O impresionismo foi un vendaval artístico, curto, radical, que abalou o bosque estético europeo ata guindar follas vellas e facilitar o xermolo dos vangardismos. O pintor Claude Monet estivo no ollo dese furacán creativo perante décadas. Un mangado de mozas e mozos apostaron por novas liñas de realización estética. A súa pegada foi definitiva para derribar o figurativismo. A súa obra Impression, soleil levant, de pequenas dimensións guindou muros rexos, como se fose o son das trompetas de Xericó.
Monet. Obras maestras del Musée Marmottan Monet. CentroCentro, Madrid.
Cando saiades a pintar, mirade de esquecer os obxectos que teñades diante, sexa unha árbore, unha casa ou un campo. Só pensade: «Isto é un cadrado azul e cativo, isto un rectángulo rosa, isto outro unha franxa amarela», e pintádeos exactamente como os vexades, coa súa cor e forma exactas, así ata que teñades reflectido a vosa primeira impresión da escena. (Claude Monet, 1923).
Desde ano 1863, co gallo do escándalo que provocou Edouard Manet no Salón de París coa súa pintura Le Déjeneur sur l’Herbe, artistas mozos decidiron presentar as súas obras (que non lle eran aceptadas no Salón oficial) noutro lugar paralelo coñecido co nome de Salón de Refusés. Seguindo esa dinámica, na primavera do ano 1874 un grupo de pintoras e pintores deciden presentar as súas pezas fóra do salón, e “curiosamente” foron dar coas súas creacións ás salas que lles prestou un coñecido fotógrafo parisiense: Felix Nadar, unha persoa con moitas inquietudes, un dos mellores fotógrafos do século XIX (foi o primeiro que tirou unha vista aérea desde un globo). Nesa exposición estaban representados xa (e xa xuntos) Camile Pissarro, Edgar Degas, Auguste Renoir, Paul Cézanne, Alfred Sisley e, por suposto (aínda que nunca se mencione), Berthe Morisot, a gran pintora impresionista. A esa -logo tan famosa mostra- Claude Monet presentou nada menos que nove cadros. Acudiron ás salas de Nadar (dos Refusés) unhas 3500 persoas, que riron a gusto dos xeitos de pintar das persoas alí representadas.
Entre os visitantes áos estudos de Nadar estaba o afamado crítico Louis Leroy, a quen tampouco lle agradou o que alí estivo a mirar. Na satírica crítica que escribiu días despois no xornal Le Charivari, Leroy titulou o artigo L’Exposition des Impressionistes. Nesta crítica Leroy reproduce unha posiblemente ficticia conversa de visitantes ante as obras que se podían ver nos salóns de Nadar, e un deles chámalles despectivamente “impressionistes”. O motivo desa apelación débese en concreto á obra de Monet Impression, soleil levant. Os artistas presentes na mostra concordaron que aquel era unha denominación perfecta para o que querían facer na pintura. Este grupo, máis numeroso ou minguado, fará unhas dez exposicións colectivas xa identificados como un colectivo que persigue os mesmos fines á hora de representar o mundo exterior en imaxes de forte contido lumínico: exactamente o que Monet lle recomenda -xa a comezos do século XX- ás persoas que queren iniciar a súa práctica pictórica (tal e como reflicte o parágrafo que abre este apartado).
Monet ce n’est qu’un oeil… Mais, bon Dieu, quel oeil !
A pintura Impression, soleil levant foi creada por Claude Monet dous anos antes da exhibición, e representa un amañecer sobre as augas e peiraos da vila francesa de Le Havre, onde se criara Monet e onde ía de cando en vez, peiraos aínda disimulados pola brétema que envolve a paisaxe. Trazos curtos de cores que non pretenden definir contornos, que procuran o impacto da escena (auga, barcos, grúas, …) sobre o artista que mira a escena desde a fiestra do cuarto dun hotel.
Monet estivera pouco antes en Londres, e alí coñeceu as creacións do tan peculiar e espectacular pintor W. Turner, tan fácil de distinguir polas vaporosidades que a miúdo envolven obxectos e persoas das súas creacións. Turner, un pintor entre o romanticismo e outros métodos pictóricos, apostou pola luz, polos efectos da luz sobre dos obxectos. Para el a luz e só a luz definía as cores, motivo principal de calquera pintura. Todo indica que Claude Monet volveu a Francia influído por eses novos xeitos de entender a pintura. Atrás quedarán os seus inicios como pintor realista.
Cómpre sinalar a circunstancia de que os impresionistas, nos seus comezos como colectivo, fosen dar coas súas creacións ao estudo dun fotógrafo. Tense dito arreo que a pintura e a fotografía son inimigos. Críticos actuais valoran que Felix Nadar foi un fotógrafo que sempre tratou de seguir as liñas de creación da pintura realista. Fotografía versus fotografía. A finais do XIX e ao longo do século XX é ben coñecida a tendencia fotográfica do pictorialismo: usar a máquina de retratar para captar as realidades tal e como faría un pintor. En España a ditadura franquista fomentou que as asociación fotográficas precisamente tirasen por este tipo de traballos. Quere dicir que a mocidade impresionista apostou pola luz e as cores fuxindo dun seguidismo fotográfico? Desde entón a pintura xa non pode ser unha recreación de paisaxes, de escenas realistas?
O movemento artístico do Impresionismo foise estendendo a outros campos da arte que non fose a pintura, a escultura, por exemplo; pero tamén á música ou á literatura. Recoméndase ver a mostra Monet. Obras maestras del Musée Marmottan Monet, ou ler estas liñas, escoitando pezas do compositor Claude Debussy, recoñecido como o máis xenuíno dos músicos impresionistas.
Monet. Obras maestras del Musée Marmottan Monet.
Ce n’étaient pas la lumière et l’ombre qui constituaient son objectif principal, mais la peinture placée dans l’ombre et dans la lumière. (Kasimir Malèvitch, sobre la cathédrale de Rouen, 1919).
Nestes meses de finais de 2023 e comezo do 2024, é unha sorte poder contar na vila de Madrid coa exposición Monet. Obras maestras del Musée Marmottan Monet. A mostra está organizada por Arthemisia, empresa italiana dedicada á creación e instalación de exposicións temporais) para CentroCentro (eses espazos múltiples sitos no mesmo Pazo de Comunicacións da madrileña Praza de Cibeles), coa colaboración necesaria do Musée Marmottan Monet, de onde proceden as máis de 50 obras que agora enchen as salas de CentroCentro. O Musée Marmottan está radicado na Cidade das Luces, nun pazo excepcional. É a institución que máis obra garda de Claude Monet, o artista considerado o inventor do impresionismo, e tamén da gran pintora impresionista Berthe Morisot.
O Musée Marmottan garda as herdanzas do pintor Claude Monet (1840-1926). Despois de moitas voltas e vicisitudes, aquelas obras que Monet conservara consigo, por ser as preferidas, aquelas das que nunca se quixo desprender. Por iso as obras mestras que agora o devandito museo cede a Arthemisia para que as presente en Madrid son pezas inigualables, por si soas explican e demostran as evolucións en temáticas e mais en tratamentos estéticos que o autor das pezas Nenúfares foi practicando perante unha longa vida.
Entre as importantes obras que agora optimizan a praza de Cibeles, moitas delas pódense empregar para ilustrar as características do impresionismo, ese movemento -curto e explosivo- que revolucionou a arte europea. Desde 1870 (ou 1974, se se prefire) a arte figurativa nunca volveu ser a mesma. Unha das pezas (El tren en la nieve) descubre o medio de transporte favorito dos que se desprazaban de París á natureza, a pintar au plein air. Rexeitaron o obradoiro, pechado e escuro, e marcharon polas zonas rurais próximas a París (moitas veces en tren), cos seus lenzos de pequenas dimensións e coa pinturas en tubos de chumbo, que a industria química lles ofrecía. A espontaneidade levounos a comezar e rematar cada obra axiña, tendo en conta a luz e as cores producidas por esta sobre os obxectos. Estudos ópticos había poucos anos que desvelaran a teoría das cores. A peza que fai ante os edificios do Parlamento británico, en Londres, ou un paseo polos campos, demostran a nula importancia que Monet (e os seus compañeiros) lle concedían a cousas como estrutura e perspectiva, como volume dos obxectos.
Claude Monet, mestre do impresionismo, fiel aos seus criterios estéticos. Un dos mellores xeitos de comprobar a coherencia e fidelidade de Monet cara os principios que levaron a un mangado de creadores a apostar polo que se coñece como impresionismo, é mirar e remirar a serie que fixo durante os anos 1892 a 1894 da fechada da Cathedrále de Rouen. Impresionismo en estado puro! O artista sitúa o cabalete sempre no mesmo sitio e pinta aquelas formas góticas unha e outra vez (coñécense máis de 30 cadros sobre ese motivo). Capta as cores que a luz provoca sobre a pedra ocre no inverno, no verán; faino pola mañá, ao midi, polo serán… e sempre o resultado é diferente. Non importan os obxectos, importan as impresións que a luz provoca sobre as superficies medievais. Se se queren coñecer todas as características que definen aos impresionistas só cómpre admirar as diversas tomas que o pintor de Giverny fixo da catedral gótica da capital da Normandie, medrada a carón do río Sena. Eis o impresionismo!
Como dixo, xa comezado o século XX Paul Cézanne sobre o seu compañeiro e amigo, Monet ce n’est qu’un oeil… Mais, bon Dieu, quel oeil ! Cézanne, que estivera a carón de Monet e demais impresionistas na primeira exposición nas salas do fotógrafo Nadar, semella reprochar algunha cousa a Monet. O autor da serie Mont Saint-Victoire -que apartou do impresionismo para dar importancia aos volumes dos obxectos- mesmo insinúa co de que Monet só é un ollo que se quedou na superficialidade das cousas, que debería ter evolucionado cara outras investigacións. Pero Monet foi impresionista sempre.
Claude Monet foi impresionista de seu, militante de tal estética. E, como tantas e tantos artistas foi quen de fixar o “seu ollo” sobre calquera motivo, por máis cotiá e banal sexa: un río, a fachada dunha catedral, unha estación de tren, unha “promenade” por un campo … e atopar neses motivos sen pretensións as razóns para crear. En verbas de Antonio López -o pintor actual que, por contra, segue a ser figurativo-: Si te acercas a una pared y la reproduces de manera fiel, puede ofrecerte todo el misterio de la vida y del mundo. Yo necesité adquirir experiencia para confiar en mi manera de ver el mundo real.
Monet. Obras maestras del Musée Marmottan Monet. Giverny
Ha pasado algún tiempo. El tiempo pasa y no deja nada. Lleva, arrastra muchas cosas consigo. El vacío, deja el vacío. Dejarse vaciar por el tiempo como se dejan vaciar los pequeños crustáceos y moluscos por el mar. El tiempo es como el mar. Nos va gastando hasta que somos transparentes. (…) El mar, el tiempo, alrededores de lo que no podemos medir y nos contiene. (José Ángel Valente. Fragmentos de un libro futuro, 2019).
No ano 1890 Claude Monet compra a casa de Giverny onde xa pasara varias estancias con anterioridade. E desde entón pasará nesa pequena localidade de Normandie, pero non moi afastada de París, a meirande parte dos seus días ata morrer alí mesmo en 1926. Alí, nas contornas da casa formou un importante xardín do que estaba moi orgulloso. Para facelo máis atractivo, e mesmo con estéticas xaponesas (tan de moda por aquel entón; Monet foi un gran coleccionista de estampas xaponesas) desviou un brazo do río Eure -afluente do Sena- para que polo seu xardín circulase un curso de auga. Desviou un río para engrandecer a natureza e mais a arte da pintura. O propio artista plantará moitas especies de árbores e mais de plantas, para enriquecer a pluralidade vexetal do que se pode considerar o seu propio paraíso.
Alí Monet pintará moitas series, entre elas a de Nenúfares, ou Almiares, ou Glicinias, todas elas consideradas obras mestras da pintura. Tamén é certo que na súa estancia en Giverny o pintor foi perdendo vista, afectado por cataratas, cousa que lle limitou as súas capacidades creadoras.
Como di Jean-Pierre Hoschedé, o que acabou por ser fillo de Monet ao casar o pintor coa súa nai, no libro Claude Monet, ce mal connu (1960) O cabalete de Monet (só un) tiña que estar sempre no mesmo punto. Os lenzos, por contra, sucedíanse nese único cabalete en función d o efecto do momento, que dependía da intensidade da luz, determinada así mesmo pola hora e o tempo: mañán, mediodía, tarde, ceo cuberto, vento suave ou intenso.. En 1992 director de cine Victor Erice argallou e filmou El Sol del Membrillo. O filme trata simplemente (e dificultosamente) de asistir ao intento de Antonio López de pintar un marmelo. Os días foron pasando, as cousas mudando, e a árbore cangouse con máis peso, perdendo follas… A loita dos humanos contra o Tempo. E no filme de Erice vese que López, cada día, púñase (e puña o cabalete) no mesmo sitio; mesmo espetou uns cravos no chan para pegar alí os seus zapatos: sempre o mesmo punto de vista. Monet tamén pretendía observar a realidade desde a mesma posición: Monet ce n’est qu’un oeil… Mais, bon Dieu, quel oeil!
O Musée Marmottan Monet, existe grazas ás doazóns dos herdeiros/as do pintor. Hoxe pasa por ser unha moi importante entidade museística. As coleccións foron completadas en 1993 pola entrada de gran número de obras de Berthe Morisot (a gran pintora impresionista), legadas tamén por herdeiros, por iso o museo conserva o primeiro fondo mundial de obras da pintora que (aínda que pouco coñecida- por ser muller?-) participou na maioría das exposicións impresionistas.
Atoparse en CentroCentro ante as obras mestras dun pintor que fixo tanta historia da arte “impresiona”. Que os fados permitan aos mortais ter ese privilexio perante mitos séculos.
Monet ce n’est qu’un oeil… Mais, bon Dieu, quel oeil!
- EXPOSICIÓN: Monet. Obras maestras del Musée Marmottan Monet
- CentroCentro. Madrid.
- Ata o 25 de febreiro de 2024