«Dona Situació Límit». As fotografías de «Colita» seguen a cabalgar.

Colita. Obreras en los telares. Barcelona 1977 © Archivo Colita Fotografía
Colita. Obreras en los telares. Barcelona 1977 © Archivo Colita Fotografía

A fotografía é ese instrumento que viaxa entre a testemuña dun feito, dun tempo, e a creatividade estética. A exposición de instantáneas da fotógrafa Colita -que agora reestrena a galería RocioSantaCruz- participan da calidade e mais da constatación da situación de marxinación das mulleres hai uns corenta anos. Acaso mudaron as condicións? Comparar as imaxes de tempos pasados axuda a visualizar as inercias sociais.

 

Colita – Dona Situació Límit. Galería RocioSantaCruz

La marginación de la mujer no significa más tristeza o más infecciones o más insomnio o más miedo a vivir, significa simplemente que una vez en el margen donde ha sido colocada de nacimiento no hay manera de dar el salto y situarse en el buen camino. Vivir al margen significa que la propia vida no pasa por el camino real, que no conduce a ninguna parte, que depende de otro, como una rémora, sin capacidad de decisión propia, que depende del sonido que tocan y que marca el paso al camino ral.

(Maria Aurèlia Campmany, Situació límit de la marginació de la dona, 1985).

 

Colita. El piropo. Barcelona 1963 © Archivo Colita Fotografía
Colita. El piropo. Barcelona 1963 © Archivo Colita Fotografía

A prestixiosa galería de arte RocíoSantaCruz presenta unha exposición temporal ben especial: Colita-Dona Situació Límit. Trátase de facer a recuperación histórica de 32 instantáneas que a fotógrafa Colita (Isabel Steva) presentou nas salas de exposicións do que, daquela aínda era Caixa de Barcelona. Escolma que a prolífica fotógrafa titulou Situació límit de la marginació de la dona, coa colaboración do Ajuntament de Barcelona. A intencionalidade de título tan explícito -a través de imaxes dos traballos e xeitos de vida- era afirmar (en 1985) que as mulleres xa non podían seguir soportando as extremas condicións nas que vivían? Se o obxectivo da mostra era denunciar discriminacións e marxinalidades que sufrían as mulleres hai uns 40 anos, a denuncia segue a ter hogano toda a vixencia? Colita, loitadora, guerrilleira. Colita non foi só a fotógrafa da Gauche Divine barcelonesa.

Por iso é tan oportuna esta reedición daquela exposición fotográfica que agora emprende a galería RocioSantaCruz, baixo o título Dona Situació Límit. Mudaron moito as cousas para as mulleres? Na situación actual -entre unha pandemia e ante unha terrible guerra provocada por un megalómano-, as mulleres levan a peor parte?

Trinta e sete anos despois recupéranse as 32 copias orixinais, feitas pola propia fotógrafa en papel de 18×24 cm. Son instantáneas -algunhas delas verdadeiros retratos de mulleres en situacións duras- que a profesional tirou case todas nos anos 70 en Barcelona, a súa cidade e o seu espazo artístico e social. Algunhas son de finais dos anos 60 e outras poucas dos primeiros 80, sendo o ano ao que, con diferencia, pertencen máis imaxes o 1976. Imaxes de mulleres traballando (fábricas, clubs do Paral·lel, prostitutas do Barrio Chino), mulleres e nenas vendo pasar a vida (empastilladas, nas chabolas de Somorrostro, en cemiterios).  duras algunhas tomadas en manicomios. O resultado: un berro contra a marxinalidade, contra a discriminación das mulleres. Colita nunca foi só a fotógrafa da Gauche Divine barcelonesa (que tamén).

Isabel Steva, Colita, foi autodidacta. Non foi a escola ningunha de fotografía, pero (dito por ela mesma) tivo a sorte de coñecer e ser amiga de grandes fotógrafos: de Oriol Maspons, de Xavier Miserachs e outros que lle permitiron acompañalos e ir observando, así como de proporlle os primeiros traballos. A fotografía de Isabel Steva é recoñecible por saber mesturar con acerto a visión crítica da realidade cun depurado encadre. Os seus retratos caracterízanse por teren poucos elementos (composicións limpas) e por esa carga ética que non a deixa illarse de situacións inxustas. Reivindicativa. As fotografías da mostra Situació límit de la marginació de la dona (e por tanto da que se presenta agora: Dona Situació Límit) son 32 golpes nas sensibilidades, espiñas nas conciencias. Un exemplo: Chica en la Verneda. Unha moza, de pouca idade pero xa con moitas vivencias, mira á cámara medio interrogando, medio resentida. Alí -neses arrabaldes en construción- é unha cariátide que resiste á agresión que lle impón o barrio de aluvión acotío. As instantáneas do Barrio Chino -tan próximas ás de Joan Colom– estremecen todas as sensibilidades. Paradigmática é tamén Muñeca hinchable: un leito en primeiro plano ocupado por unha boneca desinchada. O fondo, totalmente escuro, cegador, obriga a centrar o ollar na dramática boneca sobre as sábanas brancas. Imaxe rachadora que de boa gana a firmaría unha Diane Arbus, ou un Lee Friedlander.

Para a presentación da exposición Situació límit de la marginació de la dona, de 1985, a entón concelleira de cultura do Ajuntament de Barcelona, Maria Aurèlia Capmany, elaborou un texto inédito onde se contextualizaba con toda a forza e franqueza a marxinalidade das mulleres de aqueles anos. Ao comezo desta reseña xa se introduce un anaco daquel texto preclaro e militante. Agora a galería RocioSantaCruz, no seu portal web, volve reproducir o texto íntegro que Capmany dedicou a unhas fotografías que veñen sendo compendio de explotacións.

Quizais a algunhas persoas lle sorprenda concluír que as mulleres pouco melloraron as súas situacións nestes derradeiros 40 anos. Hai fasquías nas que quizais si se detecten cambios -mesmo cambios estéticos-, pero os grandes males están presentes: a explotación laboral (salarios máis baixos), a trata e explotación sexual. É un acerto recuperar a colección de 32 imaxes dos anos 70 que a fotógrafa Isabel Steva escolleu xunto co texto de Maria Aurelia Capmany. Todo xunto semella a reprodución dunha tradición moi daqueles tempos: editar libros que mesturaban imaxes fotográficas e textos literarios. Isabel Steva publicou – na ben coñecida colección Palabra e Imagen (editorial Lumen)- o libro Luces y sombras del flamenco (1969), uns cincuenta retratos de persoas que se dedicaban a ese ramo artístico para acompañar o texto de Manuel Caballero Bonald. A valente colección foi saíndo durante uns dez anos (1961-1972), e alcanzou os 19 números nos que sempre se mesturaban fotografías en branco e negro e textos literarios. A escrita e a linguaxe visual inventando mundos.

Colita. Chica de La Verneda. Barcelona 1979 © Archivo Colita Fotografía
Colita. Chica de La Verneda. Barcelona 1979 © Archivo Colita Fotografía

Colita, fotógrafa intelixente, rebelde

Que la vida iba en serio / uno lo empieza a comprender más tarde / -como todos los jóvenes, yo vine / a llevarme la vida por delante. / Dejar huella quería / y marcharme entre aplausos … (Jaime Gil de Biedma, No volveré a ser joven, 1968).

Colita. Obreras. Barcelona, 1976 (Antifémina) © Archivo Colita Fotografía
Colita. Obreras. Barcelona, 1976 (Antifémina) © Archivo Colita Fotografía

A fotógrafa Isabel Steva (Colita), barcelonesa, comeza a traballar profesionalmente moi nova. O seu gusto polo cine lévaa a participar como fotógrafa na rodaxe do filme Los Tarantos. Resultado desa experiencia é a amizade coa protagonista: Carmen Amaya. A seguir irá coñecendo outros artistas dese mundo e afeccionándose ao flamenco. O seu gusto tamén pola literatura remata no cualificativo que algunhas amizades acaban por atribuírlle: “a fotógrafa da Gauche Divine barcelonesa” (un mangado de artistas, escritores, cineastas). A relación con esas persoas está no transfundo da mostra -chea de humor e rebeldía- á que Colita bautizou como La Gauche qui rit (1971). O título, irónico e descarnado, alude a unha marca de queixos francesa que, daquela, se anunciaba na televisión franquista. Na sala Aixalà puidéronse ver retratos de Ana e Terenci Moix, García Márquez, Orson Wells, Vargas Llosa, Raimon, Serrat, Herralde coas súas secretarias. Sen esaxerar pódese dicir que foi a exposición máis curta da historia: La Gauche qui rit clausurouse, por orde gobernativa, ao día seguinte da inauguración. Todo un récord, toda unha provocación ante a contumaz censura do franquismo.

Colita leva moitos anos traballando na fotografía. Desde os anos 80 (coa chegada da democracia), a fotógrafa especializouse en retratar a súa cidade, Barcelona, e a súa área metropolitana, procurando documentar as transformacións que os concellos democráticos ían operando nas vilas e cidades. Neste senso vai polos vieiros de outras autoras, por exemplo Berenice Abbott coa cidade de New York. Colita leva ás súas costas innumerables exposicións e máis de 30 libros publicados. A súa extensa obra xa forma parte de importantes coleccións: o Museu Nacional d’Art de Catalunya, o Museo Reina Sofía, así como de arquivos de Barcelona, da Fundació Brossa ou do Institut del Teatre.

A Isabel Steva interesoulle máis a fotografía, a imaxe, como elemento cultural dun intre histórico ca como un obxecto artístico. Os seus retratos e imaxes sempre van da man dos compromisos; do compromiso social, da toma de partido cívica.

No ano 2014 na Pedrera, o edificio de Gaudí, presentouse unha formidable antolóxica da fotógrafa, que se titulou: Colita, perquè si! a primeira revisión das súas creacións. Daquela repasouse de xeito amplo a meirande parte das vertentes da diversa produción de Isabel Steva. Nese mesmo ano (2014) renuncia ao Premio Nacional de Fotografía porque a educación e a cultura en España atópanse nunha situación de pena, vergüenza y dolor de corazón.

Como muller rebelde e reivindicativa participa coa súa obra en revistas como Vindicación Feminista, entre outras. Froito da súa conciencia e militancia como muller nace a exposición da que se falou do ano 1985, e que agora reedita a galería RocioSantaCruz, co título Colita – Dona Situació Límit.

Colita. Vieja leyendo en la playa. Sitges, 1966 (Antifémina) © Archivo Colita Fotografía
Colita. Vieja leyendo en la playa. Sitges, 1966 (Antifémina) © Archivo Colita Fotografía

Colita – Dona Situació Límit. Reedición do libro Antifémina.

Para deshacer las tesis agradecidas, que acunan las buenas conciencias hay que insistir en ideas tan sencillas como estas: El sitio natural de la mujer no es la cocina. La maternidad no es la única justificación de la vida de una mujer. La mujer no es feliz vendiendo su trabajo a precio de saldo. La mujer no se queda nada satisfecha cuando la violan, o cuando la quieren violar y ni siquiera cuando le dicen: ¡Pisa morena! (Maria Aurèlia Campmany, Situació límit de la marginació de la dona, 1985).

Por desgraza as imaxes que Colita captou nos anos 70 da pasada centuria seguen a ter toda a vixencia. A explotación das mulleres segue a ser un feito. E o mesmo cómpre afirmar do reivindicativo e contundente texto que escribiu Maria Aurèlia Capmany para a mostra Situació límit de la marginació de la dona, presentada no ano1985. Agora a galería RocioSantaCruz permite revisitar as 32 instantáneas da fotógrafa e mais ler íntegro o texto de Capmany.

A autora de Barcelona, dona d’aigua é unha persoa sensible, intelixente, crítica e dotada dun acusado sentido do humor. Os seus traballos non se quedan nas noites de Bocaccio, o mítico local que Oriol Regàs abriu en 1967, nin nos personaxes que por alí ancoraban as súas acomodadas vidas. Paralelamente, Colita subiu ás chabolas de Montjuïc e baixou ás da praia do Somorrostro (logo retiradas para que non afeasen a Barcelona olímpica); entrou en fábricas e descendeu ao interior de manicomios. Colita non só foi a retratista da Gauche Divine barcelonesa.

Un exemplo da súa sensibilidade e conciencia feminista: no ano 1963 foi a Córdoba co gallo de fotografar a magnífica Mezquita. E ela mesma comentou: entrei na Mezquita e vin que limpaban á man, de xeonllos e con baeta; quedei abraiada, e en vez de retratar a Mesquita retrateinas a elas fregando.

Algo similar, aínda que máis tarde e nun contexto aínda menos explicable, a súa compañeira de fotografía, Pilar Aymerich, tomou unhas vistas das Jornades Catalanes de la Dona, celebradas en 1979 no Saló de Cent do Ajuntament de Barcelona. Nunha das instantáneas vese o salón inzado de mulleres ben sentadas, riseiras, animosas, mentres no corredor central do mesmo unha muller frega o chan de xeonllos cun uniforme branco. Quizais a muller a liberar?

É habitual que en calquera época e lugar as imaxes de mulleres reflictan precisamente as súas inferiores condicións sociais e laborais. Actualmente tamén. Cada ano reitéranse os números que, como gota malaia, evidencian que, polos mesmos traballos as mulleres reciben peores salarios; arreo saltan ás páxinas dos xornais os milleiros de mulleres que son explotadas sexualmente. Imaxes de Afganistán e de tantos e tantos outros sitios… A finais do ano pasado a Fundació Vila Casas programou a -en principio- inxenua exposición: Cigarrillos París i la Publicitat Moderna, a breve historia dun concurso de carteis de comezos do século XX. A meirande parte dos carteis son un catálogo de agresións contra as mulleres.

Con anterioridade (1977), Colita xa publicara o libro Antifémina, onde os textos son -outra volta- de Maria Aurèlia Capmany. Trátase do primeiro libro claramente feminista publicado en España xusto na saída da ditadura franquista. Os argumentos que se esgrimiron para a publicación do libro foron a submisión das mulleres aos homes, a discriminación educacional das mulleres, leis inxustas, represión sexual, trato como puros obxectos por parte dos homes, etc. No texto Capmany di que as mulleres que aparecen nas fotos son mulleres, pero non son ‘femininas’. Nunha entrevista, Colita afirmou que as dúas decidiron facer ese libro feminista, sendo o método de traballo que unha aportaba as imaxes e Capmany os textos. Para que fose un todo, Isabel Steva fotocopiaba as fotos que ía facendo e levábaas á casa da escritora; e alí, Capmany pasáballe fotocopias dos textos que ía confeccionando, para acordar as composicións finais. Antifémina é hogano un clásico das publicacións e loitas feministas; imposible de atopar, pois a primeira edición foi secuestrada en case toda a súa integridade polas autoridades franquistas, aínda donas do aparato do estado. Colita, loitadora, reivindicativa, en loita coa represión franquista.

Por iso agora, coincidindo coa celebración da mostra Colita-Dona Situació Límit, e despois dun intenso traballo (máis de dous anos) de pescuda e de restauración, vólvese editar ese emblemático libro, Antifémina. A edición, neste caso, corre a cargo do Archivo Colita Fotografía, que contou coa axuda da fotógrafa, así como do Ajuntament de Barcelona. En todo o proceso foi fundamental o esforzo de Francesc Polop, director do  Archivo Colita Fotografía.

Nas salas da galería RocioSantaCruz están agora presentes algunhas copias vintage da autora, fotografías que foron incluídas no volume Antifémina, e tamén está á venda a reedición do emblemático libro.

Visitar a exposición Colita-Dona Situació Límit é unha importante viaxe no tempo. E tamén no presente. Imposible non procurar as valoracións que da situación das mulleres na nosa sociedade provocan as instantáneas de Colita.

Lito Caramés

Colita en La Pedrera. Barcelona, 1978 (Antifémina) © Archivo Colita Fotografía
Colita en La Pedrera. Barcelona, 1978 (Antifémina) © Archivo Colita Fotografía