
Unha magna exposición percorre Europa co gallo do centenario da publicación do Manifeste du Surréalisme por parte de André Breton: 1924. Otros Surrealismos. Na súa estada en España -nestes primeiros meses de 2025- é a Fundación Mapfre de Madrid a entidade cultural que enche as súas salas con centos de creacións surrealistas. Trátase dunha nova visión dese movemento de vangarda, versión descentralizada (de París) e coa presenza de moitas creadoras ás que, ata agora, se lles negara a existencia.
Fundación Mapfre, Madrid.
Non vou agochar que para min a imaxe máis forte é aquela que conten o máis alto grado de arbitrariedade, aquela que máis tempo tardamos en traducir a linguaxe práctico, sexa porque leva en si mesma unha grande dose de contradición, sexa porque un dos seus termos estea curiosamente oculto, (…), sexa porque dela se deriva unha xustificación formal irrisoria, sexa porque pertenza á clase das imaxes alucinantes, sexa porque preste de modo natural a máscara do abstracto cara o que é concreto, sexa por todo o contrario (André Breton. Manifeste du Surréalisme, 1924).

En outubro de 1924 André Breton publica unha colección de texto (Poisson soluble) e co título de Manifieste du Surréalisme. Esa data e ese libro téñense como o inicio oficial do movemento artístico e literario coñecido como Surrealismo, movemento que, desde París, esténdese por varios continentes á sombra do onirismo e mais das teorías de Sigmund Freud, da irracionalidade, da estrañeza, da imaxinación.
E agora, para conmemorar o centenario do Manifeste du Surréalisme comezaron -o ano pasado- a exhibirse obras de tales artistas nos Musées Royaux des Beaux-Arts de Bélxica, seguindo logo polo Centre Pompidou de París. A ampla representación desas creacións artísticas chega agora a Madrid, ás salas da Fundación Mapfre, e marcharán logo para Hamburgo e o Museo de Arte de Filadelfia. A estancia en cada entidade cultural provoca certas adaptacións por medio de artistas e obras ás realidades particulares de cada país. Na mostra 1924. Otros surrealismos, a súa comisaria, Estrella de Diego mirou de que se fixesen presentes artistas e lugares fóra de París. Así fálase e exhíbese a presenza en Tenerife -por medio da revista Gaceta de Arte e artistas como Eduardo Westerdalh ou Óscar Domínguez- de Buenos Aires e tamén de México -un país considerado por Breton como o país máis surrealista. A comisaria fixo un especial exercicio reivindicativo ao incluír tamén, na “versión española” desta mostra, un número moi importante de mulleres artistas; en total 35, que representan o 50% dos presentes en 1924. Otros Surrealismos. Entre moitas outras, están nas salas da Fundación Mapfre, coas súas creacións, Remedios Varo, Maruja Mallo, Dora Maar, Ángeles Santos, Tina Modotti, Dorothea Tanning, Amparo Segarra, Delhy Tejero, Leonora Carrington, Ithell Colquhoun, Helena Diakonova (Gala Dalí), Rachel Baes.
Para a mostra que se está a comentar (1924. Otros Surrealismos) emprégase a data de 1924 por seren a efeméride na que Breton -logo considerado o pope do surrealismo, algo así como o que repartía carnés do movemento e que desprezaba ás mulleres- publica o mencionado libro en París, daquela a capital das artes. Pero as manifestacións literarias e artísticas que teñen trazas surrealistas son moi anteriores ao Manifeste du Surréalisme de André Breton (en 1917 Guillaume Apollinaire denomina surréalisme ao rumbo polo que van as creacións artísticas e literarias á procura de novos territorios -o sub-real- e de novas linguaxes). Afastadas do século XX e das súas vangardas están obras como as do Bosco (O Xardín das Delicias) ou as Pinturas Negras de Francisco de Goya. E case que coetáneas ao que se cocía en París nese ano 1924, pero anteriores, cómpre lembrar as creacións de G. de Chirico. Giorgio de Chirico inventa nos anos 10 -xunto con Carlo Carrà- a pintura metafísica, un xeito de pintura figurativa que xoga coa combinación de espazos propios de cidades italianas (piazza) con obxectos estraños, entre eles figuras humanas (L’énigme d’un après-midi d’automne). Estas obras son decisivas para a aparición do Dadaísmo e mais do surrealismo. G. de Chirico influirá tamén moito nos xeitos de enfrontarse á representación pictórica de René Magritte, nese permanente “estrañamento” que se percibe nas telas do autor de Ceci n’est pas une pipe. En 1927 Magritte viaxou a París para dar conta do que andaban a facer os membros do grupo surrealista. Alí permanece 3 anos, pero logo volve a Bélxica; nunca se sentiu como integrante dese movemento, aínda que as súas obras poden ser cualificadas como surrealistas, intelixentes e enigmáticas.
Por iso mesmo, pola diversidade de propostas e direccións que agarra este movemento de vangarda, a mostra 1924. Otros Surrealismos non se circunscribe a Paris e o círculo bretoniano, senón que viaxa por outros territorios europeos, americanos e africanos. A impresionante mostra 1924. Otros Surrealismos -con centos de obras e diversos materiais- foi posible grazas aos numerosos préstamos de obras procedentes dunhas setenta e cinco institucións e coleccións particulares, entre elas o Centre Pompidou, o Art Institute of Chicago, o Musée National d’Art Moderne de París; o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, a Peggy Guggenheim Collection de Venecia o Musée National Picasso-Paris ou a TATE e o The Museum of Modern Art.
Para completar a exposición, a Fundación Mapfre edita (como sempre) un formidable catálogo no que se reproducen todas as obras e se poden consultar artigos da comisaria, Estrella de Diego, e doutras persoas estudosas do surrealismo: Diana Weschler, da Universidade de Buenos Aires, Isidro Hernández, do Tenerife Espacio de las Artes e a interesante colaboración da directora de cine, Isabel Coixet.

Tolas, bichos raros.
Las artistas surrealistas fueron un colectivo solitario, rebelde, soberbio, desafiante, único; aunque ni siquiera se vieron a sí mismas como colectivo, muchas de ellas fueron amigas y se apoyaron. Su obra literaria se nutre, como su obra plástica, de una imaginación riquísima y de la idea de que no había fronteras ni límites entre las disciplinas artísticas. (Isabel Coixet. Cuerpo y Locura, no catálogo da exposición).

Artwork Location: Art Institute of Chicago, Chicago (IL), USA
Permission for usage must be provided in writing from Scala.
Unha das adaptacións desta mostra internacional ao contexto hispano, por parte da comisaria Estrella de Diego, foi incluír artistas e áreas españolas e tamén latinoamericanas e outra -non menos importante- a inclusión de moitas mulleres artistas; tantas que agora en 1924 Otros Surrealismos representan a metade dos creadores presentes. Toda unha aposta por dar visibilidade ás mulleres, ás que se lle prohibira sistematicamente. Sen rebuscar moito, André Breton, o santón surrealista, en 1924 denominaba ás mulleres artistas como “belas e sen nome”. Floreiros con denegada identidade? (sobre a invisibilidade e a negación de identidade ás mulleres, recomendable a lectura do poema La Mujer de Lot, da poeta W. Szymborska).
O intento de “resucitar” as mulleres artistas e as surrealistas en particular xa ten unhas décadas de traballos reivindicativos. No ano 2008 tamén a Fundación Mapfre presentou en Madrid a novidosa exposición Amazonas del Arte Nuevo, unha colección de obras creadas por mulleres que practicaron diversos estilos e sensibilidades, entre 1880 e 1950. No catálogo desa mostra hai tamén un interesante texto da profesora Estrella de Diego onde manifesta, entre outras cousas: La tan comentada disputa sobre la imposible genialidad de las mujeres se reaviva a finales del s. XIX, capitaneada por Otto Weininger y sus reflexiones a proposito de la falta de memoria de las mujeres al carecer de autoconciencia -de alma- y por Nietzsche, cuyas teorías se inscriben dentro del debate finisecular sobre “genio”, degeneración y mujer.
Son moi numerosos os intentos de invisibilizar as creacións levadas a cabo por mulleres, así como a súa propia capacidade intelectual. Por que? Aplicado directamente ás mulleres surrealistas vén ao xeito outro texto de case mediados do século XX. No ano 1943 Peggy Guggenheim presentou a mostra Exhibition by 31 Women, na súa galería de New York. As alí representadas eran maiormente mulleres relacionadas co surrealismo (exposición que hai uns meses reproduciu a Fundación Mapfre en Madrid co título de 31 Mujeres. Una Exposición de Peggy Guggenheim). Pois, nese ano 1943 o crítico H. McBride (no xornal The New York Sun) dedicou ás artistas surrealistas presentes na devandita mostra (e ao surrealismo en xeral) a perla seguinte: O surrealismo está formado por un 70% de histeria, un 20% de literatura, un 5% de boa pintura e un 5% de ataques a público inocente. (…) Tendo en conta as estadísticas que dan os médicos e as porcentaxes anteriores, é evidente que as mulleres deberían destacar no surrealismo. E por suposto destacan, coas histéricas, o espectáculo está asegurado. Discurso do patriarcado, coas súas misoxinias.
O Museo Picasso de Málaga presentou, en 2017, a interesante e novidosa exposición Somos plenamente libres. Las Mujeres Artistas y el Surrealismo. Alí, por primeira vez en España puidéronse ver creacións de 18 artistas relacionadas co surrealismo. Agora esas artistas volven estar representadas en 1924. Otros Surrealismos, e moitas outras que daquela non o estaban. O elenco de mulleres representadas en 1924 Otros Surrealismos é moi amplo e diverso; desde aquelas que xa veñen sendo habituais en antolóxicas a outras pouco representadas. Entre estas últimas pódese contar a Amparo Segarra, unha muller que tivo que exiliarse en 1936 e vivir anos en países americanos e creadora de atractivos collages. Entre as se poden ver máis, Dorotea Tanning, a orixinal Maruja Mallo, Remedios Varo ou Leonora Carrington. Carrington, por biografía, por avatares, por crenzas sempre estivo preto desas dimensións máxicas e oníricas. Dimensións que viaxan polo gume da navalla -afiado, perigoso- que estrema ‘a normalidade’ e outros mundos: espiritualidades, tarot,…vesania. A liberdade procurada e alcanzada tamén a levou a verdadeiros infernos en vida. Tamén a Fundación Mapfre presentou hai dous anos Leonora Carrington. Revelación, unha magnífica retrospectiva das creacións da artista autora de The Horses of Lord Candlestick.
Breton, Mallo, Miró, Ernst, Dalí, Granell…
Surrealismo es el nombre de un nuevo continente del espíritu, el más fecundo y liberador, que había permanecido ignoto hasta 1924 (…) y que no ha cedado de ampliar por todo el planeta el ámbito de sus exploraciones acerca de qué sean la vida y el amor en libertad. (Eugenio Granell, “¿Qué es el Surrealismo?” no seu libro Encuentros, ensayos e invenciones, 1998).

Polo que respecta a outros artistas presentes en 1924 Otros Surrealismos a nómina é moi longa, diríase que constan todos. Polo menos todos aqueles que perante décadas foron constando nas diversas revisións do movemento vangardista do surrealismo: Breton, Tanguy, Miró, Ernst, Magrittre, Dalí, Óscar Domínguez, de Chirico. E tamén outros non tan expostos como Massanet, del Valle, etc.
O traballo de “curadora” de Estrella de Diego percíbese moi ben ao pasar polas salas e ir constatando a presenza de tantas creadoras, como xa se dixo, e de tantos outros artistas hispanos ou latinoamericanos que non é habitual atopar nestas celebracións internacionais. Un traballo excelente. Sorprende, por exemplo, atopar varias obras de Amparo Segarra e de Eugenio Granell, compañeiros de vida e artísticos; persoas polifacéticas (escritoras, actrices, pintores, escultores, escenógrafos), persoas sabedoras de que non hai barreiras entre as diferentes manifestacións, persoas donas de mundos de seu e de linguaxes artísticos propios. Calquera medio é óptimo para expresar emocións, sensacións. Cómpre agradecer á Fundación Granell, instalada en Santiago, as informacións que amablemente facilitou ao que subscribe esta reseña, por exemplo o texto xa referenciado ao comezo deste apartado “¿Qué es el Surrealismo?”. O autor de El Arte de la Conversación (1976), un artista prolífico, ben merece estar representado nesta importante exposición.
Estrella de Diego fai que Maruja Mallo, a autora de Sorpresa del Trigo (1936) sexa a artista que encabece a derradeira seccións de 1924 Otros Surrealismos, e titulada “Piedras, árboles y otras criaturas”. Aquí varias obras de Mallo (dos anos 30) exhiben a súa querenza por esqueletos e outros restos orgánicos. Pezas destas foron as que levou a París e mostrou a Breton, que seica gustou moito delas.
- EXPOSICIÓN: 1924. Otros Surrealismos.
- Fundación Mapfre, Madrid.
- ata 11 de maio de 2025
Lito Caramés