Balkrishna Doshi, o edificador da India

B. Doshi. Museum of Indology, 1984
B. Doshi. Museum of Indology, 1984

A vida e obra de Balkrishna Dochi van totalmente parellas á historia da India. Inspirado por Le Corbusier e por algún outro recoñecido arquitecto, Doshi logo seguiu as propostas de Ganghi, o home pacífico que consegue a independencia dese seme-continente. Traballou para que o seu país contase coas infraestruturas necesarias. E as súas obras nunca perden de vista a arquitectura popular hindú; as solucións que as poboación foran atopando para aqueles climas tropicais, tendo os materiais que tiñan.

 

 

Balkrishna Doshi. Arquitectura para todos. Museo ICO.

Vouvos dar un talismán. Cando teñades dúbidas, facede a proba seguinte: lembrade a face da persoa máis pobre e enferma que teñades visto na vosa vida e preguntádevos se o paso que ides dar vaille ser de utilidade a esa persoa (Mahatma Gandhi, sobre o concepto de benestar social).

B. Doshi. Premabhai Hall, 1976
B. Doshi. Premabhai Hall, 1976

Estas verbas da persoa que -desde a resistencia pasiva, desde a non violencia- logrou a independencia da India; estas palabras acadaron a praxe do arquitecto -tamén indú- Balkrishna Doshi. Vouvos dar un talismán, un conxuro contra as teimas de copiar extermporaneamente as modas e tendencias da arquitectura occidental.  As dinámicas do século XX fixeron que, mediando esta centuria, as ansias de que o subcontinente hindú fose un estado de seu, forzou movementos contra o colonialismo da Gran Bretaña.

Unha das claves da importancia das obras de B. Doshi (1927-2023) radica en que -condicionado polas circunstancias históricas- foi un gran creador capaz de facerse cunha linguaxe arquitectónica  moi persoal, e que ten a peculiaridade de saber adecuar as tendencias construtivas da modernidade occidental e mesturalas coas condicións xeopolíticas que esixía daquela un estado nacente e todo iso sen perder de vista as tradicionais maneiras -formas milenarias en moitos casos- de edificar propias da India.

Doshi aliñouse aínda novo coas propostas que guindaba á poboación o Mahatma Gandhi, a persoa que coa súa non-violencia activa chantoulle cara a todo un imperio británico e logrou a independencia da India. Como curiosidade, dicir que nestes meses ese estado “semicontinente” coñecido ata agora como India, muda a súa denominación oficial e pasa a chamarse Bhārat Gaṇarājya. E, despois participou moi activamente na creación dunha identidade urbanística dese estado.

A comezos deste mesmo ano (2023) sabíase do pasamento do arquitecto e urbanista Balkrishna Doshi, toda unha personalidade e referente social na India ao longo de boa parte do século XX. Agora, poucos meses despois, o Museo ICO, programa unha fantástica mostra sobre os traballos do autor de tantos proxectos sociais na India: Balkrishna Doshi. Arquitectura para todos. Esta mostra vai guiando a quen a visita pola case totalidade da produción de Balkrishna Doshi (1927 –  2023). Para mellor e máis didáctica comprensión dos amplos traballos de quen se comprometeu co seu país desde a independencia do colonialismo británico, a salas do Museo ICO estruturan os contidos en catro bloques temáticos. En cada un deses apartados aprécianse diversos materiais: maquetas das edificacións, debuxos preparatorios, pinturas, por suposto planos, e mesmo instalacións de grandes dimensións. Todo desde os seus comezos a carón de arquitectos tan renomeados como Le Corbusier.  En 1950 a Le Corbusier encárganlle nada menos que a creación ‘ex novo’ da cidade de Chandigarh, a nova capital do estado de Panyab, no norte da India. Un soño feito realidade. Por fin Le Corbusier deixaba correr a imaxinación, aplicaba a poética construtiva á transformación dun espazo natural en cidade, sen esquecer a harmonía coa paisaxe.

E xusto nese intre, cando Le Corbusier andaba argallando como planificar e edificar as liñas principais do que sería a nova cidade, aparece por París Balkrishna Doshi, que estivera en Londres estudando. Sen saber ren de francés apañouse para estar a carón do autor da magnífica (e edificio influído pola arquitectura popular de Ghardaia)  Notre Dame de Haut (Ronchamp). E, por esas casualidades do cada vez menos azaroso azar, Doshi iniciaba os seus vieiros de crear propostas para unha nova arquitectura para un novo estado moi poboado e con moitos problemas.

A mediados do século XX estas actividades tal espectaculares como crear unha cidade da nada (ser un deus!) eran posibles. En outubro de 1956 comeza a edificación de Brasilia -de cero, no medio do interior do Brasil-, sendo Oscar Niemeyer o arquitecto principal. Hoxe capital federal. Hai máis casos: Islamabad en Pakistán, Abuya, en Nixeria ou Canberra, Australia. Todo un luxo para urbanistas e arquitectos; como di Alejo Carpentier nunha das súas novelas caribeñas, poder conxugar o verbo “fundar unha cidade”, en primeira persoa e no século XX, é un luxo que poucas persoas se poden permitir.

Co gallo da celebración da mostra Balkrishna Doshi. Arquitectura para todos, o Museo ICO edita un interesantísimo e completo catálogo da mesma. Entre outros escritos M. Kries, director do Vitra Design Museum e comisario da exposición escribe sobre a importancia de Doshi no mundo da arquitectura: Doshi participou de meneira intensa na construción dun país (…) para iso, cumpría atacar unha serie de problemas urxentes, e á súa resolución contribuíron de forma decisiva as visionarias propostas de Doshi cos seus proxectos de vivendas asequibles, planificación urbana e institucións sociais, educativas e académicas, algunhas delas chegou a fundar e xestionar.

B. Doshi, Vivendas Aranya. 1989
B. Doshi, Vivendas Aranya. 1989

 

Balkrishna Doshi. Arquitectura para todos. Proxectos.

Para min, facer de arquitecto ou deseñar un edificio é un diálogo co que hai no noso interior, de tal xeito que os nosos poros poidan escoitar música silenciosa, como se se tratase dun diálogo co noso propio eu. (Balkrishna Doshi, nos seus diarios).

B. Doshi. Indian Institute of Management, 1992
B. Doshi. Indian Institute of Management, 1992

Balkrishna Doshi (1927-2023) nunca esqueceu as súas orixes, as concepcións cósmicas propias da cultura hindú, a relixiosidade, a filosofía e outras orientacións vitais que irradian desa sociedade tan antiga e evolucionada. No parágrafo anterior mesmo semella que o arquitecto reflicte na súas ideas e praxes os principios filosóficos do tao, entendidos como a loita de contrarios; o yin e mais o yang. Doshi é o mestre que sabe combinar os contrarios. Nas súas creacións están presentes as construcións tradicionais xunto ás contribucións da arquitectura occidental; é doado observar as pulsións individuais do deseñador ao pé dos valores públicos. Vouvos dar un talismán. Para o autor das vivendas de baixo custo Aranya é moi importante a noción de comunidade, os valores do colectivo.

Perante máis de 60 anos de profesión, Doshi realizou proxectos de diferente índole que abranguen moitos eidos de construción e planificación urbanística. Foi quen de deseñar interesantes colonias residenciais (moi novidosas polas súas apreciacións da edificación tradicional daquelas terras tropicais) e mesmo universidades; creou e tamén axudou a pór en marcha institucións culturais, casas privadas ou espazos interiores. E por suposto (de aí a referencia aos escritos de Carpentier) foi quen de planificar cidades desde o seu inicio.

Balkrishna Doshi é o primeiro arquitecto indio galardoado co premio Pritzker (2018), considerado o Nobel de arquitectura. A súa traxectoria profesional corre parella á historia da India (agora Bhārat) desde os primeiros pasos como estado independente, uns tempos que esixían inventar solucións para as grandes desigualdades sociais, para os millóns de habitantes, para as inxentes bolsas de pobreza.

Xa no ano 1956 Doshi inaugura o seu propio estudo na cidade de Ahmedabad, cidade do noroeste da India e na que pasará a meirande parte da súa vida. Ao estudo denominouno Vastushilpa, unha palabra sánscrita que se podería traducir por a arte de construír o entorno. Exterior-interior. Precisamente a mostra Balkrishna Doshi. Arquitectura para todos está organizada polo Vitra Design Museum e mais pola Vastushilpa Foundation, a institución que se encarga de manter e promulgar os principios técnicos e éticos de Doshi. A planificación e edificación de Vastushilpa é todo un mostrario de solucións construtivas do mestre.

Pasando a algúns dos seus máis coñecidos proxectos, cabe citar o Indian Institute of Management (IIM), un centro de ensino erguido en Bangalore ao longo dos anos 70 ata comezos dos 90 da centuria pasada, modificando as formas segundo necesidades e intereses da comunidade. Os patios interiores son xardíns nos que a luz natural penetra por corredores verdes. O efecto vén sendo que ao longo do díaa luz e os espazos van variando arreo. Un dos seus logros máis valorados, e que hogano segue a funcionar, é a colonia de vivendas de baixo custo Aranya, 1989. Todo un exemplo do dito ata agora: combinación de solucións técnicas avanzadas a carón de métodos artesanais de edificación, valoración principal de comunidade … Proxectada nas aforas da cidade de Indore, foi concibida como un sistema modular que tiña cimentación e sala principal. A partir de aí os habitantes podían e poden ampliar ou reducir as súas vivendas segundo os seus intereses de xeito individual. Na actualidade conta con máis de 88.000 habitantes.

B. Doshi. Amdavad Ni Gufa, 1994
B. Doshi. Amdavad Ni Gufa, 1994

Moi cedo, en 1968 -o que indica o compromiso de Doshi coa modernización da India- fundou na súa vila Ahmedabad a School of Architecture, onde mirou de fomentar o intercambio de disciplinas, e o diálogo entre estudantes e mestres. O edificio foi pensado como un único espazo amplo que circula de xeito flexible, sen separacións fixas, elástico. Esta escola de arquitectura acabou por ser unha verdadeira “fábrica” de arquitectos na nacente India.

Na mesma zona da cidade onde se atopaba a School of Architecture argallara, xunto co artista Fida Husain, un centro para a creación artística e que se denomina Amdavad Ni Gufa, nome peculiar no que “Gufa” vén referíndose ao concepto de “cova”. E iso é en boa parte o que é, unha cova, luminosa, evocadora, creativa. A pouco que se observe, saltan á vista as coincidencias que se atopan na Gufa con outras edificios modernistas; mesmo con algúns de Gaudí (a cripta da Colonia Guëll, por exemplo), así como as propostas pictóricas moi na liña da linguaxe artística de Joan Miró. Despois de moito darlle voltas ambos creadores chegaron a esa solución que daba resposta aos problemas de luminosidade, aos de espazo e mesmo ás condicións climáticas do entorno. Con anterioridade, xa proxectara un centro para espectáculos escénicos (un teatro) para a cidade de Ahmebabad e que se coñece co nome de Premabhat Hall. Os retos eran moitos: crear un espazo amplo dentro da parte vella da cidade, a carón das murallas e que non desentoase coas contornas. O estudo chámase  arte de construír o entorno.

O legado de este arquitecto indio, agora ben representado no Museo ICO (Balkrishna Doshi. Arquitectura para todos) foi abrindo camiños a quen pretende edificar paisaxe e humanidade, humanidade na paisaxe, e iso utilizando os materiais que ofrece a natureza (o entorno) en cada lugar e mirando de que responda o construído ás funcionalidade que se lles esixe.

  • EXPOSICIÓN: Balkrishna Doshi. Arquitectura para todos
  • Museo ICO
  • ata o 14 de xaneiro de 2024
B. Doshi, Ompuri, 1998
B. Doshi, Ompuri, 1998