hai nos museos son mulleres, mentres que o 85% dos corpos nus son femininos. Para máis denuncia, a imaxe que acompaña os textos é unha reprodución da Grande Odalisca, de Ingres (unha das obras onde é máis evidente a utilización do corpo feminino como pura obxectivación, máxime cando se trata dunha invención: Ingres nunca viu odaliscas e non se presentaban así nos pretendidos haréns orientais). No cartel Grande Odalisca, pero -iso si- con cabeza de gorila.

Nestes meses de traspaso entre 2023 e 2024 o Museo Thyssen de Madrid presenta unha importante exposición –MAESTRAS– para ir facendo xustiza ás mulleres creadoras nos eidos artísticos. Son un cento de obras (pinturas, esculturas, creacións en papel e téxtiles) que percorren a creatividade de mulleres artistas desde a segunda metade do século XVI ata as primeiras vangardas do século XX, e que se estrutura en oito apartados, tendo como eixo principal a evolución cronolóxica das sociedades e das tendencias artísticas. Está comisariada por Rocío de la Villa que aposta por ofrecer unha visión feminista dos traballos das mulleres artistas.

Nesa viaxe pola creatividade artística de tantas e tantas mulleres pódense apreciar catro pezas, catro, de Artemisia Gentilleschi, unha artista moi apreciada ao longo da súa vida; do mesmo xeito que o foron outras coetáneas súas como Sofonisba Anguissola, música, escritora e afamada pintora. Entre moitas outras artistas, están presentes en MAESTRAS creadoras como Fede Galizia, Lavinia Fontana, Angelica Kauffmann,Anna Ruysch, Clara Peeters, Rosa Bonheur, Louise Vigée-Le Brun, Victoria Martin, Mary Cassatt, Berthe Morisot, María Blanchard, Lluïsa Vidal, Anna Archer, Kathe Kollwitz, Susanne Valadon, Natalia Goncharova, Sonia Terk Delaunay, Tamara de Lempicka, Camille Claudel, Jacqueline Marval ou Maruxa Mallo. Como se pode apreciar a nómina é diversa, internacional e as obras presentadas teñen unha alta calidade.

Outra característica a destacar é a procedencia das pezas. A relación de museos, fundacións e institucións públicas e privadas que prestaron obras para MAESTRAS é inmensa, poden pasar perfectamente de cincuenta, xa de Europa, xa de América. Nesta presentación é doado realizar unha visita virtual á exposición. Para completar esta interesante (e necesaria) presentación de creacións saídas dos miolos e mans femininas, o propio Museo Thyssen-Bornemisza edita un excelente catálogo, onde atopar textos de  estudosas (Rocío de la Villa -comisaria-, Haizea Barcenilla, Ana Martínez-Collado e Marta Mantecón) e boas reproducións das obras expostas.

A comezos deste apartado reprodúcense os primeiros versos do poema A muller de Lot, da poeta polaca Wislawa Szymborska, Premio Nobel de Literatura en 1996. No poema Szymborska dálle a volta á versión que do suceso se deita na Biblia. A poeta converte a unha personaxe pasiva en protagonista das súas accións, de ser vítima de decisións patriarcais a muller vai facendo afirmacións nas que se arrepón contra o dominio masculino. O maltrato dado na Biblia e esta muller chega ao extremo de que é un ser sen nome; é ninguén. É unha muller totalmente dominada: é a muller de Lot, unha propiedade máis do patriarca.

 

Maestras. Museo Thyssen-Bornemisza. “Medio museo”

Unhas poucas mulleres aparecían con certa regularidade para representar todo o que non era arte, non era arte porque se asociaba co xénero feminino. É o que chamamos o “estereotipo feminino” (…) Ese estereotipo funcionou ao tratar a artistas mulleres como seguidoras ou discípulas de artistas homes, ou como artistas que, por natureza, facían cousas lixeiras: retratos, naturezas mortas, pintura de flores… (R. Parker e G. Pollock, Maestras Antiguas. Mujeres, arte e ideología, 2021).

A. Gentileschi. Judit y su criada, 1618-1619
A. Gentileschi. Judit y su criada, 1618-1619

Desde que no ano 1976 Linda Nochlin comisariou a mostra Women Artists: 1550-1950, a primeira sobre mulleres artistas (coa presencia de 83 creadoras de doce países), xa van alá unhas cantas exhibicións, colectivas ou individuais, de creadoras que foron e son agachadas por diversas artimañas do patriarcado. Como anécdota comentar que moitas das artistas que estaban en Women Artists tamén teñen obra nas salas do Museo Thyssen-Bornemizsa. MAESTRAS é, xa que logo, un banzo máis nos vieiros da igualdade. Moito se leva escrito sobre a realidade que expón o anterior parágrafo das dúas historiadoras da arte, Pollock e Parker. E sempre -dun xeito ou de outro- se bota man do que se pode denominar “Síndrome da muller de Lot”: a despersonalización das mulleres, a relegación a segundos planos, a eses roles pasivos ante o “macho” activo e dominador.

No ano 1981 as estudosas e feministas Roszika Parker e Griselda Pollock publicaron o importante traballo Old Mistresses. Women, Art and Ideology (hoxe -40 anos despois- publicado en castelán Maestras Antiguas. Mujeres, Arte e Ideología, Akal, 2021). Neste libro as autoras denuncian o feito de que no século XX houbo unha deliberada estratexia para anular a presenza das mulleres nas artes. Sorprendentemente, Parker e mais Pollock atopaban en publicacións do século XVI e posteriores estudos dedicados a pintoras e outras artistas, feitos por homes coetáneos. En concreto citan á artista quizais más valorada: Sofonisba Anguissola, música, escritora, pintora na corte de Felipe II. Velaquí un dos parágrafos onde as historiadoras falan da consciente ocultación que percibiron no século XX: É só no século XX cando presenciamos a anulación deliberada da presencia das mulleres modernas como creadoras da arte moderna, no transcurso do século da máis grande modernización da vida das mulleres, e das súas experiencias, da súa educación e do seu empeño por formar parte da sociedade e da súa transformación política, científica, filosófica e estética. (Griselda Pollock, 2021).

Desde a Gran Guerra decrétase o silencio entre artistas homes e críticos. Por que? Quizais porque as mulleres demostraran de 1914 a 1918 que eran tan capaces como calquera home de facer calquera traballo? Era iso unha ameaza ao patriarcado? (Griselda Pollock foi unha das comisarias da magnífica exposición que se puido ver, en 2021, no Guggenheim Bilbao: Mujeres de la Abstracción, máis de 300 obras, de máis de 100 artistas).

A calidade de bronces, óleos, pasteis, escaiolas, acuarelas, ou bodegóns, retratos, temas históricos ou relixiosos ou cotiás que Rocío de la Villa logrou xuntar en MAESTRAS está a altura de calquera outra exhibición artística que se poida ver en grandes museos, sexa cal sexa o seu contido e sexan quen sexan as/os autores. O dominio da estrutura, da composición, o emprego das cores, das perspectivas (ou non), falan de grandes artistas, e integradas dentro das tendencias (movementos, vangardas) dos tempos nos que traballan. As creacións de Gentileschi resisten perfectamente as comparanzas con Caravaggio, Cassat e Morisot igual con Monet ou Sisley, Delaunay con pintores cubistas.

No estudo xa citado, a historiadora Griselda Pollock, e a súa compañeira R. Parker, falan do concepto de Medio Museo. Nos anos 70 trataron de adiviñar onde podían estar as obras das artistas do pasado: as Maestras Antigas, do título. Logo de moito rebuscar comprobaron que no British Museum e noutras institucións museísticas si que había obras de mulleres artistas do pasado; pero recluídas nos almacéns. Faltaba por tanto conseguir que as pezas que foran creadas por pintoras, escultoras e demais profesións artísticas pasasen ás salas expositivas. É dicir, cumpría encher o Medio Museo que falta: a creación feminina. Nese camiño tan longo e duro hai que encadrar a MAESTRAS.

Así teñen explicación feitos tan sorprendentes como que hai pouco (2016) o Museo del Prado (a gran medio pinacoteca) programase a exposición El arte de Clara Peeters (a primeira exposición que esa entidade dedicou a unha muller); nos seus fondos tiña e ten bastantes lenzos desa autora. En 2014 o MNAC (Barcelona) dedica unha antolóxica a Lluïsa Vidal -a primeira a unha muller- que tamén durmía nos “fondos” do museu. A nómina é moi longa, a inxustiza centenaria.

F. Galizia. Frutero de cristal con melocotones, membrillos y jazmín, siglo XVII
F. Galizia. Frutero de cristal con melocotones, membrillos y jazmín, siglo XVII

MAESTRAS. Museo Thyssen-Bornemisza. “Xenios”.

O xenio masculino nada ten que temer do gusto feminino. Deixemos aos homes de xenio concibir grandes proxectos arquitectónicos, esculturas monumentais e elevadas manifestacións pictóricas. Que os homes se ocupen de todo o que ten que ver coa arte. E que as mulleres se dediquen a aquelas ramas que sempre cultivaron como o pastel, os retratos ou as miniaturas. Ou a pintura de flores… (L. Lagrange, Du rang des femmes dans l’art. “Gazette des Beaux-Arts”, 1860).

Vigée-Le Brun. Lady Hamilton como una bacante 1790
Vigée-Le Brun. Lady Hamilton como una bacante 1790

Xa vai para sete anos que a Fundación Mapfre, en Barcelona, presentou a mostra Tocar el color. La renovació del pastel, unha escolma dun cento de pezas de 68 artistas que evidenciaba que a técnica do pastel non é privativa dos espazos domésticos nin das feituras de mans femininas. Alí había pezas de Morisot, Miró, Delacroix, Millet, Redon, Cassat, Picasso, Blanchard, Degas, Boudin, Renoir, Puvis de Chavannes, Monet, Sisley, Boldini, … Contra o que escribe e predica monsieur Lagrange, o emprego desa técnica do pastel (considerada menor, fácil, e de prezos máis baixos) semella universal, de xenios femininos e de xenios masculinos.

Na exposición MAESTRAS a comisaria, Rocío de la Villa, pretende dar a entender que as creacións artísticas das mulleres seguen vieiros propios, diferentes aos que recorreron os seus coetáneos os homes. Dá a impresión de que quere evidenciar que as artistas teñen sensibilidades diferentes, e mesmo se fala ao longo do percorrido expositivo de sororidade. Algo así como se ao “xenio masculino” que escribe o señor Lagrange e tantos e tantos outros (a xenialidade masculina individual, con paradigma en Pablo Picasso, por exemplo) houbese que confrontar o “xenio feminino”, con especificidades propias.

É evidente que moitas artistas teñen unha ollada cara as realidades que lles toca vivir diferente da de moitos homes: poden presentar nos seus lenzos, maternidades, escenas domésticas, retratos doutras mulleres… Pero os homes (ou moitos homes) tamén executan eses temas. Por outra banda, os estilos (barroco, neoclasicismo, impresionismo, vangardas) dunhas e mais dos outros veñen sendo a mesma cousa.

Lluïsa Vidal. Las amas de casa, 1905
Lluïsa Vidal. Las amas de casa, 1905

(Como anécdota: algunhas obras da pintra Lluïsa Vidal borráronlle a súa firma e falsificaron a de Ramon Casas ou Santiago Rusiñol, artistas modernistas e coetáneos dela pero que -ao ser homes- cotízanse máis. Iso demostra que a técnica desa pintora era tan boa como a dos homes máis valorados do seu tempo, que Vidal era quen de executar elevadas manifestacións pictóricas. E non só pasteis ou pintura de flores).

Por estas, e outras razóns, parece arriscado aventurar que o “xenio feminino” é un feito específico, diferenciado. Diríase que a comisaria está a caer no mesmo erro de quen apela ao “xenio masculino” para anular ás mulleres artistas da historia da arte.

Xa desde o comezo da letra de Stairway to Heaven -considerada por moitos críticos musicais como a máis fermosa balada da historia do rock- os autores, Jimmy Page e Robert Plant, afirman que a muller que protagoniza esta lenda irlandesa ten poderes. Os poderes máxicos dunha deusa branca? Concretamente, no sexto verso xa se afirma que, se quere, a muller cunha soa verba consigue o que quere. E no terceiro verso da balada explicítase textualmente And she’s buying a stairway to heaven; que se volve repetir ao longo da peza como retrouso, e que vén sendo o título da canción xa tan famosa. Con mostras como MAESTRAS estase asistindo aos intres nos que as mulleres -polas súas loitas, non por graza de ninguén- están comezando a pisar os banzos desa escaleira?

Lito Caramés