Xosé Manteiga Pedrares: In Honorem

In Honorem

Foi un profesor dignísimo, verdadeiro mestre que a algún de nós marcounos a vida intelectual para sempre. Accesible. Aconsellador, guieiro das nosas aptitudes. Oíanos, que máis queriamos, no medio de todo aquel silencio habido. Escoitábanos mesmo con compracencia e agrado. Que é Filosofía?, o texto de Ortega, se cadra un pretexto para as propias cavilacións do profesor Manteiga, tan dotado para a historia da Filosofía e do pensamento. E máis aínda para o diálogo socrático.

—“Siga vostede a pensar”, puido dicirnos, na medida en que precisabamos ir máis aló, rodeando, preguntando, naquela alegoría da toma de Xericó, ás envoltas, sete voltas, ata que as murallas da cidade, os muros do saber, íanse derrubando, persuadidos nós, polo profesor, de competencia exemplar. Nada ten habido na súa vida que non fora disposición para a exemplaridade.

Era o profesor máis querido de tódolos que tiñamos, algún túzaro incluído. Foi o primeiro en propiciar os seminarios que levaba, a maiores das clases. Bastantes de nós expuxemos algunha ponencia. Quixo ser amigo dos seus alumnos. Benzón para el. Dei con el dous anos de filosofía, nos cursos comúns, 1963 e 64, no vello caserón, pousado e poulado, na praza da Universidade, despoxada xa da Minerva de Ferreiro, no plinto, e nas aulas, de outras intelixencias cuxa ausencia fora decretada por instancia sumarísima, quedándonos nós naquela terra erma, Waste Land: esa decrepitude.

Foi el, o mestre Manteiga Pedrares, fundador da Escola do Preguntoiro. Como haber, máis doado nome, para acoller a aqueles alumnos que queiran seguir teimando na teoría do pensar? A Escola do Preguntoiro, tan expresiva na súa onomástica, como alicerce do noso pensamento galego? A dialéctica está no voo, na pregunta; nunca na captura ou posesión. Porque a caza de amor é de cetraría.

Sabido é que a ignorancia é o último que se perde, non a esperanza, que o meu mestre nunca perdeu, nin neste derradeiro camiño por onde se vai esvaecendo.

Propoño que a presidencia perenne da escola filosófica, vaia por sempre unida á figura inmarcesible de don Xosé Manteiga Pedrares, ninguén mellor.

Comments are closed.




La Cueva de Zaratustra

LA CUEVA DE ZARATUSTRA es la apuesta del TALLER DE J. A. DURÁN (ED)  por el Librepensamiento. Una de las mejores bitácoras audiovisuales del mundo (BOBs 2004, Concurso internacional de webs de la Televisión Pública de Alemania Federal, 2004).

¡¡¡ QUÉ SE ABURRAN LOS NECIOS !!!

RINCONES DE LA CUEVA

Enlaces

Meta