«Nimbos», dominio da elexía

A resurrección que este 2014 nos propón o Día das Letras Galegas (sábado, 17 de maio) está centrada na personalidade do traductor profesional, Xosé María Díaz Castro (Guitiriz, 1914/ Lugo, 1990). Home de cultura internacional e boa formación clásica, era pouco coñecido –fora dun feixo selecto de amizades- ata aparición de Nimbos (Galaxia, Vigo, 1961), libro de poemas que sorprendeu a Ramón Otero Pedrayo (La Noche, Compostela, 1962) e que evoca neste texto Luis Cochón.

 

NIMBOS, DOMINIO DA ELEXÍA
Por Luís Cochón

A lingua de poesía nos intres mellores, cando se retrae ó aticismo da sobriedade, avara de palabras, para expresar xusto e ben asentado, aquilo que o autor quere, tal sucede en Coma unha insua, catro hendecasílabos ben escandidos (dialefa no verso un, sinalefa sucesiva no verso dous), unha soa estrofa asonantada nos pares, para lograr a totalidade exacta do poema. O demais é o silencio do que non se di.

“Coma unha insua” foi repescado para Nimbos porque Díaz Castro así o quixo, dunha versión anterior castelá: De la ausencia. É o penúltimo, brevísimo, no poemario.

Teño especial devezo pola xoíña mínima na que o poeta se volve a si, ó seu dentro, para atoparse, no íntimo da súa propia nai: regazo, quentor, acougo, presenza ordenada como decote, como de sempre, e non esta ausencia de agora cando el se foi, que non ela, a figura materna remanece no seu fondo, case que sen sabelo, para quedar no desvalemento e desamparo imprevistos, se cadra impredecibles, coma a noite que debeu estar riba de nós, ó lonxe, sen que tivera que descolgarse sobre un, por dentro e por fóra, na total escuridade para non atinar en nada, na tebra.

Houbo algún momento naquela vida en lume, algo que debeu tronzar polo pé, arela e esperanza, proxecto e laborío, angueira, horizonte de luz. Algo que o poeta viviu traxicamente na derruba, pedra sobre pedra, sen azos ata o máis xordo abatimento.

Non sabemos cal foi ese algo que tan fondo o marcou. Algo debeu perder no camiño cara a si propio, perda que deixa soíño ó poeta, enviso. Toda catástrofe envólvese de si e do pasado, cega para o despois. Será esa carencia do despois a que orixina o poema, o sentimento de perda, que non vén ó caso, fora cal fora, talvez un desengano de amor que o poeta fixo seu, e expresouno na dicción poética, deixándoo aí para sempre, escura e nocturna, nesta elexía. Hase saber que o territorio da elexía, o seu ámbito, adoita ser noitarego:

¡Pro veu a noite derrubando todo!

Importa poder revolverse no escuro, poder ver na noite de escuridade, como Atenea, a deusa de ollos glaucos de curuxa para descifrar os misterios da noite e buscarlle saída. É o momento preciso de atopar áncora ou baía onde amarrar e aquecer amparo do temporal. Sabemos que `áncora´ e `baía´ (ou badía) procede De catro a catro de Manuel Antonio, no mesmo mar de Arousa. Precisamente Vilagarcía pode ser o sitio desta historia, nos primeiros anos da década dos corenta, cando o poeta Díaz Castro viviu alí de docente de linguas clásicas e modernas (outras pegadas do rianxeiro pódense atopar doadas en Nimbos):

E eu sedento dunha áncora ou baía

Se o eu lírico do poema é o eu do autor, este andaría polos trinta anos. Para volver á nai non hai cedo nin tarde: acontece ser. Ansia e sede, apelación, chamada. O poeta sabe que aínda ten nai. E por veces nas cartas ocórreselle algún aceno para ela, un recordo. Acórdase dela, mamá. Cantas veces a chamou dese modo, son reiterado. Canto tería chamado a súa atención na procura doutros nomes para designala:

Dinme a buscar teus cen perdidos nomes

Non debe haber en lingua ningunha tal polionomasia apelativa. Hai, si, centos de tonalidades afectivas para dicir mamá, por milleiros. Poida que o poeta nese seu volver á casa da infancia, nimbe de luz a figura materna, e con ela, o entorno natural no que a relación do fillo coa nai se desenvolveu: a casa “e despois todo val, ¡cáliz fervendo!”. Tamén o río, os ríos, que precisan ponte para ir máis alá. Os predios da sega, a devesa, a fraga, os homes, os bois, “as lebres que se riron do meu can”, os ventos que veñen da Corda, que por veces irrompen ou perturban a existencia. Tódalas cousas que tiñan nome que saber. Por iso o neno configura, pouco a pouco, a súa estatura, ó tempo que lle medra ese saber de cousas para poder falar delas, como sempre se fixo: un código de lingua que lle foi dado. O neno na aldea, por días e anos, foi coñecendo ese tesouro de palabras coas que sinalar sen dúbida, entre tantos paxaros, o paporroibo; entre as árbores, o budio; entre as flores, a chorima. E aquela estrela, e os péxagos.

A ese territorio aquecido –convertido xa para sempre no lugar do canto– volve alguén posuído do don de poesía:

pra te chamar, ¡ouh nai, ouh insua miña!

A dimensión apelativa da lingua, tan importante. É a única vez, en Nimbos, que se produce esa chamada: nai. Nai de mamá chamaba polo fillo. (No sentido de matria: “Chora a terra desterrada,/ terra arada, nai perdida” aparece no final de “Terra sucada”). Ouh nai, enfatizada polo `ouh´ exclamativo, e concernido pola tonalidade admirativa, ergueita no verso de cerre. Ouh insua miña. Tamén pasamos aquí de nai a matria.

Territorio da señardade, feito á medida do poeta: insua. Insua, mesmo insuíña, nome de lugar, topónimo. Aquela insua do río que estou a ver é canto precisa o creador, o home poeta, como territorio de seu. Naquel outro mar onde o escritor está, hai illa ou illas (mesmo illotes), por iso necesita a insua do seu río natal, na que situar a nai propia: territorio da tenrura. A derradeira palabra do poema: miña. Ese xenitivo de propiedade, posesión e pertenza, aplicado á nai e á insua que acaban por ser unha soa.

Xa sabemos polo menos dous dos nomes cos que chamaba pola nai. Non lle chamaba insua, chamáballe nai. E por riba de todo, chamáballe miña. Sempre, e agora que a ten ausente, máis miña.

Escrito por Luis Cochón

NOVEDAD INMEDIATA
LOS ORÍGENES DE LA EUROPA CONTEMPORÁNEA
(Ante las Elecciones Europeas)

Hace cinco años, aprovechamos la desolada convocatoria electoral para lanzar “Atlántica Memoria”, serie narrativa y audiovisual que echó a andar con las versiones gallega y española de uno de nuestros grandes éxitos internacionales: Oporto, capital del Reino de Galicia. Se abría con él una muestra de títulos ineludibles, centrados en la mal llamada “Guerra de la Independencia” (1807-1814) en su Bicentenario. Además de las crónicas narrativas, en colaboración con la Televisión de Galicia (TVG), nuestro Taller de Ediciones fue invitando a los lectores de “LA CUEVA DE ZARATUSTRA” a los estrenos en abierto, para todos los públicos, de tres crónicas audiovisuales. Ante las desoladas elecciones europeas de este 25 de mayo de 2014, José Antonio Durán cierra ese ciclo y el bicentenario de las Guerras Napoleónicas con otra crónica explosiva desde el punto de vista intelectual (y totalizante, por la evolución posterior de sus personajes centrales en la Revolución Liberal Ibérica). Podrán leerla aquí, con los enlaces correspondientes, en los próximos días. Se titula: LA ÚLTIMA GRAN BODA DE LA PONTEVEDRA ARISTOCRÁTICA