Co gallo do cento cincuenta aniversario da primeira edición de Cantares gallegos relín o poemario que inicia o Rexurdimento. Evidentemente que despois desta lectura corroborei ideas e intepretacións deste poemario que se consideran hoxe canónicas. Mais, a través da lectura de cada un dos poemas que conforman Cantares Gallegos, atopei elementos que non adoitan salientarse nas análises de Cantares. Por iso, durante o ano da efeméride, fun comentando un a un os textos e mais os poemas de Cantares. Desta lectura-comentario tiramos algunhas conclusións, que comentamos a seguir.
En primeiro lugar, cómpre salientar que Cantares gallegos é un libro que ten varias lecturas. Certamente que é un libro folclórico, de reivindicación de Galicia, mais tamén moitas outras cousas, desde a reivindicación nacional de Galicia ata a expresión da intimidade da poeta. Como verá quen lea estes comentarios (un comentario por cada poema de Cantares máis os referidos á recepción, ao prólogo, á dedicatoria e ao glosario, como xa indicamos), decatarase de que aparecen xa os grandes temas e símbolos de Rosalía como a saudade ou a negra sombra. Non hai que dicir que un clásico da literatura é aquel que ofrece ao receptor varias lecturas.
Chamounos tamén a atención como a crítica non adoita comentar, como debería, mutilacións ou censuras que sufriron dous dos máis espallados poemas de Cantares gallegos, como verá quen lea os capítulos dedicados a “Adios, ríos; adios, fontes” e “Airiños, airiños aires”. Creo que o que se suprimiu é moi expresivo e que a crítica nunca se fixou abondo nestas censuras. Reparemos en que os editores de Cantares gallegos adoitan pasar por alto que se suprimiron nas edicións de 1863 e 1872 o que a poeta di sobre o castelán na versión do poema “Airiños, airiños aires” publicada no Álbum de la Caridad: Donde oyo un falar estraño / Donde oyo unha estraña lengua. Creo que é a primeira vez que alguén di tan claro que o castelán é unha estraña lengua en Galicia.
Nos poemas onde se trata o tema do amor, salientamos a concepción tráxica que deste sentimento ten Rosalía. Cremos que o amor, como ben di Machado da Rosa, outro maldito para a crítica oficial, é pracer para a poeta, máis tamén pecado e sempre dor ou remorsos. Como ben expresou en Lieders ou mesmo nalgúns retallos das cartas da poeta a Murguía, o amor para a muller é sempre dor, especialmente nunha sociedade machista. Por outra banda, esta concepción negativa sobre o amor, que vemos en varios poemas, non debeu ser allea á relación Murguía-Rosalía, como nos decataremos se analizamos o epistolario conservado tanto de Murguía como de Rosalía ou mesmo outros testemuños, cousa que a crítica adoita calar, nese proceso de ocultación, que iniciou o propio Murguía.
Neste sentido, unha carta de Aurelio Aguirrre a Murguía (Cartas a Murguía I. Fundación Barrié de la Maza, páx. 94), sen data, máis de 1857 ou 58 e anterior á voda de Rosalía con Murguía di algo Aguirre sobre Rosalía que non deixa de aqueloutrarnos un pouco: Sé también aunque tú no me lo confiaste tus relaciones amorosas con una mujer, que para los necios sería objeto de burla, pero que los amigos que te aprecian sabrían respetar siempre que tú la distinguieses con tu afecto. No debías ser reservado sobre ese asunto conmigo, que acaso fueron víctimas de una de pasiones que lejos de rebajar engrandecen que las siente, si llevan un fin más filantrópico que el mundo se figura. La franqueza de amigo me dicta este lenguaje y creo que semejante epíteto me permitirá que lo use sin que te enojes. Espero me refieras esa historieta que será religiosamente guardada por mí. Por non referírmonos a outros anacos da correspondencia Rosalía- Murguía, que non nos resistimos a reproducir e, que, sen ningunha dúbida, algo teñen que ver con esta concepción do amor que nos amosa a poeta, como a muller sempre a sufrir os desprezos do home ou mesmo as murmuracións da xente. O que o desexe pode ver estas cartas, no recentemente editado polo Consello da Cultura Epistolario de Rosalía de Castro:
Mi querido Manolo: no debía escribirte hoy, pues tú, que me dices lo haga yo todos los días, escaseas las tuyas cuanto puedes, pues casualmente los dos días peores que he tenido, hasta me aconteció la fatalidad de no recibir carta tuya. Ya me vas acostumbrando, y como todo depende de la costumbre, ya no me hace tanto efecto; sin embargo, estos días en que me encuentro enferma, como estoy más «susceptible», lo siento más. Te perdono, sin embargo, aunque sé que no tendrías hoy otro motivo para no escribirme que el de algún paseíto con Indalecio, u otra cosa parecida. Pero no reñiremos por esto, cuando tan desdichados somos ya.
Sí; estoy de un humor sombrío, y puede que lo estuviese del mismo modo aun cuando no tuviese motivos para ello. Estando lejos de ti vuelvo a recobrar fácilmente la aspereza de mi carácter, que tú templas admirablemente, y eso que a veces me haces rabiar, como sucede cuando te da por estar fuera de casa desde que amanece hasta que te vas a la cama, lo mismo que si en tu casa te mortificasen con cilicios. Entonces, lo confieso, me pongo triste en mi interior y hago reflexiones harto filosóficas respecto a las veleidades de los maridos y a la inestabilidad de los sentimientos humanos. Pero a pesar de esto te quiero mucho y te perdono todo fácilmente, hasta que me digas que te gustan otras mujeres, lo cual es mucho hacer.
Necesito, pues, estar a tu lado; de lo contrario, estoy dada a todos los santos, sobre todo cuando, además de estar lejos de ti, nos pasa lo que nos pasa.
Sobre que a relación amorosa de Rosalía-Murguía non debeu de ser todo o perfecta que nos suxire Barreiro na súa recente biografía de Murguía (Galaxia), botan luz tamén uns apuntamentos de Said Armesto, que reproduce Álvarez Ruiz de Ojeda no número 4 da Revista de Estudos Rosalianos (2011). Así a citada estudosa reproduce este texto de Said Armesto, referida nada menos que ao tempo en que Rosalía estaba xa gravemente enferma de cancro: 1884. Rosalía de Castro. Avanza cada vez más la enfermedad que minaba su organismo. Murguía era, a la sazón, Bibliotecario de la Universidad de Santiago. Pero el clima santiagués érale a Rosalía fatal. Ella estaba, pues, en Padrón, con todos sus hijos, y Murguía, en Santiago, atado al desinto (y a la querida) (páx. 32).
Para min non cabe dúbida que esta concepción negativa do amor que vemos xa en Cantares ten un apoio biográfico na relación Murguía-Rosalía.
En fin, incluímos Cantares gallegos dentro da Europa do seu tempo de reivindicación dos pobos e nacións sen Estado, así como dentro das correntes literarias e lingüísticas posrománticas, que en España tanto se difundiron desde El Museo Universal. Así mesmo consideramos Cantares un libro fundamentamente progresista e próximo ao socialismo utópico.
Tamén vimos que é un libro reivindicador de Galicia e mais do pobo galego, verdadeiro heroe épico, mais non por iso deixa de ser crítico, pois este pobo tamén ten as súas características negativas.
En canto á relixiosidade, coma a paisaxe, é unha forma de superar tensións, un desexo de volta ao seo materno, mais só queda niso e eu, como verá o lector ou lectora destes comentarios, non dubido en incluír a Rosalía no eido cando menos dos agnósticos.
En fin, creo que na relectura destes poemas realizo unha deconstrución da Cantares gallegos como libro folclórico, optimista e non sei cantas cousas máis, aínda que tamén poida ser lido así. Por outra banda, Rosalía, xa neste seu primeiro poemario, desmonta a idea de España que nos vende o nacionalismo español, que xorde precisamente durante o reinado de Isabel II e que continúa hoxe a ser defendido desde FAES ou mesmo o pseudoprogresista El País. Tamén, gústenos ou non, cómpre situar a Rosalía dentro do movemento renovador que supuxo El Museo Universal e, deste xeito, a súa estadía en Madrid foi fundamental na súa formación. Rosalía, tamén Murguía, son tamén madrigalegos.
Como foron moitos os que consultaron os artigos que fun publicando de xeito indepente sobre cada texto-poema de Cantares gallegos, ofrézoos agora reunidos neste Para lermos Cantares gallegos. Coido que a literatura debe ensinarse a través dos comentarios dos textos dos autores. Aquí comentamos en cada capítulo cada texto (prólogo, dedicatoria…) ou cada poema de Cantares gallegos. Quen queira pode ler o libro enteiro, mais o que só desexe ter información sobre un texto do poemario ou sobre un poema en concreto non ten máis que recorrer ao capítulo concreto en que o tratamos.
Teño que dicir que a súa publicación na CUEVA obedece a que para min supuxo un revulsivo para ler a Rosalía os libros que xa hai anos lle dedicou Xosé Antonio Durán á parella Rosalía-Murguía en libros fundamentais que, non obstante, a crítica filolóxica galega non valora como debera: Prosas recuperadas. O periodismo de Manuel Murguía. Antoloxía básica (1999) / A loita pola vida (1833-1923). Conflictos e tenruras de Manuel Murguía (2000) / Murguía 1833-1923. Cronista de Madrid, esposo de Rosalía de Castro, polígrafo galleguista, ideólogo del nacionalismo, etc., etc. (2000).