Manolo Durán |
Na memoria de Manuel Durán Iglesias
Querido Xosé Antonio:
Acabo de recibir o teu escrito recordatorio para o teu irmán Manolo que se nos foi no chanzo dun alustre.
O que vén a seguir está escrito in memoriam suam, a de Manolo, que como tal, persoa e memoria, ha tardar en irse de nós. Porque a el e a nosoutros cústanos a despedida, cando quedaba tanto para que o tempo se demorara devagar. Véñenseme ó sentido aquelas palabras ponderadas do Cunqueiro final, que xa as ventaba, cando algún dos que estabamos con el, sacou a nova doutro amigo que viña de falecer de repente (sempre hai alguén para leriar a sorte do que se foi polas boas e sen sentir). O comento de Álvaro foi resolutivo: “A min dádeme unha morte longa porque teño moito que expiar”. Cadaquén sabe de si, pero o bo de Manolo (non souben ata agora que se chamara Francisco ó mesmo tempo) era unha criatura seráfica. Educou a varios dos meus que conservan del feliz recordación. E quen non?
As súas honras supuxeron para min un reencontro con santa María, onde tantas Pasións secundum Johanem teño cantado dende o coro. O coro entrañable do Instituto na basílica de Mareantes; en san Bartolomeu, nas ruínas de san Domingos, na Viacruce de santa Clara: os recitados para cadansúa estación. Principio e fin, alfa e omega, vida e morte, en cada sazón da existencia.
A cerimonia desencadeou no meu íntimo unha catarse, un rito purificador. Prendeume dende o inicio unha voz tan modulada e con tantos rexistros que por veces –voz soa– era aria e outras coro, tiple ou contralto, mesurada e manseliña. Ata ese intre non caera en que Manolo Durán era tamén cantor. E que ninguén que non teña sido cantor de coro, pode saber o que de irmandade mesta significa para todos os individuos do conxunto, esa comunidade tonal, a música acordada que fixeron xuntos, por moito que os camiños da vida, tantos e tan distantes non foran afastando: “Hai moitas vidas”, dicía o Orestes sabedor da imposible vinganza.
Algún rebulir, certa pausa de cousa inacabada, o gorigori do oficiante que a primordio é o mestre de capela, isto é, o director da polifonía, quereríame dicir que o acto sen máis aínda estaba por vir, algo que se demora á mantenta. Dende o alto, o coro no seu lugar, comezou a cantar unha música a catro voces nun latín do que xa non se entende a letra, pero que a voz, as voces, por riba e por baixo, teñen modo de entoar toda a tristura do mundo, naquel laio crecidísimo, treno ou elexía, que, se cadra, vén no Breviario que nin os curas len agora.
Foron as músicas, estoutro universo emocional onde apenas importan as palabras, por máis que sexan as divinas palabras responsorias –Tolle, tolle– que só en parte recollen verbas, que non versículos, do Libro de Isaías:
Velaiquí como morre un home bo
sen que ninguén se decate…
Razón de máis para que a Coral Polifónica de Pontevedra insistira no seu propio bis, lamentoso e maestoso, cando despedía a un dos seus, e de noso, cun motete sublime naquela tarde propia dos mellores días de sempre.
Non hai mellor poesía ca do canto de todos para decatármonos de vez.