As fotografías de Bleda e Rosa, invitacións á memoria, a fondas reflexións

.- Bleda y Rosa. Campos de fútbol. Lazaro, 1993
Bleda y Rosa. Campos de fútbol. Lazaro, 1993

No mundo da fotografía artística hai sorpresas de todo tipo. A parella (levan 30 anos traballando xuntos) María Bleda e mais José María Rosa teñen a orixinalidade de procurar espazos insólitos, con tomas e puntos de vista peculiares, e mesmo xogando co Tempo. E todo iso para que? Se a cámara é a arma ideal da conciencia (como afirma S. Sontag) este tándem retratista saben ben o que fan: provocar a reflexión, convidar a ter novas miradas sobre feitos pasados.

 

Bleda y Rosa. Museo ICO, Madrid. Fotografías de non-xardíns

I és que’ls jardins són el paisatge posat en vers, i els versos escrits en plantes van escassejant por tot arreu, es que’ls jardins són versos vius, versos amb saba i amb aroma, i com el jardiner poeta, per rimar els llargs caminals ombrívols, per estilisar els boixos fent-los seguir simètriques harmonies- (Santiago Rusiñol, Prólogo de Jardins d’Espanya, 1903).

Bleda y Rosa. Estancias. Palacio de verano, 2021
Bleda y Rosa. Estancias. Palacio de verano, 2021

Tense dito con asiduidade que a planificación e execución práctica de calquera xardín -desde os máis grandes e fachendosos, ata os máis limitados- proceden do desexo humano de crear un espazo idílico, de beleza e relax. Os xardíns, desde o Xapón ata europeos (e pasando polos colgantes de Babilonia) obedecerían -segundo estes criterios- á pretensión dos humanos de emular, de regresar ao paraíso perdido. Hai no subconsciente do xénero humano a lembranza da perda dun pasado perfecto, dunha felicidade total. Argallar un xardín é xogar a ser unha divindade?

Sorprende, por exemplo que os xardíns taoístas só puidesen ser creados polos sacerdotes (Valor sacro?). No Antigo Exipto houbo xardíns dedicado a deuses, e nalgúns europeos compróbase que quedan restos de cultos a forzas da natureza. Beleza?, eternidade? A comezos da pasada centuria o artista Santiago Rusiñol percorreu España para pillar aqueles xardíns que “umbríbols” aínda se mantiñan (Jardins d’Espanya). Como modernista que era, Rusiñol procuraba o rexurdimento da Natureza? Sentía que os “poetas” que deseñaran aqueles xardíns eran todos uns Milton?

Pois ben, os fotógrafos María Bleda e mais José María Rosa fan nas súas espectaculares e especiais imaxes todo o contrario do que pode ser un xardín. Non pretenden idealizar nada. Só reproducir a realidade actual. Nada de regresar aos Paradise Lost. Aínda que dediquen tempo e viaxes a argallar unha serie como pode ser Campos de batalla (iniciada en 2014 e coa que saltaron aos recoñecementos internacionais) non queren idealizacións; aínda que queiran que quen mira imaxes como a do o campo onde se produciu a cruenta batalla do Paso das Termópilas, non se atopa nela glorificación de pasados épicos. Non. Ben é certo que a parella de fotógrafos que traballan ao unísono botan man (nesta serie, e noutras) da memoria -só o título xa remite á historia da Grecia clásica-, pero memoria crúa, sen ouropeis.

Outro tanto acontece coa serie Campos de fútbol (1992), espazos espidos, mesmo abandonados de humanos, onde cómpre botar man da memoria e mesmo da imaxinación para facerse a idea do que puideron ser (e quizais aínda son) partidos de fútbol en arrabaldes, en zonas rurais. Se eses espazos do lecer, abandonados ou deixados, non se retratan nese esquecemento, acabarán borrados da memoria colectiva? ¿O que pretenderon Bleda e Rosa foi deixar constancia nesas tomas sen xente da mensaxe dun tempo pasado, tal e como observa a preclara crítica Susan Sontag?

Bleda y Rosa. Museo ICO, Madrid. Traballos por series. Memoria

Puede el hombre, si quiere, conducir su deseo / por vena de coral o celeste desnudo. / Mañana los amores serán rocas y el Tiempo / una brisa que viene dormida por las ramas. (F. García Lorca. Oda a Walt Witman. Poeta en Nueva York, 1940)

O tándem María Bleda e mais José María Rosa levan xa máis de 30 anos traballando nos eidos da fotografía, ese atractivo método de rexistro de imaxes, rexistro que a eles sérveslle para adestrar a memoria. Para eles a memoria é un dos motivos que os atrae cara un tema e instantáneas precisas. As dúas series xa citadas son bo exemplo diso que se comenta.

E sempre o traballo en series, meditado, traballado. Nada é froito do intre decisivo, como propoñen algúns. Neste caso as imaxes baséanse na planificación. E van empregando xa o B/N xa as imaxes en cores, non cores estridentes, non tons que despisten ao espectador.

Bleda e mais Rosa fan fotografía artística, reflexiva e froito dun estudo previo. Os seus encadres, punto de vista, etc. están medidos e decididos coa forza de traballo duro. Por iso as súas imaxes suxiren tantas interrogantes, porque o que realmente presentan ao público son ideas. Propoñen ideas para que quen contempla -se quere- pase a acción e remate por deducir que hai outras lecturas das memorias, outras opcións para a historia. Fuxir das Historias Oficiais (eses relatos manidos que tanto abundan nos manuais de texto de tantas e tantas editoriais. Relatos ao servizo do poder). Mudar os rumbos. Xa que mostran ideas, xa que incitan a cuestionarse os discursos, quizais a alguén se lle ocorra facer un paralelismo entre o Mito da Caverna, de Platón, e mais as fotografías de Bleda e Rosa: As imaxes da parella son a esencia, as Ideas. Mais non é tan doado. Rosa e mais Bleda dan un pinchacarneiro (algo similar ao que fixo Velázquez nas Meninas) e xogan coa inxenuidade de quen observa. As magníficas imaxes que agora están no Museo ICO son en realidade as cousas, son as aparencias de cada obxecto captado. A Idea nace do pensamento de quen mira e se interroga.

Para provocar esas reflexións botan mans (catro mans) de recursos varios. Non idealizar. Reproducir realidades. Non xardíns; non regresar aos Paradise Lost. Outros “trucos” empregados con efectividade (e mesmo orixinalidade) son, por exemplo, partir a imaxe pola metade, deixando un espazo en branco no medio e medio. Iso foi o que fixeron os gañadores do premio Nacional de Fotografía na serie Campos de batalla. Por que esta fenda no medio e medio da imaxe?, para que se elide esa migalla de espazo?, para sementar interrogantes?, para meter a dúbida nos miolos de quen contempla a imaxe?, a dúbida sobre a veracidade da historia? Acaso é unha referencia á ponte entre onte e hoxe? Cómpre lembrar que as imaxes presentadas nesta serie tan potente ofrecen vistas panorámicas sobre as paisaxes onde aconteceron batallas importantes no decurso da vida de colectividades, na formación de estruturas estatais, na consecución de independencias. Batallas tan significadas como a de Almansa (que foi a primeira toma que fixeron), Trafalgar, Catalañazor, Bailén, Covadonga, ou Waterloo, ou as Termópilas, ou Ayacucho, ou Otumba. Fotografías que reiteran o baleiro que deixan nelas as persoas que non están; baleiro que será unha constante nos seus traballos destes 30 anos. U-la batalla? U-los mortos? Por riba, na mesma composición da imaxe dobre introducen un texto (por exemplo: Paso de las Termópilas, verano del año 480 a. J.C.). Pero na dobre fotografía “actual” coa que se quere ilustras aquela famosa batalla das Guerras Médicas non está Leónidas!, nin saen os 300, nin o inmenso exército de Xerxes! Nada que ver coa épica do filme 300, co que Snyder dá unha esaxerada versión desa desigual batalla. Nada de idealizacións.

Que significado vén tendo o horizonte nas instantáneas desta parella? Nas paisaxes de Bleda e Rosa -en case todas- a paisaxe móstrase moi marcada. Presentando un campo de batalla, un xacemento arqueolóxico, restos arquitectónicos é o horizonte a liña que supera aquelas barbaries?, que convida a mirar máis aló, cara o futuro? As fotografías actuais que os reporteiros serven de Ucrania (ou antes de Siria e doutros lugares), de vilas como Maríupol, Járkov, son portas abertas a tempos vindeiros?, portas inconscientes, quizais?

Bleda y Rosa. Campos de Batalla. Waterloo, 2014
Bleda y Rosa. Campos de Batalla. Waterloo, 2014

Bleda y Rosa. Museo ICO, Madrid. Fundación Mapfre

As fotografías quizais sexan os obxectos máis misteriosos que conforman, e intensifican, o ambiente que identificamos como moderno. As fotografías son de feito experiencia capturada e a cámara é a arma ideal da conciencia no seu talante cobizoso. (Susan Sontag, On photography, 1977).

Bleda y Rosa. Origen. Lucy, 2004
Bleda y Rosa. Origen. Lucy, 2004

Entre as series de Bleda e Rosa destaca a que leva por título Origen, traballos iniciados en 2003 e que aínda seguen, nos que a parella foi procurando aqueles espazos naturais onde se foron atopando restos dos primeiros humanos que sobre este planeta foron. A tal fin, percorreron continentes, penínsulas e illas, á procura daqueles lugares nos que se atoparon a Lucy, o Homo Antecesor, e moitos máis. Dentro desta serie tamén presentan imaxes intervidas, como xeitos de land art: sobre unha paisaxe inscríbese a seriación de antepasados dos humanos, nunha escala espacial, un esquema evolutivo. Unha serie moi atractiva, con imaxes de portadas de libros sobre o tema. Con que intención?, evidenciar que os lugares onde antergos tan afastados se atopan pode ser calquera? Sabendo por outras series que os seus obxectivos non son idealizar paisaxes nin acontecementos, en Origen, estarán a dicir: que máis ten onde aparecesen os humanos?

Acaso a estes dous creadores -xa de ben novos- atráeos a estética da ruína? O atractivo que os restos, xa antigos, xa de contendas contemporáneas, provocan nas persoas é vello. No Renacemento xa se deu esa propensión cara o que viña dos mundos clásicos. O Romanticismo (como non!) estipulou que a noite e as ruínas medievais ou de outro estadio eran focos de evocación imaxinativa, de creatividade.

Por Citar só outra das súas magníficas series fotográficas, a longa e complexa Prontuario ten dúas partes. Na segunda, El continente y el viento, os traballos de investigación céntranse en presentar espazos e textos relativos ao continente americano, especialmente a América Latina. Aquí cada imaxe vai acompañada dun longo texto de escritores (conquistadores, inquisidores, …) de séculos pasados onde se refire algunha circunstancia relativa á paisaxe que se presenta. Hai imaxes e textos que falan da conquista de México e do Perú, de prácticas do Santo Oficio, de minas e artes dos metais. Concretamente, tamén, se ve unha fotografía do palenque de San Basilio, Colombia, acompañada dun texto que fala de Cartagena e mais dos negros que entraban naquel porto. Este palenque (lugar onde se instalaban escravos fuxidos das plantacións e domicilios, os cimarrones) foi un dos máis importantes que houbo en América Latina -que houbo moitos- e que tivo a peculiaridade de resistir todos os intentos de destrución, ata que finamente as autoridades deixáronos en paz. É, por tanto, un emprazamento humano xurdido directamente das loitas e resistencias das persoas traídas á forza de África e convertidos en escravos. O palenque San Basilio foi declarado parte do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade en 2005. En boa parte, a serie Prontuario é un mangado de dardos guindados ás conciencias, desde unha posición anticolonial.

Bleda y Rosa. Prontuario. Arte y Vocabulario, 2018
Bleda y Rosa. Prontuario. Arte y Vocabulario, 2018

Esta grande e extensa exposición Bleda y Rosa foi organizada pola Fundación Mapfre e presentada con anterioridade nas salas do KBr Barcelona Photo Center, ese magnífico centro do que dispón a Fundación Mapfre en Barcelona, xusto mirando con ampla perspectiva cara o Mediterráneo. Cando as persoas responsables da Fundación Mapfre lle propuxeron a esta parella de profesionais presentar toda a súa produción artística, a parella de fotógrafos optou polas proxeccións como a maneira máis idónea para que se poidan ver as 264 fotografías, repartidas en 9 bloques (9 series). Os artistas, por tanto, traballaron ex profeso para adaptar as inmensas videoinstalacións aos espazos das salas do KBr. Velaí que xurde o paradoxo: nunha exposición de fotografía non hai fotografías “stricto sensu”; faltan os procurados obxectos sobre papel. Para os xeitos de traballar de Bleda e Rosa este tipo de montaxe vai ben: nunha cadencia pausada vanse vendo todas as imaxes de cada serie, o que permite tamén decatarse de que os artistas pretenderon seguir sempre as mesmas pautas, o mesmo discurso visual en cada unha das series.

De María Bleda e mais de José María Rosa vense afirmando que a imaxe destes artistas é universal, sen límites, mentres que o texto que as acompañan apela á particularidade, á individualidade do feito que os autores queren resinar. Esas fotografías de restos e/ou paisaxes son ante-monumentais; non teñen ningunha intención de exaltar valores de ningún tipo. Non xardíns, non Paradise Lost. Por tras das (a primeira vista) sinxelas e inxenuas imaxes de Bleda e Rosa, agóchase a carga reflexiva de convidar a facer outras lecturas do pasado histórico? Será iso o que realmente pretenden? A verdade é que en moitas das súas series -por non dicir en todas- os fotógrafos andan a facer malabares con Tempos Mortos.

Visitar agora esta espectacular mostra no Museo ICO é realmente unha celebración dos sentidos, e mais do intelecto. Unha oportunidade especial de deleitarse cos traballos e os días de Bleda e Rosa.

Lito Caramés

  • EXPOSICIÓN: Bleda y Rosa
  • Museo ICO, Madrid
  • ata o 10 de setembro de 2023