VOLVO DO MAR DERRADEIRO

Escrito por Luís Cochón

Na memoria de Herminio Barreiro

Herminio

Herminio Barreiro (no centro) en 1990, entre X. L. Méndez Ferrín (esquerda) e Luís Cochón. Estes presentaban un libro seu sobre o pedagogo e institucionalista Lorenzo Luzuriaga (Valdepeñas, 1889/ Desterro de Bos Aires, 1959)

I

Os dous sabíamos que ía ser a última. Quedámonos coa palabra na boca para non ter que dicir máis.

Calados. Se cadra a revivir como nun lóstrego, historia de tantos anos.

Leveiche uns petisús de nata como os que compramos na rúa do Pez, á dereita, segundo se viña de san Bernardo, hai 50 anos, coas pobres pesetas que tiñamos para rematar outro mes de fame e de domingo. Pero non eran os mesmos.

Deporparte volvemos, agora, a compartir o medo, e os seus agoiros que por entón tanto nos unían cara á vida. Hostis – hostis: ‘el enemigo’ (diciámolo sempre en castelán).

Aínda que o medo, deste día, era un medo outro: o de non ter nada que dicirnos: huis-clos, cara á morte, ese silencio.

Estabas escribindo o final, ese espolio final, a modo de epitafio para clausurar de vez o Recordar doe, onde nos fuches empoleirando a tantos amigos que tiveches que hoxe dóense de desolación, mentres ti entoas o Camiño de volta fago.

Pousei eu eiquí á ida
por levar a rota solta
párome tamén á volta
pra facer a despedida

O noso Loboneyra andou tamén tecendo ese espolio final, en verso como estes, variantes inéditas, que no seu nome − aló vai el − e no de tódolos seus, que somos nós, ofrendamos ao amigo que acaba de irse, por levar a rota solta.

II
Camiño de volta fago
Fago camiño de volta

Laudatio mínima para Herminio Barreiro
na campa de Sisán, tarde do 6 de Santos:
caía auga a dioivos
.

Deixou por escrito nunha carta do ano 58, o da súa quinta: “Morrerei en novembro, senón en outubro” [“un día del que tengo ya el recuerdo”]. Así, exabrupto, sen vir a conto, porque non se trataba diso e ninguén lle preguntou: saíu de si, de propio intento. De seguro non recordaba o dies mortis cando falei con el este día, no que, inadvertido, disfrazouse de novembro “para no infundir sospechas”.

-Atópome un pouco cansado, díxome: a saúde que se vai, o país outra vez na alianza de sempre do trono e do altar, entre tantas corruptelas. O curso de doutoramento que tiña que estar a dar…

-O país éche o que é, aquel que nós non fomos quen de cambiar. As clases… pero con todo, cada día ao entrar na aula sigo a sentir na gorxa aquela carraspeira de ansia e timidez como decote.

-A min pásame igualísimo, segue a dicir: como se fose novato de primeiras, sen tino para atinar co acorde preciso. Un tremor, unha melancolía tamén, polo paso dos anos. Que feitizo será ese que nos fai seguir máis aló de nós mesmos, contra toda outra convicción: A educación é o único posible. Era amigo das formulacións apodícticas.

Como se pode dicir dunha persoa, dose tanta de candor, de emoción, de ensonación, para volver de pronto á lucidez proverbial, ilustrada. Á dialéctica capaz de esculcar na noite cos ollos de curuxa de Palas Atenea.

Poucas veces teremos coñecido individuo dese tempero coa emoción e a lucidez cravuñadas en fragua propia.

A súa capacidade de asombro ante o común usitado, como quen torna dalgunha rêverie. A ningún dos meus amigos lles teño oído como a el, inmutable: “eu son un home feliz”.

A mirada perdida nalgún lugar á fronte, que só podemos ver, por veces, nos ollos dos soñadores. Desa caste era el. E é esa dimensión a que quero situar por riba das súas habelencias dialécticas.

A súa memoria careceu de acedume. Non foi ávido nin cobizoso, porque deses é o reino dos maquieiros todos.

Aquí será, con nós, pasteiro comunal, como é difícil ser, tan de si, insubornable, secreto: Herminio Barreiro: Entrez!

Comments are closed.




La Cueva de Zaratustra

LA CUEVA DE ZARATUSTRA es la apuesta del TALLER DE J. A. DURÁN (ED)  por el Librepensamiento. Una de las mejores bitácoras audiovisuales del mundo (BOBs 2004, Concurso internacional de webs de la Televisión Pública de Alemania Federal, 2004).

¡¡¡ QUÉ SE ABURRAN LOS NECIOS !!!

RINCONES DE LA CUEVA

Enlaces

Meta