Plenitude creadora de Joan Miró

J. Miró. Intérieur (La Fermière), 1922-23
J. Miró. Intérieur (La Fermière), 1922-23

Por estas datas de comezos do novo ano o Museo Guggenheim de Bilbao presenta a mostra temporal Joan Miró. La realidad absoluta. París, 1920–1945. Seica non todo en 2023 vai ser Picasso, esa vaca inesgotable á que moxen entidades museísticas acotío. Por contra, nesta nova proposta do Guggenheim semella haber outras choscadelas: para celebrar os 25 anos do museo bilbaíno, preséntanse pezas creadas por Miró ao longo de 25 anos. É Joan Miró un dos máximos representantes do surrealismo?, opúxose á ditadura franquista?

 

Joan Miró. La realidad absoluta. París, 1920–1945. Museo Guggenheim Bilbao.

La meva obra no té d’esser del present, sino del passat -en les fonts de la pura expressió de l’esperit- i del futur. Com a símbols d’una religió pura que cada ratlla i cada punt visquin com un ésser orgànic i facin vibrar l’esperit com una corda d’harpa. (…) Que siguin poesia pura. (Joan Miró, 1940).

J. Miró. Paysage (Le Lièvre), 1927
J. Miró. Paysage (Le Lièvre), 1927

O artista Joan Miró (Barcelona, 1893-Palma, 1983) chega por primeira vez a París no ano 1920, data fundamental na evolución e concepción plástica das súas creacións. Alí entra en contacto con André Breton e mais con toda a pléiade de surrealistas. Precisamente este ano é o escollido polo Guggenheim para iniciar a peregrinaxe selecta pola obra do insigne creador: Joan Miró. La realidad absoluta. París, 1920–1945. O artista Joan Miró deixou afirmado que as súas obras xermolan a partires das realidades que vive (ou viviu), pero logo de pasar o filtro das concepcións subxectivas que carrexa canda el. Tales declaracións serven perfectamente para artellar unha boa definición do que é o surrealismo: a realidade exterior proxectada en lenzos, papeis e outros materiais, condicionada polos ollares de cada artista. En 1939 (ano do fin da Guerra Civil Española e comezo da II Guerra Mundial) declarou que se os artistas queren fuxir da degradación que se observa nas sociedades cómpre que procuren atopar a esencia relixiosa, o sentido máxico das cousas. Esa maxia aquilatouna o autor de Dona i ocell desde a infancia; e foina ampliando con todo aquilo que a súa inmensa curiosidade lle presentou ao longo dunha longa existencia.

Visitar Joan Miró. La realidad absoluta. París, 1920–1945 vén sendo o achegamento a unha das etapas de máis experimentación e máis creativas de Joan Miró, por non dicir os anos revolucionarios da arte europea en xeral. A vida interior, espiritual, de Joan Miró tiña tanto peso no seu quefacer diario que impregnaba calquera análise, calquera proxección que o autor de La Masia puidese extraer da realidade na que vivía. Miró foi quen de propor opcións radicais co pasado, e o contrario. Propuxo “asasinar a pintura” (sendo basicamente pintor), como un herdo molesto, e -ao tempo- quería ter de modelos estéticos as artes primitivas: as pinturas prehistóricas, a arte ibera ou manifestacións plásticas doutras xeografías ben afastadas: xaponesas, africanas, etc. Son ben coñecidas as querenzas do autor de Constel·lacions pola traballada caligrafía nipoa e chinesa, así como a mestría de moitos ceramistas nipóns, aos que puido coñecer por mediación do seu amigo o ceramista Josep Llorens Artigas (1892-1080).

J. Miró. Peintre (1941)
J. Miró. Peintre (1941)

O percorrido polas creacións mironianas que neste meses ofrece ao público o Guggenheim Bilbao permite asistir á evolución e mais á consolidación dos xeitos creadores dun dos relevantes artistas surrealistas. Miró foi amigo e compañeiro de poetas como Éluard, de teóricos como Breton ou de pintores tan coherentes (dentro das súas concepcións surrealistas) como Yves Tanguy, o pintor que se deixou guiar en gran medida polas visións que tivera na infancia naqueles veraneos que pasou na costa bretoa, e nos que os mundos híbridos das mareas baixas van xurdindo en case todas as súas pinturas. Tanguy foi un dos poucos que, xunto con Miró, inventaron os ben coñecidos cadavre exquis e tamén pasou á posteridade co apelativo do “surrealista ante-dalí” (¿¿!!!??).

As obras que agora se exhiben no Guggenheim son moitas e moi variadas, entre elas cerámica, evidentemente. O paseo por Joan Miró. La realidad absoluta. París, 1920–1945 é o recoñecemento das singularidades das linguaxes específicas e únicas que empregou o autor de L‘esperança del condemnat a mort (1974), o tríptico de gran formato que dedicou a Salvador Puig Antich tras a súa execución. Paseo que se contempla neste vídeo. Nas paredes do museo algunhas obras fan lembrar ao seu amigo Alexander Calder e os seus móbiles (nas instalacións da Fundació Miró en Barcelona hai unha destas creacións de arte cinética).

Joan Miró. La realidad absoluta. París, 1920–1945 é unha proposta moi atractiva chantada agora nuns espazos e contornas ben feitos para entender o mundo espiritual de Miró.

Volve o surrealismo? Nunca se foi? Ao tempo, en Madrid a Fundación Mapfre está a presentar unha decisiva retrospectiva sobre unha grande artista surrealista Leonora Carrington. Revelación. A imaxinación e o dominio do medio pictórico fan de Carrington unha das creadoras máis recoñecidas do século XX, xunto a moitas outras das que ata hai dous días nada se dicía: M. Mallo, Varo, Miller, … No ano 2017 o Museo Picasso de Málaga presentou Somos plenamente libres. Las mujeres artistas y el surrealismo, unha retrospectiva con obras de 18 mulleres artistas do surrealismo. 18 artistas!

 

Joan Miró. La realidad absoluta. París, 1920–1945. París, surrealismo.

Por exemplo, cando pintei “La Masovera”, acadei que pintara o gato demasiado grande: iso desequilibraba a pintura. Este é o motivo dos dobres círculos e das dúas liñas angulares do primeiro plano. Semella simbólicos esotéricos; mais non son ningunha fantasía. Púxenos para que o cadro tivese un equilibrio. (Joan Miró, 1948).

J. Miró. Femme et oiseaux, 1940
J. Miró. Femme et oiseaux, 1940

A chegada de Miró a París con 27 anos revirará a súa vida e todos os seus xeitos estéticos. Non así ideolóxicos (en senso amplo), pois xa de antes era dono dun mundo interior rico e fornecido con achegas rurais, urbanas, culturais. Joan Miró non facía distingos entre as diversas manifestacións do espírito; para el a música, a pintura, a poesía e outras expresións plásticas eran a mesma cousa: necesidades da alma.

Como a exposición Joan Miró. La realidad absoluta. París, 1920–1945 comeza xusto coa chegada a París, as primeiras obras (cronoloxicamente) van a cabalo entre a traxectoria anterior e o que logo vén, o surrealismo. Un exemplo perfecto vén sendo Interior (La masovera) (1922-1923), peza da serie de La Masía, onde se mesturan esas crónicas do mundo rural que tan ben coñeceu en Montroig (entre outros sitios) xunto con propostas estéticas que xa falan desas reinterpetacións das realidades externas peneiradas cos ollares do espírito. Unha obra de transición. Joan Miró pintou este cadro entre Montroig e París, empregando como modelo para a muller protagonista, a que traballa acotío na masía unha boneca. Por iso a xestuaidade -mesmo da face feminina- ten fasquías de estrañeza, dunha frontalidade e rixidez, dunha cor nas fazulas que tamén pode encamiñar as pesquisas cara a pintura románica ou bizantina, por dar dúas pistas. Hai obxectos perfectamente identificables (gato, lebre) que teñen que convivir con outros modos que anuncian novas etapas estéticas: a simplificación xeométrica dos fondos, os esaxerados pés nus da muller (ou o gato grande de máis) avisan de que a reprodución realista dunha escena rural xa non é o obxectivo desta pintura. Máis ben semella ser a “terra” (como se Miró foxe fillo da deusa Gea) a entidade que transmite as enerxías precisas ao espírito do artista.

O crítico de arte Maurice Raynal escribiu que Miró lle dixo (1927): Quero asasinar a pintura. Raynal, crítico especialista en cubismo, recoñece no seu libro Anthologie de la peinture en France, de 1906 a nos jours, 1927, que Miró é o líder da escola surrealista, recoñecemento á coherencia profesional. É moito dicir. Con todos os popes que militaban o surrealismo afirmar que Miró era o líder constata a comuñón total do artista de Montroig cos predicados desa escola estética. En 1936 o propio Miró afirma na revista Cahiers d’art, ao tempo que rexeitaba a clasificación de pintor abstracto: “non fago ningunha distinción entre pintura e poesía”. Para el ambas artes forman parte da realidade; unha realidade, un universo: “Cada gran de po conten unha alma marabillosa. Pero para entendela temos que recuperar o sentido relixioso e máxico das cousas, a dos pobos primitivos (…) A xente é sempre a mesma (…) crean cousas marabillosas. Esta é a razón pola que me atraen as cousas anónimas”. Joan Miró consideraba que a obra de arte tiña un poder transformador, por iso procura as mensaxes poéticas das súas pezas, por iso arrinca de obxectos vulgares para alcanzar o lirismo e a metáfora.

Non hai moitos anos na Fundació Miró de Barcelona púidose ver a mostra Miró i l’objecte. Alí evidenciouse a querenza deste artista por calquera cousa que o azar puxese diante súa; un diógenes calquera: Servir-me de les coses trobades per diví atzar, ferros, pedres, com em serveixo d’un signe esquemàtic dibuixat per atzar sobre paper o d’un accident ocorregut també per atzar. És sols això, aquesta guspira màgica allò que compta en art. Recoller restos por campos e praias tamén vén sendo un xeito de ante-pintura, de non ser exclusivista, de outorgar a “todo” o mesmo valor estético. Traballar os collages foi para Miró unha liberación, unha actitude vital e mais ser fiel aos seus principios: todas as cousas forman parte dun todo, así como calquera expresión estética é filla do espírito. Tal foi o que fixo en 1928 coa obra Portrait d’une danseuse, todo un poema visual elaborado a partir de tres mínimos elementos: un alfinete de sombreiro conforma a cabeza e o corpo da danzante que acaba espetado nun tapón de cortiza; e o vestido de bailarina é simplemente unha pluma de canario. Esta obra tan surrealista -agora no Centre Pompidou- pertenceu a André Breton.

 Joan Miró. La realidad absoluta. París, 1920–1945. Guerras, Constel·lacions.

La sèrie de les “Constel·lacions” (…) Em sentia molt pessimista. Tot ho veia perdut. En produir-se la invasió nazi a França, i amb la victòria dels franquistes, estava convençut que no em deixarien pintar mai més, que només podria anar a la platja a dibuixar a la sorra o traçar figures amb fum del cigarret. En pintar les “Constel·lacions” tenia de debó la sensació de treballar en la clandestinitat. (Joan Miró, 1978).

J. Miró. Peinture-poème (Une étoile caresse le sein d'une négresse)],1938
J. Miró. Peinture-poème (Une étoile caresse le sein d’une négresse)],1938

A escolma de cracións que o museo Guggenheim Bilbao acada en Joan Miró. La realidad absoluta. París, 1920–1945 chega xusto ata o final da II Guerra Mundial. A serie das Constel·lacions (1939-1941) elaborouna Miró en tempos de miseria. En tempos de miseria espiritual e mais material. O propio artista confesa que, ao remate de cada tela acabada dábase un premio: ir tomar un café cunha ensaimada, por exemplo. E outro máis que lle chegou engadido, sen procuralo: trouxera de París (para Mallorca) un caderno de papel para limpar os pinceis; esa limpeza dos restroballos de diversas cores deixada secar deviña a base, os fondos sobre os que elaboraría a seguinte peza da serie Constel·lacions. As vinte e tres pezas que compoñen a serie citada saíu de Mallorca en valixa diplomática ata New York, para ser entregues ao seu marchante, Pierre Matisse (o fillo menor do autor da Danza), que as expuxo na cidade do MOMA no ano 1945, causando un impacto sobranceiro. Parece ser que foron as primeiras pezas -creadas perante a II Guerra mundial- que se exhibiron publicamente.

Coa teima de recoller cousas que o azar lle ofrecía (e empregalas nas súas creacións) Miró logrou o modelo transformador da pintura, máis libre e lonxe do lenzo e dos pinceis. Comeza así a súa característica linguaxe, simbólica, críptica, que el recolleu de diversas propostas estéticas, entre elas das marcas que ata nós chegaron das pinturas rupestres, ou de deseños infantís; adobada con referentes oníricos tan queridos polos surrealistas. Nesta liña van tamén os xeitos de elaborar  Constel·lacions. Boa parte dos assemblages que Miró artellou con obxectos reproducíronse en revistas ou foron ás mans de amigos seus. Moitos deles foron exhibidos en París nunha mostra co titulo de Escultures (1931-32). Un dos visitantes desa particular exposición foi Boris Kochno que estaba tratando de facer o ballet Jeux d’enfants, de Bizet, para os Ballets Rusos de Montecarlo. E propúxolle a Miró de facer a escenografía da obra de Bizet; o pintor aceptou entusiasmado, e aproveitou os seus collages e assemblages para confeccionar os vestidos dos bailaríns e os elementos escenográficos.

Na exposición  Joan Miró. La realidad absoluta. París, 1920–1945 tamén están presentes (como non!) algunhas pezas de cerámica. Miró dedicou esforzos e recursos a traballar a cerámica. Outra volta a atención a artes antigas ou a traballos tradicionais. Tamén neste caso elaborar pezas e máis pezas para mirar de experimentar e revolucionar técnicas e resultados finais. Para saber dos traballos de oleiro, Miró xuntouse cun mestre: Josep Llorens Artigas, compañeiro tamén de mestres xaponeses, como Hamada. (O MNAC dedicou unha excelente mostra a estes dous mestres Artigas e mais Hamada: Hamada&Artigas. Els Colors del Foc). O traballo de ambos artistas Artigas e mais Miró) compaxínase á perfección. Miró aporta ás cerámicas a forza da súa creatividade e a riqueza dos seus simbolismos, e Artigas logra que a súa técnica –herdada dunha tradición milenaria– imprima ás figuras e pezas texturas únicas. A UNESCO encargoulles a Artigas e Miró (para a súa sede en París) dous murais para a entrada do edificio: o mural do Sol e mais o mural da Lúa. Son dous murais grandiosos, de máis de 7 metros de longo, elaborados, en 1957, en cerámica esmaltada e policroma e compostos por placas cerámicas. O recoñecemento logrado con estas dúas obras levou aparellado a chegada de novos encargos para outros murais cívicos, xa en institucións públicas, xa privadas. Entre outros pódese reseñar o mural para a universidade de Harvard, o confeccionado para o Solomon Guggenheim Museum (N. York), o que se atopa na Fondation Maeght (Francia), outro para a Exposición Universal de Osaka, o máis coñecido por estes lares, o do aeroporto do Prat, o do Palacio de Congresos de Madrid, etc.

Lito Caramés

  • EXPOSICIÓN:  Joan Miró. La realidad absoluta. París, 1920–1945
  • Museo Gugenheim Bilbao
  • ata o día 28 de maio de 2023