Alice Neel: expresionismo / anti-expresionismo

Neel. Nazis Murder Jews, 1936
Neel. Nazis Murder Jews, 1936

A artista e militante progresista Alice Neel pintou boa parte da súa obra de xeito similar a como o fixeron artistas fauvistas e expresionistas. E, en troques, declarouse en contra das prácticas pictóricas dos expresionistas abstractos. De aí o titular. A Pintora de figuras humanas foi comunista, socialmente comprometida, feminista, defensora das minorías. Combinou (conciliar dise agora) os traballos de nai cos da pintura. As súas posicións ideolóxicas, e ser muller, influíron para que fose ignorada como artista ata idade avanzada?

 

 

Alice Neel, humanista e comprometida

Neel. Georgie Arce, 1955
Neel. Georgie Arce, 1955

Se llegará a un punto en que el contenido humano de la obra de arte sea tan escaso que casi no se le vea. Entonces tendremos un objeto que sólo será percibido por quien posea ese don peculiar de la sensibilidad artística. Será un arte sólo para artistas, y no para la masa de los hombres; será un arte de casta, y no demótico. (Ortega y Gasset. La Deshumanización del Arte, 1925).

A artista Alice Neel é unha artista estadounidense atípica. É unha muller creadora que boa parte da súa vida foi a contracorrente das tendencias que dominaban o panorama artístico daquel país, ou de Occidente en xeral. A contracorrente artisticamente, pero tamén humanamente.

A comezos dos anos 20, Neel viaxa á illa de Cuba en compañía do seu home, Carlos Enriquez. Aí na illa entrará en contacto con persoas que lle permiten ter outra visión da vida. Por exemplo, a pintora vai coñecendo textos socialistas e comunistas, o que a encamiñará cara varias constantes ao longo da súa vida. Unha delas é o seu compromiso social, revestido do seu humanismo: Para min as persoas son o primeiro. Sempre procurei afirmar a dignidade e a a importancia eterna do ser humano, declarou Alice Neel en 1950. (Destas declaracións, os comisarios da mostra tomaron o título da mesma: Alice Neel: las personas primero).

Perante a súa estancia en Cuba, a autora de Black Draftee (1965) coñece, entre outras cousas o libro de Ortega y Gasset La Deshumanización del Arte, aceptando moitas da críticas que Ortega lle fai ao “Arte Nuevo”. Gasset (como se desprende do texto reproducido aquí) arreponse ás vangardas por estimar que as súas concepcións e creacións plásticas son elitistas; son producións para iniciados, arte sólo para artistas, deixando fóra ao resto. Aos burgueses -di Ortega- como non entenden ese arte novo non lles agrada, ergo non o compran. Seguindo estas liñas de razoamento, Neel criticará, nalgúns casos duramente, algúns dos movementos artísticos de vangarda (como máis adiante se comentará). O que quizais non sabían Ortega nin Neel é que o capitalismo é un sistema tan forte que fagocita todo, e remata por presentalo como froito da súa propia evolución e, por tanto, vendible.

Neel cando volva de Cuba instalarase definitivamente en New York, e nesta gran cidade vivirá en barrios moi populares, con moita diversidade humana. No Spanish Harlem, por exemplo, será onde practicará ese humanismo, o seu compromiso social, xunguido ao humanismo artístico.

Coherentemente coa súa radicalidade ideolóxica e compromiso social, acabará por afiliarse ao Partido Comunista (anos 30) e manterá moitas amizades que se moverán neses ámbitos políticos. No ano 1967, cando en Bolivia matan ao Che Guevara, Neel debuxa a peza Ay, Ay, Ay, que non é outra cousa que a súa interpretación da famosa fotografía que circulou por todo o mundo na que se podía ver o cadáver do Che. Un dos amigos de Neel -xa que logo- será Stephen Porter Dunn, antropólogo que se acaba especializando en temas relacionados con Rusia, e particularmente coas comunidades indíxenas de Siberia. Loxicamente Dunn coñecía perfectamente o idioma ruso e dedicou moito tempo a traducir obras dun a outro idioma, así como a publicar revistas sobre Rusia. Dunn tamén se movía nas esferas do Partido Comunista, e en 1956 dedicoulle un fermoso poema a Alice Neel.

Alice Neel: las personas primero. Museo Guggenheim, Bilbao

Neel. Central Park, 1959
Neel. Central Park, 1959

I have a dream that one day this nation will rise up and live out the true meaning of its creed: “We hold these truths to be self-evident, that all men are created equal.” I have a dream that one day on the red hills of Georgia, the sons of former slaves and the sons of former slave owners will be able to sit down together at the table of brotherhood. I have a dream that one day even the state of Mississippi, a state sweltering with the heat of injustice, sweltering with the heat of oppression, will be transformed into an oasis of freedom and justice. (Discurso do doutor Martin Luther King, 28 agosto 1963, Washington).

Neste Segundo Ano de Pandemia o Museo Guggenheim, de Bilbao, presenta a importante exposición Alice Neel: las personas primero, a primeira retrospectiva que se fai en España desta artista estadounidense, que viviu gran parte da súa vida nos barrios de New York. É todo un acerto  programar nestes intres esta mostra dedicada á creadora Alice Neel (1900-1984) pois nas súas obras -mormente retratos- é quen de saber xuntar os sufrimentos das persoas humanas ao tempo que deixa as cancelas abertas á dignidade das mesmas, á humanidade que transmiten. Hogano

A exposición Alice Neel: las personas primero abrangue realmente toda a traxectoria artística de Neel, por medio dun cento de pinturas, de deseños e acuarelas. Por riba de todos os temas teñen un posto sobranceiro os seus retratos (algúns dos máis coñecidos e celebrados) que sorprenden pola fondura e mais pola habilidade para facer emerxer na tela a personalidade psicolóxica da persoa retratada. Fóra dos retratos tamén se poden ver bodegóns (que escoran polas beiras dun Cézanne) e mais as paisaxes urbanas, que se aproximan ao que tamén fixeron algúns artistas fauvistas e expresionistas.

Alice Neel: las personas primero está comisariada por varias estudosas da obra de Neel. Por Kelly Baum, curatora de arte contemporáneo ‘Cynthia Hazen Polsky and Leon Polsky’, por Randall Griffey, curator de arte moderno y contemporáneo, The Met Museum, con e xunto con Lucía Agirre, curatora del Museo Guggenheim Bilbao. E está organizada por entidades tan importantes como o Metropolitan Museum of Art, o Museo Guggenheim Bilbao e o The Fine Arts Museums of San Francisco.

Alice Neel foi unha artista plena, singular; contestataria, contracultural e humanista, navegou sempre contracorrente. Afirmou en reiteradas ocasións que non facía retratos, senón que “pintaba cadros de persoas”. E para ela esas persoas que representaba con perspicacia e profundidade psicolóxica reflicten a súa época como ningún outro medio. Cando os retratos teñen calidade artística reproducen a cultura, o momento e moitas outras cousas… A arte é un xeito de historia… É dicir, unha pintura é o retrato dunha persoa, e tamén o zeitgeist, o espírito da época.

 

Alice Neel e a dignidade da figura humana

Neel. Black Draftee (James Hunter)], 1965
Neel. Black Draftee (James Hunter), 1965

Pertences / ás persoas que pintas, xente triste, / que mellor estarían mortas, ou noutro mundo / distinto a este, porque ninguén as quere nin as chama / humanas; / en fin, ninguén que conte, excepto ti e mais eu. /  Ti dis que / eses parias son os teus amigos: o comunista, / o poeta radical que perdeu a fe, / os personaxes do Village, as lesbianas / e mesmo a solitaria matrona de Park Avenue, rica coma o pecado. / Anque habitan nun país descoñecido para outros, / ti tes un pasaporte cara el; / a xente fíase de ti. / Podes cruzar a fronteira sen resultar sospeitosa. / Pareces un deles, / semellas un dos nosos. ( Stephen Porter Dunn, 1956).

O poema que Dunn lle dedica a Neel é magnífico; fala tanto da personalidade afectiva e solidaria da autora de Georgie Arce (1955) que os seus poucos versos deveñen un perfecto retrato da pintora. O tema favorito da artista que non foi ben tratada pola crítica, e da que non se mercaba obra, é a figura humana (Para min as persoas son o primeiro). Máis ca paisaxes e máis ca naturezas mortas. Neel pinta tanto mulleres coma homes, con dignidade, coa personalidade de cada quen; lonxe de idealizacións. Como proba desa dignidade que Neel insufla en calquera persoa (sen atender a posicións sociais nin económicas) é que todas as persoas que posan para ela miran directamente á pintora, á que persoa que observa. Esas mulleres e homes semellan dicir: aquí estou, así son.

Cando comezou a ser coñecida (xa con bastante idade), os críticos adoitaron definila como retratista, xa que o que máis dela vían eran figuras humanas con nomes e apelidos. Por contra a artista dicíalles que en todo caso era pintora de figuras humanas. Sensibilidade.

Repasando o cento de pezas que agora acubillan as salas do museo Gugenheim ás beiras da ría do Nervión, chama a atención o feito de que as pinturas de nus, tanto masculinos coma femininos que se colgan, todas se titulan con nomes propios. Non hai títulos xenéricos como Nu vermello, ou Nu sedente. Xa só ese feito demostra a dignidade coa que Neel trataba ás persoas representadas; non hai anonimato, non hai intención de agochar identidades, por moi duro ou ferinte que sexa unha peza.

Neel, Thanksgiving, 1965
Neel, Thanksgiving, 1965

Deste xeito -titulando con nome e apelido as súas figuras espidas e vestidas- Neel foxe da controversia que noutros casos se provoca sobre o tratamento dos corpos nus no idioma inglés. Ao longo da historia da arte, segundo a época e a consideración que se lle quixese dar a un corpo nu, en inglés empregouse (e emprégase) a verba nude e mais a verba naked (distinción sobre a que moito teñen reflexionado e escrito Keneth Clark ou John Berger), dando á primeira valor estético, ideal e, por suposto, non á segunda (Nakedness reveals itself. Nudity is placed on display. The nude is condemned to never being naked. Nudity is a form of dress, escribe John Berger). Con estes xogos de palabras Berger reafirma esa diferenciación: unha escultura de Canova ou unha pintura de Ingres, por exemplo, nunca serán considerados como un “naked”.

Ben ao contrario, nos anos 80 do pasado século o cartel denunciador das Guerrilla Girls foi un berro contra a pouca presencia de mulleres artistas nos museos, aínda que corpos femininos nus fosen maioritarios nesas institucións. Se se atende ao emprego desas dúas verbas en inglés, a forza da súa reivindicación é aínda máis grande: elas, a carón da Gran Odalisca de Ingres (iso si con máscara de gorila) non escriben nude (como foi a intencionalidade do pintor neoclásico francés), imprimen, pola contra, Do have to be naked…, coa conseguinte denuncia da cosificación do corpo feminino. As mesmas activistas editaron un cartel titulado The Advantages of being a woman artist, onde se dicían cousas como que, sendo muller e artista, podes “traballar sen a presión do éxito; ter a oportunidade de escoller entre a túa profesión e a maternidade; ver as túas ideas reflectidas no traballo doutros; que o teu traballo será catalogado como feminino, etc.

Iso acontecía hai 40 anos. A situación mudou moito? Hogano en España gradúanse en Bellas Artes un 70 % máis de mulleres ca de hombres; en ARCO 2019, só houbo un 26 % de mulleres, as exposicións individuais de mulleres en Museos y Centros de Arte Contemporáneo son alrededor del 27%…

Alice Neel tiña o seu estudo no seu piso. É dicir, facía ao tempo de nai e mais practicaba a pintura cando podía. Un conflito difícil de resolver e polo que sufriu bastante. Un exemplo: coidaba á súa primeira filla Isabetta, ata que o seu primeiro home (Carlos Enriquez) a levou a vivir con el a Cuba. Outra artista actual que tamén se sabe que combinou a  cría de fillos e o traballo artístico é Louise Bourgeois. A Bourgeois tanto lle custou e afectou esa “dobre vida” que, entre 1946 e 47, mentres coidaba das fillas pequenas, fixo unha serie de deseños e pinturas que titulou Femme Maison, e na que -en todos os casos- os corpos de muller levan a cabeza en forma de casa. Non é de estrañar: pouco tempo e espazo vital lle había quedar para pensar noutra cousa! Outra de tantas mulleres que pasou por esas dicotomías “casa-traballo” foi a doutora e profesora Linda Nochlin, moi coñecida por ser a autora do famoso ensaio Why Have There Been No Great Women Artists? (1971), considerado o escrito iniciador do movemento de reivindicación das mulleres artistas. Pois Alice Neel pintou a Nochlin precisamente cunha das súas fillas: Linda Nochlin and Daisy en 1973. Na obra a profesora aparece tensa, preocupada, co ollar frontal, agarrada ao sofá de Neel onde a tantas e tantas persoas pintou, e coa outra man agarrando a Daisy como se se lle fose escapar, como se precisase o contacto para dicirse a si propia que facía ben o seu traballo de nai. Algúns/has críticas afirman que Alice Neel pintou ese retrato de Nochlin como o seu alter-ego, como se fose unha heterónima.

Na actualidade Alice Neel é recoñecida como unha das retratistas (pintora de figuras humanas) máis importantes dos EEUU no século XX. Pero esa consideración chegoulle cando pasaba dos 60 anos. Por que? Outra das vantaxes de ser muller artista?

Para ser coherente cos seus pensamentos, Neel foise vivir a barrios de New York populares, ao Spanish Harlem, por exemplo, e abandonando outros onde moraban artistas. Seguindo coa dignidade na práctica artística, a autora de Pregnant Maria aproveitou que estaba rodeada de poboación de orixe dominicana, hispana ou negra para representar nas súas telas precisamente esa diversidade. Un dos casos claros desta actitude social exemplifícase nos numerosos “retratos” que lle fixo a Georgie Arce, un rapaz dominicano que atopou polas rúas e da que se fixo amiga. Pintouno durante anos. Ao final Arce acabou de xeito tráxico: asasinado naquelas rúas do seu barrio.

Alice Neel: expresionismo/anti-expresionismo. Schiele, Lassnig

Neel. Pregnant Maria, 1964
Neel. Pregnant Maria, 1964

Perante as súas décadas como pintora, Neel sempre escolleu temas que poucos artistas (e menos mulleres) se atreveran a representar antes, e ela fíxoo con franqueza e unha irreverencia meritoriamente excepcionais na historia da arte. Moitos deses temas son fundamente íntimos e van do alegre ao arrepiante, pasando polo fantástico. Ao facelos centro da súa arte, Neel deu expresión visual a categorías da experiencia feminina que ao longo do tempo a cultura patriarcal ignorara por completo, menosprezara e mesmo censurara. (Kelly Baum (comisaria). Animales políticos, no catálogo desta exposición).

Esta reflexión sobre a mostra Alice Neel: las personas primero leva un título contraditorio: expresionismo/anti-expresionismo. Certo. Dalgúns xeito a súa práctica artística tamén o é, como a de tantas e tantos outros artistas. Se se contemplan atentamente as súas pinturas de persoas, en moitos casos, teñen a forza expresiva, a contundencia colorista que reivindicaron os fauvistas, primeiro, e os expresionistas despois. A subxectividade das súas obras está preto de pezas de Munch e de Schiele, cando estes artistas representan a miseria, o desacougo humano. Tamén eses dous artistas (considerados expresionistas) tiveron a figura humana, e as emocións e paixóns, no centro das súas preocupacións artísticas e vitais. Abonda iso para definir inequivocamente a Neel como expresionista? Poida que non. Como militante comunista nos territorios do capitalismo máis extremo, como humanista que atende ás persoas desfavorecidas (como ela mesma), a etiqueta de expresionista élle un xustillo excesivamente apertado.

No ano 2015 a Fundació Antoni Tàpies (Barcelona) programou unha interesantísima mostra sobre a pintora María Lassnig. As creacións de Lassnig lembran moito os traballos de Neel, e viceversa. Mesmo un autorretrato que se fai Lassnig preséntase a si propia como unha vaca alpina. Lassnig, feminista e reivindicativa, aínda que vienesa de orixe, acabou en New York (ano 1958). Chegarían a coñecerse estas dúas artistas?

Noutro senso, despois da II Guerra Mundial xurde precisamente en New York unha nova xeración de artistas que se deu en chamar a Escola de New York, e que son máis coñecidos como os Pollock boys, ou como expresionistas abstractos, Neel renega deles. Afirma que se esqueceron da figura humana, das persoas. É unha reacción esperada nunha persoa de tales características fronte ás técnicas de action painting ou dripping que empregaban, que teñen que ver coa coherencia vital e artística da autora dunha obra tan irónica e dura como Thanksgiving. Na práctica dos De Kooning, Pollock e demais empregan o lenzo como un espazo, un teatro, onde representar unha función, unha performance que nace, que se fai ao tempo que é executada. Estes artistas maduraron á raxeira de tantas e tantos surrealistas europeos que se refuxiaron en EEUU antes e durante a II Guerra Mundial (Miró, Tanguy, Breton, Dalí). Por tanto o subconsciente é guieiro nos seus traballos.

Neel. Self-Portrait, 1980
Neel. Self-Portrait, 1980

Por iso Neel se declara contraria ao expresionismo abstracto. Outro argumento: desde hai anos está demostrado que a CIA e os gobernos ianquis estiveron por tras deses creadores do expresionismo abstracto, foron os seus mecenas: formar unha escuadra de artistas que se puidesen opoñer aos europeos, progresistas e tamén comunistas (Picasso, Matisse, etc.) nos duros tempos da Guerra Fría. Hai uns anos no MACBA houbo unha importante mostra titulada Sota la Bomba, onde se evidenciaba con claridade a confrontación de posturas entre artistas europeos e estadounidenses. Con toda xustiza, aínda non hai un ano este museo Guggenheim programou unha exposición titulada Lee Krasner. Color vivo. Esta muller, Krasner, foi a compañeira de Jackson Pollock (do que se falou e fala en todas partes). Ata agora unha descoñecida. Desde hai pouco reivindícanse os seus traballos artísticos pola súa gran valía, non por sen muller ou home.

Alice Neel non tivo reparo en presentar a sexualidade ou a maternidade como non se fixera ata entón tan explicitamente. Son ben coñecidas as súas pregnant women espidas, que mostran as súas avultadas formas, os seus peitos inchados. Mulleres que a ela lle semellan dignas; dignas de ser representadas neses estadios vitais que están a pasar. Tampouco as súas pinturas de persoas foron feitos a mozas ou mozos de 20 anos, atléticos, modélicos; para nada. Neel capta a senectude, os físicos castigados polas privacións, pola vida. A este respecto a súa coherencia alcanza as máis altas cotas no Selt-Portrait nu que se fixo aos 80 anos. Ela auto-represéntase con toda naturalidade, con toda a vida enriba súa.

  • EXPOSICIÓN: Alice Neel: las personas primero
  • Museo Guggenheim – Bilbao
  • ata o 6 de febreiro de 2022

Lito Caramés