Na morte de Saramago, con Portugal ao fondo

Saramago. (Radioenciclopedia)

Cada verso uma pedra. Que o poema
seja mais alicerce que muralha

José Saramago. Do seu poema “Voto” (1985). Provavelmente Alegría

Na exacta e triste hora en que o corpo de Saramago está a ser incinerado en Lisboa, eu estou sentada frente ao mar de Vila do Conde. Recalo voluntariamente nesta boa terra para respirar salgado deixando ao pensamento deambular polos espazos… Loce o sol, mais eu teño frío.

Deixemos ao mar a derradeira palabra

Así, fóra do mundo, absorta, resolvín ouvir a voz do mar por ver que me decía. No ceo, as nuves fican paradas, como doloridas, contrastando co fulgurante e dinámico movimento oceánico, intensamente azul, mar de fondo revoltado e indómito, como o espírito de Saramago, a bater nos penedos do artificioso dique construído con pretensións de o conter, mais el teimoso insiste en derrocar os muros do mundo inóspito.

Reparo entón que o mar, como as forzas e os espíritos enérxicos, non se pode conter. Aliado coa nordesía, ese vento que zoa filtrándose por todos os recantos, brada e se levanta do chan para recuperar territorios da concencia e da moral perdidas.

Inevitablemente para comprender certos sentimentos é preciso entrar no terreo persoal e eu teño que confesar que o meu fecundo mergullo na Literatura portuguesa veu da man da obra literaria de José Saramago. El foi a cancela aberta que convidava a percorrer un camiño que logo transitei feliz. Alí cheguei e alí moro aínda, fascinada pola sublime excelencia poética e filosófica de Antero de Quental (que por certo tamén morreu nunha illa, no seu S. Miguel, nos Açores). Encantada continuo aínda prendida á prosa exuberante e magnética do grande Eça de Queirós (que por certo tamén morreu no exterior, no seu consular exilio de París). E así vou indo, con esta alma que desde sempre sentiu en portugués, non no sentido masculino e patriota do termo, senón no sentido cultural, amoroso e maternal. Foi precisamente neste día de fins de primavera, dezaoito de xuño, día da morte de Saramago, que tiña eu marcada unha viaxe a Portugal, ao Porto, na procura de libros do noso Curros Enríquez. É este un aspecto ben descoñecido do Curros home e escritor, tan ligado a intelectuais portugueses do seu tempo, traductor de versos de Antero de Quental, Guerra Junqueiro, etc, por pura admiración literaria e unha firme vontade de irmandade e de os dar a coñecer ao resto da indolente e indiferente Iberia.

A funesta nova

Estando eu nestes matinares aínda na miña casa preparandome para partir, ouvín a funesta nova no Diario Cultural da radio galega. Apenas expirara José Saramago e o anuncio da súa morte chegaba como un vendaval. Morreunos ese home que era para o mundo como unha planta medicinal arrincada dos campos de Azinhaga. Aínda que era un fin esperado, a nova impresiounoume, devastoume, deixoume nun instante totalmente desolada. Foi logo en chegando ao Porto que a este meu penoso estado anímico arrimouse timidamente a indignación, pois nin na cidade, nin na feira do libro da Avenida dos Aliados encontrei vestixio algún de dó, de conmoción, de loito íntimo ou exterior, algún sinal de calquera cousa, nada!. Só dous días despois era o aspecto mercantil da venda (morbosa) dos seus libros o que se destacaba. Salvemos deste panorama algúns alfarrabistas (vendedores de libro de vello) da cidade que tributaran homenaxe ao escritor nos seus escaparates.

Por min dou en pensar que vivimos nunha época de exceso de instrución banal, de desnutrición intelectual, de raquitismo moral, de pensamento anémico e atrofia cerebral dominados como estamos pola tiranía tecnócrata tan invasiva como esterilizante. Teño a sensación de que a xente ten os sentimentos narcotizados, as faculdades críticas, cando as hai, foron domesticadas, subtilmente disciplinadas por opinións pre-cociñadas que se admiten e interiorizan pasiva e masivamente. O imperio mediático actúal é como un oráculo, o patético portavoz da política inferior e interesada que estupidifica e derrea ao mundo, hostilizando ás xentes entre sí. A política cultural non sae indemne desta hecatombe, inflamada de retórica burocrática todo se reduce á promoción dunha fútil escenografía ambulante desprovida de raíz, de creatividade, de orixinalidade trascendente. As alternativas culturais aparecen como horizontes de neboeiros pois se me figuran unhas veces delirios efímeros e outras entusiasmos panfletarios.

En todo este ermo panorama que irrita e pasma, José Saramago foi e será a perpetuidade o portugués de talento distinguido, o pensamento independente, a escrita indisciplinada, voz libre con esa súa sonoridade tan propia, palabra honesta, firme e decidida que grita ao mundo a lexitimidade e humilde orixe do saber ligado á dignidade do viver. O auténtico premio nobel para nós é que el, o home, o escritor, existise para o mundo, o premio nobel para él foi con certeza encontrar o amor, e da súa man a felicidade.

* * *

José Saramago, voz e palabra escrita que non recúa lanzando verdades desde o alto da súa conciencia. Non admira por iso que talvez na viaxe final pola súa terra non encontre o tributo merecido, o enterro multitudinario, (nin falta que fai) a sentida e fraternal despedida natal, porque xa antes o despediran…no entanto o home, desde a súa esguía estatura moral pode que aínda olle para nós compadecido sen comprender…Foi un sólido home de ben con vocación para ensinar a pensar desde o amor e o argumento, unha lúcida e serena organización crítica, un escritor único, un portugués íntegro que escribía na súa amada lingua, entón onde é que está a ofensa?

Embora, no presente e no porvir venham mais cinco Saramagos, entretanto que a súa palabra superior nos asista. Amén

Ana Filgueiras Rei
Vila do Conde, 20 de xuño de 2010

Na viaxe que J. A. Durán (Ed) fixo en maio ao Norte de Portugal gozamos do trato, o coñecemento e a xenerosidade de Ana Filgueiras. Sabemos, pois, con que sentimento escribiu esta crónica que La Cueva de Zaratustra publica na súa versión completa. Como lembranza desa viaxe, publicamos tamén esta instantánea da fermosa cidade do Porto. Max Estrella

2s comentarios

Los comentarios están cerrados.