Unha clase estrelecida

Ramón Cabanillas, por Isaac Díaz Pardo

O 9 de novembro, luns, do ano 1959, os de “Pre” (universitario), no Instituto de Pontevedra, tiñamos clase con Xosé Filgueira Valverde á primeira hora da mañá. A clase, tal día, tivo que ser distinta. Algo tería que facer o noso profesor de literatura diante da morte que nos anunciou nada máis chegar, do último gran poeta que nos fora quedando: don Ramón Cabanillas.

Luis Rei publica en Galaxia esta infomada biografía do poeta

Algo traía na cara, no cabelo desordeado, no lume do corazón, no seu silencio: o gran profesor non daba atopado o xeito de transmitir a súa emoción. Non era unha lección máis, era o camiño que nunca se desanda, aquel camiño longo. Filgueira non sabía como comezar. Púxose a recitar mansamente os últimos versos do poeta, os versos de expiación que veñen en Samos. Verso núo, pingando o fervor, que as palabras apenas se atreven a dicir. Que outro modo mellor de honrar ó creador, senón cos poemas da súa propia creación. Versos para un poeta, naquel día, en tódolos días do mundo.

Chegara a aula don Xosé con seis ou sete libriños, en cada man, grandes como as tiña, e foinos aquelando como ó chou – pero non – encima da mesa. Leu de todos eles, sen sitio para censura, coas apostilas exactas no comento. Fixo o mestre que a clase se enchese de misterio, de melodía; versos curtos, longos, de harmonía naquel aire conmovido que foi meténdose en cada un. Versos de tódalas cores, de vida e morte, de liberdade e de insubmisión: a espada Escalibor na terra asoballada do gran poeta civil que foi Cabanillas, cando soñou unha patria, a súa, se cadra tan humilde e menos infeliz, patria pequena, a nosa, a dos vellos irmáns: DEUS FRATRESQUE GALLAECIAE.

Fará mañá cincuenta anos cando, os meus compañeiros e as poucas compañeiras, tivemos o privilexio de asistir a unha lección excelsa, naquela mañá da outonía clemente. Mestre máxico, Filgueira, fíxose dono do tempo, dos soños, da señardade. Foi o glosador espléndido. De min sei dicir que me sentín destinatario asombrado ante aquela marabilla. Cada un de nós soubo que aquela lección do mestre estaba dirixida a todos, e a cada un, como designio e aventura, como vocación e albedrío.

Que ben recitou Filgueira naquela hora, como nunca o fixera. Os atrancos do mestre na pronuncia do “r” rulado (fonema alveolar fricativo múltiple), aquel “meu caRRiño cantareiro” do verso case epónimo, eran cousa sabida. Tamén aquela súa dición apagada no final das cláusulas extensas entoadas só para si.

Que ben o dixo todo. Quedamos todos arrolados, extáticos polo canto melódico do milagre CIII que puxo a don Ero fóra do mundo, e fóra do mundo Filgueira tivo a sedución poética, misteriosa e silandeira, a cadencia para chegar a nos e chamarnos nas portas do corazón de mociños novos.

Eu debíalle a don Xosé esta recordación, só un chisco emotiva. E anque fora por iso, non podo rematar sen facer a ilustración e defensa do meu vello mestre: parece que naquel día do que estamos a falar, luns, nove de novembro, ou de Santos, Filgueira Valverde foi designado alcalde de Pontevedra. Parece, tamén, que o primeiro acto público ó que asistiu, pola tarde, foi o enterro, en Cambados, de don Ramón Cabanillas e que estivo nunha das presidencias durante as exequias do poeta. De aí o dicterio (que Alonso Montero acaba de exhumar – para que –) de Otero Pedrayo lle fai chegar a Ramón Piñeiro: “Soio me doe que o Filgueiriña fose presidindo de Alcalde o enterro de Cabanillas” (Carta do 13-XI-1959). Un Otero Pedrayo a quen coñecimos meses despois, na primavera do 60, invitado por Filgueira para darnos unha conferencia fulgurante no paraninfo do Instituto, onde o presentou Isidoro Millán, flamante número un nas oposicións de Grego, que se acababa de incorporar a súa cátedra pontevedresa. Anque fose soamente pola clase estrelecida que nos dou pola mañá, e para sempre, estaría don Xosé inmensamente autorizado. Falo de auctóritas, non de potestas. Pasados que van cincuenta anos, cousiñas así son peliños ó mar. Quedounos a leción que remanece en nós inesquecible.