As fotos de David Goldblatt, a vida diaria do apartheid

Goldblatt. Miriam Diale, Orlando East n.º 5357, Soweto, 1972
Goldblatt. Miriam Diale, Orlando East n.º 5357, Soweto, 1972

Retratar escenas da vida cotiá na Suráfrica dos anos do apartheid segregacionista, sen dar protagonismo ás violencias, é un exercicio complexo. Sendo privilexiado branco, evidenciar que “a vida continúa” para tantos millóns de persoas, é valentía? A cámara de Goldblatt procura humanidades; humanismo versus horror. Nelson Mandela tivo consigo no cativerio o poema Invictus. Desa situación tan brutal pódese saír invicto?

 

David Goldblatt. Sin segundas intenciones. Fundación Mapfre, Madrid.

Beyond this place of wrath and tears /  Looms but the Horror of the shade, / And yet the menace of the years /  Finds and shall find me unafraid. / It matters not how strait the gate, / How charged with punishments the scroll, / I am the master of my fate, / I am the captain of my soul. (Fragmento do poema Invictus -William Ernest Henley, 1875- que acompañou a Nelson Mandela no seu cativerio de 27 anos).

Goldblatt. The son of an ostrich farmer waits with a labourer for ... 1966
Goldblatt. The son of an ostrich farmer waits with a labourer for … 1966

O fotógrafo David Goldblatt (1930-2018), nacido en Randfontein, ben no interior de Suráfrica, era fillo e neto de refuxiados lituanos. Nas instantáneas que representan ao propio fotógrafo vese a un home branco de apracible fasquía. Goldblatt viviu, desde os 18 anos -xusto cando comezaba a practicar a fotografía-, no inxusto réxime do apartheid imposto polo Partido Nacional en todo o territorio surafricano: o 20% de poboación branca oprimindo ao 80% restante. Boa parte da vida de Goldblatt transcurriu na discriminación, na segregación racial máis radical. O seu caso é de certo o de moitas outras persoas que soportaron aqueles tempos naquel réxime violento. No filme A Dry White Season (E. Palcy, 1989) o profesor Ben du Toit (D. Sutherland) leva toda a vida vivindo ao marxe da segregación, pero a policía detén ao fillo do seu xardineiro negro. A acción do filme é a procura dese rapaz e a implicación de du Toit nas inxustizas que vai coñecendo e onde comproba que hai brancos contrarios ao apartheid. Algunhas instantáneas de Goldblatt mostran a persoas negras e brancas xuntas no mesmo lugar; unha convivencia desigual onde os espazos estaban perfectamente delimitados para unhas e para outras.

Noutras das imaxes de Goldblatt que agora se poden ver na mostra David Goldblatt. Sin segundas intenciones, é doado atopar a relación afectuosa de criaturas brancas cara as súas amas e coidadoras negras. O filme The Help (Tate Taylor, 2011, “Criadas y señoras”), presenta as situacións que se sucederon no estado sudista de Mississippi (EEUU) nos anos 60 da pasada centuria, cunha segregación case tan forte como a de Suráfrica. En varias escenas da película aparece moi ben reflectida a relación de afecto que nenas e nenos brancos teñen cara ás súas criadas negras. A franqueza infantil non sabe de racismos nin de segregacións.

David Goldblatt soubo atopar os aspectos máis humanos dentro dunha sociedade rexida cos xeitos máis inhumanos. I am the master of my fate, / I am the captain of my soul.

O fotógrafo David Goldblatt foi o primeiro fotógrafo surafricano que expuxo individualmente no MOMA de New York, en 1998, e neste milenio recibiu importantes premios internacionais: o Hasselblad o Cartier-Bresson e outros. A mostra David Goldblatt. Sin segundas intenciones presenta neste verán e nas salas da Fundación Mapfre de Madrid unhas 150 instantáneas de diversas series das que elaborou o autor de Ndebele Broom Seller, Soweto, South Africa ao longo de décadas de traballo. As imaxes de Goldblatt están acompañadas por outras de outros fotógrafos surafricanos posteriores que seguiron as súas liñas de humanismo e respecto. Falando de respecto, sorprende que en instantáneas xa dos anos 70 (como a citada anteriormente, en pleno apartheid) o autor -branco- titule a obra co nome da persoa que sae na instantánea: unha muller negra, pobre. Outros retratistas obviarían esa individualización identitaria. A ampla exposición David Goldblatt. Sin segundas intenciones está organizada polo The Art Institute of Chicago e mais pola Yale University Art Gallery (de onde proceden as imaxes), en colaboración coa Fundación Mapfre.

 

Goldblatt. Ozzie Docrat with his daughter Nassima in his shop before its destruction under the Group Areas Act, Fietas, Johannesburg, 1977
Goldblatt. Ozzie Docrat with his daughter Nassima in his shop before its destruction under the Group Areas Act, Fietas, Johannesburg, 1977

A exposición que agora presenta a Fundación Mapfre en Madrid, David Goldblatt. Sin segundas intenciones, toma o seu título dunha anécdota propiciada polo propio fotógrafo. Nos comezos dos anos 70 publicou na prensa un anuncio por palabras que rezaba: Gustaríame fotografar gratis a persoas nas súas casas. Sen segundas intencións. A lectura da mensaxe invita a pensar que a derradeira frase ten un significado: retratar persoas sen pretender máis nada. Pero, en pleno apartheid esas sinxelas accións de retratar persoas nas súas vivendas xa tiñan dentro o xermolo da crítica. As fotografías que van saír reflectirán as diferencias sociais, que coincidirán nun alto porcentaxe coas diferencias raciais.

Esa é a práctica de Goldblatt: presentar escenas de vidas normais en situacións normais. O fotógrafo deixou escrito Fuxo da violencia. Non sei que faría se tivese que fotografar unha escena violenta. As instantáneas capturadas ao longo de toda Suráfrica case sempre ofrecen esa constante, a tranquilidade, escenas (de neutralidade?) de persoas facendo a súa vida corrente. Se se sabe cal era a situación que se estaba a vivir neses territorios dominados polos africáners , as inxenuas escenas domésticas deixan de ser tal cousa. No ambiente, nos ollares, diríase que late unha tensión indefinida. Así van encaixando imaxes como a xa citada (Ndebele Broom Seller, Soweto) ou na de Miriam Diale, Orlando East n.º 5357, Soweto. Trátase de dúas mulleres, negras, tomadas en diferentes situacións e que, en principio, semellan non dicir nada. Pero si que din: a miseria extrema no caso da primeira ou a “tolerada confortabilidade” no caso da segunda. A ollada de Goldblatt sempre vai máis aló da primeira aparencia.

O autor da serie Soweto, e de tantas outras, deixou as reaccións ao apartheid a quen mirase as súas instantáneas, como se fixese unha escrita neutra. Desde esa humanidade inxenua que reflicten as fotografías, Goldblatt ilustra a dura realidade, o drama. A violenta segregación é o horizonte vital. I am the master of my fate, / I am the captain of my soul.

Na fotografía The son of an ostrich farmer waits with a labourer for…, en principio tan pouca cousa (un rapaz negro a carón dun branco, sen acritude), intúese tensión na escena. Quizais as miradas diverxentes, a posición vertical do rapaz branco -que viste todo de branco- fai pensar en incomodidade.

Pode haber escena máis lírica ca do pai na súa tenda sorrindo cara a súa filla? En calquera xeografía e circunstancias trátase dunha escena feliz, humana e, se se quere, intranscendente. Pero. A tensión comeza ao ler o título da mesma: Ozzie Docrat with his daughter Nassima in his shop before its destruction under the Group Areas Act, Fietas, Johannesburg. O propietario Docrat está encantado coa súa filla Nassima no seu negocio … “antes de que llo destruíran por unha das tantas leis gubernamentais”. O apartheid de pano de fondo social, o horizonte. As conclusións son cousa dos espectadores.

Que Goldblatt fose un home branco, un privilexiado, favoreceuno á hora de traballar; tiña acceso a lugares e situacións que as maiorías racializadas e segregadas non podían acceder. A súa simpatía cara esas maiorías discriminadas queda patente no tema das súas imaxes, das súas series.

Goldblatt. Saturday morning at the hypermarket, Semifinal of the Miss Lovely Legs Competition, 1980
Goldblatt. Saturday morning at the hypermarket, Semifinal of the Miss Lovely Legs Competition, 1980

Noutros casos as protagonistas dos disparos do fotógrafo son persoas brancas. Un exemplo: Saturday morning at the hypermarket, Semifinal of the Miss Lovely Legs Competition, 1980. A imaxe ten o seu aquel, os comentarios poden facerse desde olladas feministas, de igualdade, de observacións antirracistas e mesmo económicas. Un concurso de beleza nun supermercado!, un sábado pola mañá! A cosificación desas mozas (que idade teñen?) na actualidade, como mínimo, sorprende moito, a proposta machista, a redución das persoas a un número. E que dicir das rapazas negras que observan a exhibición de “carne branca” no supermercado? Que senten?, que pasa polos seus miolos? Elas non poden concursar, Teñen as pernas feas? Envexan o ton de pel das rapazas exhibidas? Velaí, outra volta, a táctica de Goldblatt: que quen mira a foto tire as súas conclusións. I am the master of my fate, / I am the captain of my soul.

 

 

A Fundación Mapfre presenta en Madrid esta potente mostra, David Goldblatt. Sin segundas intenciones, a carón de outra que vai por camiños similares: Consuelo Kanaga. Atrapar el espíritu, antolóxica dunha retratista pioneira tamén moi interesada polas persoas desfavorecidas. O traballo da Fundación Mapfre en pro de difundir a fotografía é encomiable, xa nas súas salas de Madrid, xa nas que ten no porto de Barcelona (KBr Barcelona Photo Center). E moitas das antolóxicas que programa teñen ese denominador común: a fotografía social, comprometida. Tal cousa acontece tamén agora en Barcelona. Por un lado a presentación de Paz Errázuriz, a fotógrafa chilena que loitou para poder traballar como fotógrafa perante a ditadura de Pinochet e ofrecendo o reverso da realidade que o réxime vendía oficialmente. A nómina é moi longa. A carón de Errázuriz outras salas ínzanse coas críticas tomas de Louis Stettner, outro fotógrafo norteamericano progresista tan interesado en mostrar as condicións de traballo dos proletarios. En anos pasados a Fundación Mapfre fixo cousas similares programando outras e outros fotógrafos con alta sensibilidade social (Carrie Mae Weems, Paul Strand, Tina Modotti, …). Nestes tempos nos que semella que volven vellos fantasmas, estas labouras son moi necesarias.

  • EXPOSICIÓN: David Goldblatt. Sin segundas intenciones
  • Fundación Mapfre, Madrid.
  • ata o 25 de agosto de 2024
Goldblatt. The dethroning of Cecil John Rhodes, after the throwing of human feces on the statue , University of Cape Town, 2015
Goldblatt. The dethroning of Cecil John Rhodes, after the throwing of human feces on the statue , University of Cape Town, 2015