
O ano 2025 ten semellanzas con 1933? As políticas ditadas por actuais dirixentes políticos provocarán outro Crack financeiro? A exposición Temps incerts. Alemanya entre guerres convida a facer pausadas reflexións sobre os tempos volubles, imprecisos que ese país, Alemaña -e por extensión moitos outros estados-, viviron entre as décadas dos anos 20 e comezos dos 30, e o seu paralelismo coas realidades que se están a vivir na actualidade.
Temps incerts. Alemanya entre guerres. Caixaforum. Leccións para o presente?
O Meu fillo pequeno pregúntame: / Teño que aprender matemáticas? / Para que?, desexaría responderlle. /De que dous anacos de pan / son máis ca un / xa te decatarás. (…) O Meu fillo pequeno pregúntame: / Teño que aprender historia? / Para que?, desexaría responderlle. / Aprende a agochar a cabeza na terra / e acaso te salves. / Si, aprende matemáticas, dígolle, / aprende francés, aprende historia! (Bertold Brecht, 1940 ).

Nas salas que Caixaforum ten en Montjuïc abre as portas a peculiar mostra Temps incerts. Alemanya entre guerres. Trátase dunha exposición de tese, unha proposta multidisciplinar, peculiar, pois ten máis de revisión histórica que de antolóxica artística, porque ten máis de convite ás reflexións da filosofía política que de valoracións sobre as producións plásticas. Os versos do poema 1940 de B. Brecht pódense entender como unha posible conclusión ou resumo do acontecido en Alemaña perante os anos 20 da pasada centuria.
Ao rematar a Gran Guerra (1914-1918) -dita así porque inxenuamente sospeitábase que xamais se volvería producir traxedia nin barbarie tan espantosa- Alemaña é a gran perdedora; os Tratados de Versalles mostran a dureza coa que os aliados esixen compensacións polas perdas. E en Alemaña instáurase a República de Weimar, un ensaio histórico que durará ata 1933. Despois do imperio, que levara á gran derrota en 1918, óptase pola república (como revulsivo ás monarquías) e escóllese, con toda intencionalidade, a cidade de Weimar para que sexa a capital do novo réxime político. Weimar non era Berlín, e era considerada como o berce da ilustración alemá, a vila onde viviran e produciran as súas obras literarias dúas insignes figuras como son Johann Wolfgang von Goethe e mais Friedrich Shiller. Estas dúas figuras considéranse os eixos fundamentais do Clasicismo cultural que imperou nesa vila entre o final do século XVIII e comezos do XIX. (Nunha das primeiras salas de Temps incerts. Alemanya entre guerres reprodúcese en tamaño grande a fotografía das estatuas dos dous literatos que campan nas prazas de Weimar). Desde esa capital, Alemaña vivirá, primeiramente, tempos convulsos, poboados de cambios de direccións políticas; anos dominados polas dúbidas sobre a viabilidade dese proxecto de nova república. Cómpre salientar, evidentemente, que, pasados os primeiros anos, Alemaña vivirá anos de bonanza en moitos eidos, os dourados anos 20, un período que -con certas incertezas- se coñece por ser unha etapa breve, pero onde floreceron as diversas manifestacións da cultura. Etapa que -o mesmo que en tantas outras sociedades- remata no ano 1929 co gran Crack económico provocado polo desastre da bolsa de New York.
O obxectivo de Temps incerts. Alemanya entre guerres é precisamente mostrar a creatividade nas artes e outros campos perante esa curta etapa histórica, o florecemento da cultura entre guerras e o posterior ascenso do nazismo nuns tempos incertos; tempos incertos como os que se están a vivir agora, neste presente, tamén en moitas sociedades. Situación moi similar á que existía hai 90 anos.
No poema 1940 o escritor alemán Bertold Brecht recoméndalle ao seu fillo que estude, que aprenda de todo; que non sexa alleo aos sufrimentos sociais. A Cultura contra a Barbarie.
El Sueño de la Razón produce Monstruos (Francisco de Goya). O ano 2025 vén sendo o novo “1933”?
Ao entrar na exposición Temps incerts, na primeira sala reprodúcese un salón da casa Buddenbrook na que naceu e viviu Thomas Mann, o autor de A Montaña Máxica (1924), a gran novela ambientada no balneario de Davos, tan concorrido por aqueles anos por artistas e xente rica. No mesmo ambiente escóitase de fondo a peza Le sacre du printemps, composta por I. Stravinky; a presencia de ambas escenografías veñen sendo choscadelas á riqueza cultural pola que se distinguiu a República de Weimar. Tamén nos inicios do percorrido artellouse unha parte estreita (lembranza das trincheiras) que conmemora precisamente a Gran Guerra, co gallo de non repetir tal barbarie.
Temps incerts. Alemanya entre guerres. Arte, pensamento.
Os tempos de antes da Primeira Guerra Mundial foron a idade de ouro da seguridade. Todo o que se refería á nosa monarquía austríaca, case milenaria, semellaba criado para perdurar e o mesmo estado ofrecíase como a garantía suprema daquela estabilidade (…) O radicalismo e mais a violencia semellaban imposibles naquela era da razón. (Stefan Zweig, O Mundo de Onte. Memorias dun alemán, 1942, edición póstuma).

Nesta primavera de 2025 -meses dominados polas incertezas que a política ditada desde a Casa Branca de Washington impón á práctica totalidade do planeta- Caixaforum Barcelona presenta a mostra Temps incerts. Alemanya entre guerres, unha exposición que itinera polas diferentes sedes da Fundació LaCaixa e que aporta (de fondo) unha reflexión sobre a reiteración histórica, sobre se a historia transita por espirais nas que certas etapas históricas se repiten. Cómpre ter presente que para Europa (en xeral) as décadas que van desde os anos 50 da pasada centuria a comezos so século XXI (con todas as súas dolorosas situacións) é seguramente -para o que se coñece como Occidente unha das etapas de máis “humanidade” do pasado da raza humana.
A mostra Temps incerts está organizada pola propia Fundació LaCaixa, axudada por outras institucións de España (Museo Thyssen, IVAM, …) e outras alemás (StadtsMuseum, George Kolbe Museum, …). Ao longo de moitas das salas, a exposición vai presentando aqueles eidos nos que brillou a creatividade mentres durou a República de Weimar. Tanto ten na ciencia, como na filosofía; o mesmo dá na pintura ca na arquitectura; por non seguir a falar doutros medios máis novidosos como o cinema e novos xeitos de teatro. Alemaña ía nas vangardas culturais. A razón e a democracia parecían dirixir a vida de millóns de persoas que se ían recuperando da traxedia que significara a Gran Guerra. Perante a República de Weimar foi cando as mulleres alemás puideron votar por primeira vez.
El Sueño de la Razón produce Monstruos. O ano 2025 vén sendo o novo “1933”?
Nunha das salas, por exemplo, referénciase o paralelismo entre pasado e presente. No ano 1924 -anos aínda de revoltas e de incertezas- a extrema dereita ganou as eleccións rexionais en Turinxia (o land de Weimar); presaxio do que acabaría por acontecer en todo o estado? Pois ben, agora (tempos revoltos?) volveu suceder: nese mesmo land acaba de trunfar Alternativa por Alemaña, a extrema dereita deste 2025. Aviso para navegantes?
Entre todas as áreas de creatividade, Temps incerts. Alemanya entre guerres ofrece ao público unhas 90 obras de arte. Obras de diversas manifestacións. Por esas salas atópanse obras de Kandinski ou da fotógrafa Marianne Breslauer, á quen o MNAC (ano 2016) brindou unha antolóxica magnífica. Breslauer, e as mulleres por ela retratadas, veñen sendo un exemplo perfecto das novas mulleres xurdidas da Gran Guerra: traballadoras, autónomas; Breslauer foi unha gran viaxeira que en 1933 (precisamente) fixo unha longa viaxe en coche por España. Outro tanto pódese dicir de Gabriele Münter, artista expresionista, compañeira de Kandinski e tantos outros e que foi presentada o ano pasado polo Museo Thyssen de Madrid. A serie de litografías do pintor expresionista Georg Grosz titulada Os bandidos (1922), uns debuxos que perfilan a imaxe do explotador: elegante, calvo, gordo. O nome da serie colleuno dun drama teatral de Schiller, e as súas litografías ían acompañadas de citas da propia obra de Schiller.
Tamén se lle adica bastante espazo á Escola Bauhaus, unha referencia fundamental na arquitectura e mais no deseño. Da Bauhaus sairán as máis rigorosas propostas racionalistas (a razón, como na ilustración, volve ocupar un lugar de privilexio nas vidas daquelas xentes). Precisamente diante da entrada ao edificio da fábrica modernista Casaramona, sede do Caixaforum, atópase o Pavillón Alemán que Mies van der Rohe -un dos arquitecto principais da Bauhaus- deseñou para a Exposición Universal de 1929 que tivo como escenario principal a montaña de Montjuïc.
Espazo aparte merece o cinema. Nas salas estanse pasando fragmentos de filmes daqueles anos e que hoxe son cintas de devoción. De Fritz Lang pódense ver anacos do seu filme Metrópolis (1927), un ensaio sobre a condición humana, de como os individuos disólvense nas masas, sen capacidade de reacción; e tamén de O gabinete do doctor Caligari (1920), de Robert Wiene, sobre el individuo sen vontade, como as persoas moitas veces ceden a súa autonomía a algunha outra persoa que as dirixa; un dos principios do poder autoritario: non preocuparse que quen sabe xa dirixe as vosas vidas. Tamén se pode falar -respecto deste tempo histórico de entre guerras- do filme de Bob Fosse Cabaret (1972) que se desenvolve no Berlín dos primeiros anos 30, co medre do partido Nazional Sozialista.
El Sueño de la Razón produce Monstruos.
Temps incerts. Alemanya entre guerres. Entartete kuntz.
En ningún outro sitio (Brasil) quixera reconstruír a miña vida outra volta, despois de que o mundo do meu propio idioma se derrubase e o meu fogar espiritual, Europa, se autodestruise. (…) As miñas forzas están esgotadas por tantos anos de vagar sen patria. Por iso considero mellor cerrar ao seu debido tempo e con actitude erguida unha vida na que o traballo intelectual e a liberdade persoal me deron as máis grandes alegrías, e considero que son o máis prezado ben desta terra. (Stefen Sweig, verbas deixadas como despedida, antes de suicidarse).

Estas verbas do gran escritor Sweig -estudoso e coñecedor da historia de Europa- antes de quitarse a vida en 1942 porque tiña a certeza de que o fascismo trunfaría en todos os países, ben poden ser un epílogo á mostra Temps incerts. Alemanya entre guerres. A República de Weimar dáse por acabada no ano 1933, cando Hitler de autoproclama Führer. Nunha das salas do final da mostra exhíbese a dura filmación da noite do 10 de maio de 1933 en Berlín Cando as xuventudes do partido nazi queiman publicamente (nunha fogueira dunha nova inquisición) máis de 40.000 libros que eles consideraban que eran ‘antialemáns’. O mestre de cerimonias daquel aquelarre foi o xefe de propaganda dese partido, Joseph Goebbels, quen berrou naquel ambiente “Non á decadencia, non á corrupción moral!”. Comezaba outra Negra Noite de Pedra; negra noite que non tardaría en chegar tamén a España.
El Sueño de la Razón produce Monstruos. O ano 2025 vén sendo o novo “1933”?
Esta exposición (Temps incerts. Alemanya entre guerres) que tanto convida ás reflexións podía ter rematado cunha alusión á desfeita que os nazis tamén fixeron no mundo da cultura. A represión por todas partes. Para loitar contra esa “corrupción moral” que dicía Goebbels, o partido nazi organizou en 1937 unha exposición con obras de arte dos museos estatais que eles considraban “dexeneradas”. A mostra chamouse Entartete kunst, que vén dicir “Arte Dexenerado”, que se presentou en Munich e logo percorreu as principales cidades de Alemaña. Para comprender a magnitude da represión e da censura sistemática executada contra a arte, cómpre saber que Entartete Kunst acollía máis de 700 obras de arte, que foran creadas por máis de 115 grandes creadores das vangardas, os máis coñecidos, os máis significados (e por suposto todos aqueles que fosen xudeus). Todo o que non fose arte figurativa e a poder ser paisaxes (que seica era o que máis lle agradaba a Hitler, un máis ca mediocre pintor de paisaxes) era censurado. O “éxito” das diversas exhibicións sorprendeu aos nazis: máis de 3 millóns de persoas pasaron polas salas a contemplar as creación de Chagall, Kandinski, Kokoschka, Picasso e tantos outros. A pregunta é a que ían, a criticar ou a admirar as creacións das vangardas? Ao final fixéronse poxas das obras e moita xente mercou esas obras.
Paralelamente tamén aplicaron a censura á música (Entartete Musik); músicos xudeus, estranxeiros e aqueles que facían música moderna como o jazz e outros ritmos non desexados. As pezas de Stravinsky, coas que se inicia a mostra Temps incerts. Alemanya entre guerres tamén foron censuradas e prohibidas.
Posteriormente, en 2014 George Clooney dirixe (e protagoniza) a película The Monuments Men que trata de recrear as accións do comando creado polo exército dos EEUU co gallo de procurar e recuperar as obras de arte que os nazis espoliaran de institucións públicas e coleccións privadas (‘Entartete kunst’), e que corrían o risco de ser destruídas. Tamén ten de fondo a criba de obras de arte feita polos nazis o filme Woman in Gold, de Simon Curtis, aínda que centrada no drama persoal dunha muller xudía que regresa a Austria por mor de recuperar algunha peza que lle pertencera. (Actualmente tamén hai un movemento en España tendente a devolver ás familias propietarias aquela obras de arte que lles roubo o Franquismo).
- EXPOSICIÓN: Temps incerts. Alemanya entre guerres
- Caixaforum, Barcelona.
- ata o 20 de xullo de 2025
