Leonora Carrington, unha artista visionaria e surrealista

Carrington. The Horses of Lord Candlestick, 1938
Carrington. The Horses of Lord Candlestick, 1938

A vida desta artista de orixe británico foi unha viaxe á procura do estraño, do que a realidade ten de marabilloso. Nestes meses a Fundación Mapfre presenta unha espléndida mostra das súas variadas obras: Leonora Carrington. Revelación. A oferta é espléndida pola calidade, pola diversidade, pola cantidade de materiais presentados. Unha viaxe aos mundos desta artista surrealista. Que revelan, que agochan as pinturas e deseños de Carrington?

 

Leonora Carrington. Revelación. Fundación Mapfre. Down Below.

There’s a lady who’s sure
All that glitters is gold
And she’s buying a stairway to heaven
When she gets there, she knows
If the stores are all closed
With a word she can get what she came for
(Led Zeppelin. Stairway To Heaven. 1971).

Carrington, Down Below, 1940
Carrington, Down Below, 1940

A artista e escritora Leonora Carrington foi unha das mulleres que sempre se considerou próxima ao movemento surrealista, des que Max Ernst en París a presentou á caterva de André Breton e compañía. A verdade é o estraño, o marabilloso. Estas poucas verbas están na resposta que Leonora Carrington -con vinte anos- deu a Breton cando este santón do surrealismo lle presentou a “Enquisa” que lles pasaba a todas e todos os artistas que se achegaban ao grupo surrealista. O Estraño, o Marabilloso. Carrington, por biografía, por avatares, por crenzas sempre estivo preto desas dimensións máxicas e oníricas. Dimensións que viaxan polo gume da navalla -afiado, perigoso- que estrema ‘a normalidade’ e outros mundos: espiritualidades, tarot, … vesania. A rebelde moza, de boa familia inglesa e de influenzas irlandesas na infancia logo fuxiu da casa paterna para facer a súa vida máis aló de ditames convencionais. Esa liberdade procurada e alcanzada tamén a levou a verdadeiros infernos en vida. Biografía de subidas e baixadas, de felicidade e desgrazas.

Algo similar pódese dicir do comezo da letra de Stairway to Heaven -considerada por moitos críticos musicais como a máis fermosa balada da historia do rock. Nesta peza quérese explicar unha lenda irlandesa, protagonizada por unha muller que, como din Jimmy Page e Robert Plant en Stairway to Heaven, ten poderes. Os poderes máxicos dunha deusa branca? Concretamente, no sexto verso xa se afirma que, se quere, a muller cunha so verba consigue o que quere. E no terceiro verso da balada explicítase textualmente And she’s buying a stairway to heaven; que se volve repetir ao longo da peza como retrouso, e que vén sendo o título da canción tan famosa. Leonora Carrington tamén desexou ter unha escada para chegar ao ceo? Naqueles intres tan terribles da violación en Madrid e da reclusión no sanatorio de Santander (atada de pés e mans) procurou unha stairway to heaven?, algunha forza ou arcano que lle brindase unha morte liberadora?

No ano 1944, xa en México, logo de fuxir do inferno que pasou en España, Carrington publica o libro Down below. Ese libro recolle principalmente os tempos nos que Carrington e mais a súa parella daquela, Max Ernst, queren fuxir dos nazis (a Ernst detivérono varias veces) e chegan a España, pasan a Portugal, logo a New York e Carrington remata en México. Libro escrito por recomendación do psiquiatra Mabille que lle dixo que se quería desfacerse dos pesadelos e crises psicóticas que lle provocaban as lembranzas da fuxida de Europa, o mellor era que o escribise. Así o fixo. Escribir como terapia; a escrita como conxuro do que lle diagnosticara o doctor Morales no sanatorio de Santander: incurably insane. Nada máis chegar a México (1940), a autora da novela A Trompeta Acústica pinta tamén un cadro co mesmo título (Down Below). Esta pintura vai entrando no censo de accións que a artista vai executando para mirar de conxurar o pasado inmediato. Segundo escribe no libro do mesmo título, trátase dunha obra onde hai varios retratos, pero que todos son ela mesma; o que pretendeu foi expulsar de dentro de si propia todas as personaxes que nela habitaban. E aí están: á dereita con as e todo un autorretrato ben identificable, en primeiro plano diversas personalidades adoptadas (velaí as máscaras que emprega). Polo medio o inevitable cabalo, e ao fondo un castelo con rexas e portas, é dicir, o sanatorio do dr. Morales onde a pecharon e trataron con fortes fármacos coa idea de eliminarlle a consciencia. Para Carrington a chegada e posterior estancia en México é unha subida aos ceos.

Subidas e baixadas. Carrington fixo un curso de formación en artes en Florencia, onde admirou a pintura do Quattrocento (que logo irá emerxendo nas súas obras). Na capital da Toscana veu e paseou por un lugar peculiar o Cimitero degli inglesi. Tal cemiterio está situado de tal xeito que, se se pasea por fóra dos muros, os vivos camiñan a un nivel máis baixo ca os mortos, que están enterrados nun outeiro. O mundo ao revés: os mortos enriba, os vivos embaixo. Cando a pintora fala de Down Below seguro que este paradoxo que observou en Firenze estaba presente dentro, dentro dos seus miolos. Carrington acababa de vivir un gran trauma en España: viva, pero tan fundida que se diría que o facía no fondo dos seus pensamentos, no fondo das súas emocións e sentimentos.

Máis adiante, na balada de de Page e Plant dise: There’s a sign on the wall / But she wants to be sure / ‘Cause you know sometimes words have two meanings / In a tree by the brook / There’s a songbird who sings / Sometimes all of our thoughts are misgiven. Ás veces as verbas teñen dous significados… de tanto en tanto os pensamentos interprétanse mal… Plant e Page -cando compuxeron esta balada- estaban a pensar en Leonora Carrington?, coñecían a súa vida e obra?

É ben sabido que Jimmy Page, guitarrista situado polos críticos entre os tres mellores, é un gran coleccionista de arte. Terá no seu poder algunha obra de Carrington? Por se fosen poucas as similitudes entre a pintora e o guitarrista, Page tivo en Londres unha libraría especializada en ocultismo, foi convidado a compor a banda sonora do filme Lucifer Rising (cousa que declinou), pero permitiu que algunhas das escenas fosen filmadas na súa casa londiniense; e moito se ten escrito e falado sobre os símbolos próximos aos do tarot que aparecen nos discos de Led Zeppelin, … Leonora Carrington e mais Jimmy Page son almas xemelgas?

Leonora Carrington. Revelación. Fundación Mapfre.

Sabes? Por iso prefiro ler algún libro. Non, non necesariamente intelectual, contos de fadas. Contos de fadas á túa idade? Por que non? Que é idade en todo caso? Algo que non comprendes, amor meu. (Leonora Carrington. A Trompeta Acústica, anos 40).

Carrington. The Giantess, 1947
Carrington. The Giantess, 1947

Nesta primeira metade de 2023 a Fundación Mapfre ten o acerto de programar, e ofertar, ao público unha exposición temporal magnífica, unha antolóxica ampla e rica sobre esta sobresaínte artista surrealista: Leonora Carrington. Revelación. Realmente toda unha revelación da vida e obra da pintora tan gabada por André Breton, tan coñecida, e que despois (como tantas outras artistas) desapareceron das nóminas de artistas das vangardas. Carrington chegou a facer exposicións individuais na galería de arte de Pierre Matisse en New York, algo así como o gran templo da arte despois da Segunda Guerra Mundial.

Leonora Carrington. Revelación vén sendo a primeira exposición antolóxica dedicada á autora d’A Trompeta Acústica que se organiza e celebra en España. Lenora Carrington foi unha muller rebelde desde moi nova, sempre crítica e dona da súa vida. Ao tempo, e como xeito de estar neste mundo, sentiu unha preocupación moi adiantada ao seu tempo polos problemas ecolóxicos (a natureza e os bosques, en concreto, foron temas do seu interese) e tamén se fixo habitual nos seus ollares de xénero e a defensa dos dereitos das mulleres. As súas pinturas beben de fontes que foi asimilando ao longo da súa vida. O universo das lendas irlandesas -como se comentou no apartado anterior- todo tipo de rituais máxicos estarán sempre presentes nas súas iconografías. O coñecemento das creacións que o Quattrocento deixou en Florencia e as visitas que, na súa estada en Madrid, fixo ás pinturas do Bosco conforman algunhas das figuras ben identificables que van desfilando polas súas telas.

A mostra Leonora Carrington. Revelación é moi extensa e brinda ás persoas que a visiten unha panorámica abondosa de todas as etapas creativas de Carrington. Son moitos os prestamistas de pezas que se poden ver agora no Paseo de Recoletos, e a meirande parte son de coleccionistas particulares. O total de obras que están nas salas da Fundación Mapfre é de 188, entre  pinturas (con varias técnicas), debuxos, fotografías, esculturas, tapices e tamén documentos escritos, tal e como corresponde a unha gran escritora. A abundancia de creacións conseguidas para a ocasión fala dos esforzos que fixeron a e os comisarios: Tere Arcq, recoñecida especialista nas estéticas do surrealismo, e tamén Carlos Martín e Stefan van Raay, director do Cobra Museum voor Moderne Kunst de Amstelveen.

A abundancia de obras tan variadas de Carrington, así como a orgsnización cronolóxica da exposición e toda a información a disposición dos visitantes, permite comprender as liñas básicas de traballo da artista, as temáticas abordadas ao longo de décadas de creación, saír das salas da Fundación Mapfre cunha visión global de quen foi Leonora Carrington. Tal vez a excelencia desta mostra sexa o elemento fundamental que explique o éxito de público que está a ter. As fileiras de persoas para entrar á exposición falan por si mesmas.

Leonora Carrington foi unha artista valorada e exitosa en vida e que logo foi esquecida e relegada a ese espazo amnésico onde o patriarcado agocha ás mulleres artistas (e científicas, … ). No ano 2017 a galería Mayoral organizou a primeira exposición dedicada a mulleres surrealistas; entre elas había obras de Carrington. A finais do mesmo ano (curiosamente) o Museo Picasso de Málaga presenta a mostra Somos plenamente libres, onde se presentaban en público, e xuntas, pezas de 18 mulleres artistas surrealistas. 18, nada menos! E Carrington estaba na nómina. Como é habitual a Fundación Mapfre publica un exhaustivo catálogo sobre esta exposición, con textos moi ilustradores da vida e obra de Carrington a cargo dos comisarios.

Carrington, Artes, 110, 1944
Carrington, Artes, 110, 1944

Leonora Carrington. Revelación. Surrealismo, feminismo.

A deusa Lúa da Palestina asiática era adorada con pombas (…) E tamén era adorada como unha vaca de longos cornos, Hathor ou Isis ou Ashtaroth. Isis é unha verba onomatopeica que significa “a que chora”, pois coidaban que a Lúa botaba orballo, e por iso Isis (o precedente da Mater Dolorosa cristiá) chorou por Osiris. (…) A vaca Lúa dourada Io instalouse en Exipto despois das andainas desde Argos. (Robert Graves. A Deusa Branca, 1948)

Carrington. Mujeres conciencia, 1972
Carrington. Mujeres conciencia, 1972

Hai elementos constantes ao longo do tempo (e das obras) nas creacións de Carrington. Un deles, e dos máis abondosos, é o cabalo. Unha das pezas interpretada con disparidade de criterios é The Hosrses of Lord Candlestick (1938). Os comisarios da mostra afirman que o lord do título non é outro que o señor Carrigton, o pai da artista rebelde e co que sempre tivo malas relacións (de certo non se volveron ver des que a autora de Down Below tivo 19 anos); o pai empregou todas as súas influencias (desde Gran Bretaña) para pechar á súa filla no sanatorio do dr. Morales, Santander. Nesta composición paisaxista e onírica os 8 cabalos (ou eguas) son representados en todas as poses e cores (restos de fauvismo?). Algúns mesmo dan a impresión de descansar relaxadamente, mentres outros están representados con xestualidades iradas. O branco da dereita está subido a unha árbore (cabalo capado?), o azul da esquerda mira cara o espectador con ollos de alucinado, como se o dominase o terror. Será unha crítica ao rol que o pai exerceu na vida de Leonora?, crítica á figura do patriarca?

Carrington confesou nos seus escritos que a lectura do libro A Deusa Branca, de Robert Graves, foi para ela toda unha revelación. O libro, publicado en 1948 e resumo de artigos que xa saíran antes, segue a tese da existencia dunha deidade europea, a Deusa Branca do Nacemento, do Amor e da Morte (unha deusa similar á deusa nai, que foi inspirada nas fases da lúa. Esta deusa común sería anterior aos deuses masculinos que o patriarcado acaba impondo, pero que seguiu presente, revestida con outros nomes e denominacións, e conservada tamén en poemas e outros vestixios. A artista quedou fascinada polo ensaio de Graves (o mesmo que escribiu Eu, Claudio) e de aí xurdiron diversas obras creadas. The Giantess vén sendo unha representación desa Deusa Branca. Na obra, Carrington presenta unha figura feminina, inmensa, con cabelo loiros, vestido vermello e capa branca, que descalza descansa sobre unha paisaxe e ambiente que ben fai lembrar as composicións de Hieronimus Bosch que tivera ocasión de ver en Madrid. Entre as mans a xiganta garda un ovo; o ovo da vida. Os animais fantásticas que voan (pterodáctilos?) e os que nadan polo mar de fondo e mexen pola terra semella tirados do Xardín das Delicias. A Deusa Branca aquí representada como dadora de vida e de dimensións grandiosas, é unha reivindicación feminista: Carrington está loando unha deusa non cristiá que -segundo o tratado de Graves- é anterior á organización das mitoloxías olímpicas, cristiás ou hebreas (propia dun matriarcado?).

Abundando na militancia feminista de Carrington, pódese ver na mostra Leonora Carrington. Revelación o cartel Mujeres conciencia . A obra militante está chea de símbolos que fan referencia á vida (serpe, alas, esferas…) e na que se confrontan dúas mulleres (unha negra e outra branca, ambas con referencias iconográficas exipcias) que portan nas mans, como ofrenda, cadansúa mazá. Evas, deusas?

Outra peza sinalada é a titulada Transference (1963). Pódese interpretar como a antítese de Down Below. No centro aparece, sereo e encapsulado, o dr. Mabille, o psiquiatra que en México lle axudou a abandonar os traumas anteriores. O propio doutor recomendoulle este título, pois para el esta pintura era iso: unha transferencia de estados anímicos, de  estadios mentais.

A chegada a México puxo a Carrington en contacto con culturas (olmeca, azteca, maia) con fortes simboloxías, con complexos sistemas representativos, con mitoloxías ben diferentes das europeas. No mesmo ano 1963 pídenlle que compoña un gran friso para a reapertura da Escuela Nacional de Antropología e Historia de México, El mundo mágico de los Mayas. Na obra de 5 metros de longo, hai unha paisaxe montañosa e diversos símbolos relativos a mitoloxías antigas e tamén ácriatiá. No centro voa Quetzalcoalt, a serpe emplumada, procesións, animais de toda índole e outras figuras que fan referencia a divindades.

No comezo da canción do grupo de rock, Triana, Abre la puerta, a letra inicia o seu percorrido poético cos seguintes versos: Yo quise subir al cielo para ver / Y bajar hasta el infierno para comprender / Qué motivo es / Qué nos impide ver / Dentro de ti, dentro de ti / Dentro de mí. Quizais, en boa parte, a vida de Leonora Carrington foi unha viaxe de ida e volta, de ascensión aos olimpos e de descenso aos infernos. Carrington baixou ao Hades para comprender? Tamén cruzou a lagoa Estixia como Dante e coñeceu en vida as maldades, as miserias do xénero humano?

  • EXPOSICIÓN: Leonora Carrington. Revelación
  • Fundación Mapfre, Madrid
  • ata o 7 de maio de 2023
Carrington, Transference, 1963
Carrington, Transference, 1963