I
Fomos amigos de por vida, así. Don Xosé Filgueira soía dicir ao falar da súa dereita política, de toda a vida: cantarela, mesmo retrouso –que saberedes vós!– cando non había outra cousa que dereita en toda a urbe e contorna, e, polo tanto, de non haber máis que tratar –xa sei!– morra o conto. Pero se o traio a lévedo é para advertir que Filgueira, de bo xorne, estábase a rir de si propio se optaba pola locución “de toda a vida”, conclusiva, para non lle dar máis voltas á súa ideoloxía liberal conservadora, de case que sempre: nese sorriso ía diluíndo don Xosé, o: de toda a vida. Porque hai moitas vidas e, xa que logo ningunha vida nin a de Filgueira nin a de Durán nin a miña propia son “de toda a vida”. E se traio, outra vez, a Filgueira, no seu mesmo Museo, será, por tanto e por canto e polas veces –para nolos dous, referente inequívoco– que nos temos metido con el nalgún caneo venial a teor das alcaldadas menores. Que gloria haxa.
Confío en que meu amigo de sempre, José Antonio Durán Iglesias, preto ou lonxe, aquí e acolá, un e outro sabiamos estarmos xuntos, case que sen palabras. Sigo a confiar en que Tonio tivera tempo de erguer esa edificación interior que el preferiu para si ó longo dos derradeiros meses da consumación.
Exhortaban a Solón a que non vertera bágoas impotentes e estériles pola morte do seu fillo: “Pois, precisamente, por iso –dixo– con máis razón as verto, porque son inútiles e impotentes”.
II
Voume acordar daqueles veráns, 1963-1967, cando tiñamos tempo para todo, ata para traballar no Diario de Pontevedra e escribir e publicar os nosos primeiros tanteos. O caso é que pasabamos horas xuntos, na redacción ou na rúa. Calquera que nos vira podería chamarnos os dous de sempre, que nos chamaron. Ó Diario levounos Manolo Cuña, poeta maior, xa acordado con Ánxel Huete, gran periodista e boísima persoa –“e como vos vou censurar o que traedes escrito se é o que eu mesmo penso?”. José Antonio chegaba cada día cos seus folios preparados e dispostos, a máquina, co seu nome completo na cabeza e as iniciais no cabo: JADI. – Pero, Tonio, onde vas ti con tanto texto? –E que me puxen e saíu así. De cando en vez mandábanos para algunha entrevista. No tempo das grandes romarías, alá nos iamos a ver que pasaba: O Corpiño, os Milagres de Amil, A Lanzada, As Cabezas. Foi cando formamos o Equipo 64, no periódico: dous admirables fotógrafos, Antonio Gabriel e Emilio Lavandeira; un retratista de talento Pepe Conde Corbal, de pluma e de pincel e aqueles debuxos en liña enmarcando as fotos e os dous de sempre a compoñer textos e os pés de foto.
Cando Huete se foi ó Faro de Vigo, chegouse ó Diario, de director, Luís Losada que viña do ABC onde cubría as viaxes de Juan Carlos de Borbón, por entón aínda pretendente ó trono de España. Con Losada era ben doado entenderse, mesmo cando os de sempre lle propuxemos un Suplemento de Cultura: 2×2=4? (o nome púxollo Losada), que aparecía os mércores: únicos redactores, parécemo, José Antonio e mais eu, para encher o hebdomadario, cando catro planas de periódico, teñen moito que acopiar. Cada número era máis ben monográfico, de maneira que iamos facendo acubillo de pequenas cousas relacionadas co tema principal. Seguro que quen máis achegou foi Durán, que devecía polos grandes artigos de fondo, teóricos e abstractos e longos, modos eses dos que eu –Alexandre Agrovellos, pseudónimo habitual– sempre fuxín, por solemnes e pesados. Se José Antonio compoñía o rol ponderado, o outro, o rebelde que sigo a ser. En todo caso, ambos os dous, fomos levados ao caldeiro da comisaría de policía política (BPS: brigada político social), sita na parte de atrás do Goberno Civil, nunha noite longuísima e enteira, entre interrogatorios e calabozo (no soto friísimo dos últimos días de setembro de 1964) trala denuncia de Telito Landín, delegado de Fraga en Pontevedra, despois de ternos censurado un guión radiofónico, tres, de “Cosmos”, cuxos dous primeiros foran efectivamente radiados na EAJ-40. O hebdo cultural durou o tempo (dous ou tres anos) que botou Luís Losada no Diario, pero como tal suplemento de cultura, en xornais, da época, non teño acordanza de ningún outro.
E antes (64-65) os dous gañamos dous primeiros premios nacionais de periodismo, convocados polo Instituto Nacional do Libro Español (INLE), cando estaba dirixido por Guillermo Díaz-Plaja, presidente do xurado. Eses premios con boa dotación, daquela, supuxéronnos 15.000 pesetas para cada un dos dous, de sempre, cada ano que o gañamos, en anos consecutivos, mentres estabamos a aprender o oficio de escribir.
Quede, pois, esta apoloxía como defensa, ilustración e loanza polo amigo a quen van dedicadas estas palabras que eu nunca querería ter que dicir.
HOMENAJE A JOSÉ ANTONIO DURÁN: