Homenaje a J. A. Durán: Unha vida para investigar

José Antonio y Manolo
Manolo Durán, padre de Pablo, de primera comunión, con su hermano Tonio y sus padres

Cando era pequeno, nesa idade na que un só desfruta, na que vive afastado do futuro, apegado á pura existencia, á felicidade imperecedeira, nesa idade que todos tivemos, ás veces, en actos sinxelos e cotiás, sentía un escalofrío. Sentía unha pequena descarga dende costas ata a caluga, unha sensación que acababa nun sorriso pasmón e inevitable. Pasábame moito co meu pai, cando falaba con el ou miraba as cousas que facía, por pequenas e de costume que foran. Pasábame moito coa miña nai, cando me ensinaba a aprezar a lectura e as culturas alleas, con esa sabedoría humilde dela, produto da natureza pura que ela ten. Pasoume coa miña muller, á que admiro pola súa forza de vontade, pola súa creatividade e a súa bondade absoluta. Co paso do tempo puidenlle pór nome a esas emocións sen explicación aparente: orgullo e recoñecemento.

Esa sensación tamén a tiven co meu Tío Tonio. Porque José Antonio Durán sempre foi o Tío Tonio. Esa sensación xurdiu nova e forte co paso do tempo, cando tiven o substrato preciso para entender que as historias que el contaba eran as da nosa terra, as das nosas creacións, as do noso pensamento, as das nosas accións políticas, as da xente que no pasado construíron a realidade complexa na que vivimos hoxe en día.

Cando crecín puiden aprezar todo o inxente traballo que Tonio fixo durante tantos anos. Escarbando no pasado, nas bibliotecas, nos cemiterios, nos arquivos privados, recompilando tradición oral e creando tal cantidade de sabedoría que racharon as tebras existentes ata o momento nalgunhas áreas da historiografía galega.

Descubrín que fora unha especie de rompexeos no estudo do movemento agrario en Galicia, na historia do campo galego, dándolle o valor axeitado, facendo que personaxes que loitaron polo xerme do asociacionismo na terra deixaran de ser algo descoñecido.

Pablo y tío Tonio
Pablo Durán con su tío Tonio, Sara y las nuevas generaciones: David y Cloe

Pero logo tamén o fixo co universo cultural e político dos séculos XIX e XX, recalcou en incontables conversas cos meus pais e comigo mesmo a importancia da pegada do dezanove en España e Galicia e puxo luz sobre personaxes claves na cultura autóctona.

Todo iso o fixo por el mesmo, sen canles oficiais, sen correas de transmisión férreas, coa súa independencia, como motor, e coa axuda familiar. Viu cedo o valor da internet coa creación da Cueva de Zaratustra, do audiovisual con “Taller de edicións” e fixo da microempresa cultural un formador de coñecemento e de forma de vida.

O seu carácter tamén era o preciso para esa tarefa vital. Tranquilo, como as súas palabras, traballador e apaixonado, dedicado por enteiro á investigación, o meu recordo del sempre está apegado aos libros e aos textos, aos documentos, ás publicacións.

Aí amosou un talento para todo, como un home dominador da erudición, das fontes, do traballo e fixo da súa paixón a súa vida. Na que a descarga eléctrica estivera cada día na súa caluga e na do resto dos que compartiron a súa cotidianidade.

Pero tamén era unha persoa cun humor acedo, coa imaxinación e os comentarios irónicos cheos de enxeño como marcas definitorias. Foi un home que nunca fuxiu da formación aos demais. E fíxoo sen estar nas aulas da universidade, senón a pé de café, de conferencia, de rúa. Para calquera que tivera interese, sen mirar á orixe ou á folla de matriculacións. Deu o coñecemento a cambio de pouco, sen créditos nin Bolonias, co mero interese de intercambiar información ou simplemente de ser capaz de encher os ocos de sabedoría para os que lle pedían facelo.

O seu legado será ese, o recordo no papel e no impulso que deu para que outros tomaran o seu pulo. Aí estará sempre, coa súa tranquilidade, co seu falar pausado e firme, co seu resplandor absoluto.

HOMENAJE A JOSÉ ANTONIO DURÁN:

  1. Pablo Durán
  2. Mª de los Ángeles Tilve Jar
  3. Javier Munáiz
  4. Miguel Anxo Seixas Seoane
  5. Rafael Chacón Calvar
  6. Justo Beramendi
  7. Luís Cochón
  8. Rosario Álvarez