Homenaje a J. A. Durán: Un caso raro, singular

Historia de caciques, bandos e ideologías en la Galicia no urbanaNon vou falar da obra Durán, senón do impulso e a vontade que a creou. Outros falarán dela con máis profundidade ca min. Digamos, por resumir, que Durán contou unha chea de historias singulares mais quizais unha das máis singulares sexa a súa propia. Singularísima e, posiblemente, única. Consistiu a súa vida nunha serie de apostas que foi gañando sucesivamente, a medida que se presentaban. A primeira, e por insólita, a principal, foi a de tentar vivir do que escribiría. Esta afirmación na España dos primeiros setenta soaba a tolemia, a clara loucura. Era, simplemente, cousa imposible. Os seus amigos daquel tempo non lograbamos comprender tal decisión. Un historiador, por definición, é sempre un funcionario ou un profesor, que, ademais escribe e publica. Durán quería crebar o esquema.

A decisión tomada supoñía, ademais, varias cousas importantes. Primeiro o abandono da súa situación de funcionario interino no Ministerio de Presidencia en Madrid. Segundo, alguén tiña que conseguir os cartos para vivir e esa sería a súa muller, Sara, que aceptou a aposta cunha valentía incrible. Sara era mestra titular en excedencia e tería que volver a exercer o maxisterio. Isto significou que o matrimonio acabara en Ledaña, lonxe de Madrid, no sur de Cuenca, na Manchuela. Se o proxecto fracasase, el mesmo tería que volver ao ministerio ou a exercer como mestre, pois tamén o era.

E alí foi, en Ledaña, onde Durán lle foi dando forma ás súas investigacións. Pouco antes atopara un tesouro na casa dos seus sogros, en Rianxo, unha colección completa de El Barbero Municipal, á que lle ía sacar bos rendementos. De aí, sairían dous libros de éxito. En 1972, a editorial Siglo XXI publicará El primer Castelao. Biografía y Antología Rotas.  A conmoción foi grande, mesmo se chegou a dicir que menoscababa a visión da figura de Castelao que en Galicia se tiña e que se daba por canónica. Durán viña a demostrar que o conservadurismo primeiro de Castelao non era incongruente co seu galeguismo posterior. Nese mesmo ano de 1972, tamén en Siglo XXI aparece Historia de caciques, bandos e ideologías en la Galicia no urbana, referido ao Rianxo de 1910/1914. Outro éxito de varios miles de exemplares e varias reedicións. Durán vive xa, e ben, da súa escritura.

Cabecera de El Barbero Municipal

 

Aínda que no título desta obra use a palabra “historia”, endexamais se tivo por historiador, no sentido profesoral do termo, e menos como profesor de historia. Foi, en palabras textuais súas un contador silvestre, mais non asilvestrado. De aí a súa dedicación á biografía histórica, ás crónicas familiares e á historia local. Bo exemplo disto son os catro libros así titulados Crónicas que publicou a Editorial Akal, dedicadas a historias de axitadores, caciques, anarquistas, agraristas, rexionalistas ou nacionalistas.

Nesta época, non foi todo publicar libros ou colaborar na prensa, en especial con La Voz de Galicia, na que coordinou a celebración do seu centenario en varias entregas. Foi comisario, tamén, de importantes exposicións. En 1983 a de Bagaría e en 1986 a de Castelao no Xardín Botánico de Madrid. De alí marchou e percorreu Galicia nun tren especial. Máis tarde a exposición foi levada á Arxentina e a día de hoxe non sabemos onde pode estar.

En 1978 coordinou para o Banco de Bilbao o libro colectivo Galicia. Realidade económica e conflito social con exemplares en castelán (6.000) e en galego (4.000). Coa desculpa da mala calidade dalgúns traballos, o mesmo banco prohibiu a edición enteira, tanto en castelán como en galego. Foi o primeiro libro secuestrado, polo propio pagador, da incipiente democracia. Con todo, circulou, e moito, en fotocopias clandestinas. Non se sabe cal foi a forma que adoptou o Banco de Bilbao para destruír os exemplares secuestrados: a cizalla?

A crise do papel dos anos noventa fixo que os xornais eliminasen ou restrinxisen os artigos dos colaboradores especialistas e as editoriais reduzan o seu alcance e publicación de títulos. Pasou a crise, mais non volveron os vellos tempos e o xornalismo xa non sería igual. Comezaba o que Durán chamou confusión entre ocio e cultura. Como os xornais e as editoriais se mostraban tacaños, decidiu que faría na súa casa os seus propios libros e demais publicacións. Así foi como naceu Taller de Ediciones. De aí saíron títulos dedicados a Murguía, Vicenti, Juana de Vega e ao mesmo Cesáreo González.

Tamén nese momento aparece o audiovisual na obra de Durán, outra das grandes apostas. Producidos por La Voz de Galicia, Durán dirixe 56 vídeos da serie Historias con Data, de máis de media hora de duración, con títulos como O Catecismo do labrego, Lugrís Freire, Federico Ribas, o arcebispo Payá y Rico ou o mesmo Curuxás. Da serie Memoria e Historia fixo 13 vídeos e de Atlántica memoria, 7.

En 2005, xorde La Cueva de Zaratustra, un blog aberto que conta coa colaboración dos vellos amigos. Leva así máis de quince anos e durará.

Durán viviu á marxe da historia académica. Tíñase por antiacadémico por esencia con pésima opinión do corporativismo profesoral. Rexeitaba o servidume da carreira de profesor, cos seus ritos, coas súas teses de doutoramento, os concursos e as oposicións. A súa obra foi a dun independente e a dun solitario.

No ámbito político, non se definía nos termos habituais de esquerda ou de dereita, pois consideraba que eran termos complementarios, non opostos, xa que a dereita era sempre a dereita dunha esquerda e a esquerda a esquerda dunha dereita. No territorial prefería a unidades maiores fronte a partículas, mesmo nacionalistas ou separatistas. El falaba de atlantismo fronte a nacionalismo, como ben explica na serie de vídeos titulada Atlántica memoria e define con precisión nunha conferencia dada na Casa de Galicia de Madrid no ano 2009 titulada Futuro europeo y memoria histórica. Los atlánticos que hicieron Madrid.

Reivindicou o estudo do local e o provincial. A iso que se chama, con tanta ampulosidade, o universal, se é que diso hai, non lle queda máis remedio que mostrarse no local. Descría tamén da historia militante, dependente sempre dunha ideoloxía previa que se reproducía a si mesma nun discurso, tamén chamado pomposamente, histórico, cando non nacional.

Foi pois a carreira de Durán unha carreira en solitario. Mais viviu e actuou como se prometeu así mesmo cando mozo. Gañou a vida e cumpriu a promesa. Esta condición de solitario, e de orixinal, que con tanta enteireza levou en vida tamén a trasladou á súa morte. Xa moi enfermo, publicou en novembro de 2019 o seu último artigo en La Cueva de Zaratustra. Anunciaba a súa morte mais tamén a decisión de afrontala en solitario, como solicitara dalgúns amigos. Coa enfermidade, di: “me desinteresé de todo lo demás y convertí mi espacio hospitalario en un fortín inaccesible”. Esa foi, tamén, a súa última gran aposta.

Sara y Tonio
Sara y Tonio

 

HOMENAJE A JOSÉ ANTONIO DURÁN:

  1. Pablo Durán
  2. Mª de los Ángeles Tilve Jar
  3. Javier Munáiz
  4. Miguel Anxo Seixas Seoane
  5. Rafael Chacón Calvar
  6. Justo Beramendi
  7. Luís Cochón
  8. Rosario Álvarez