Entrevista con José Antonio Durán

MURGUÍA. Revista Galega de Historia (diciembre, 2017) recoge una entrevista de su director, Uxío Breogán Diéguez, con José Antonio Durán. Dado su carácter intelectual y autobiográfico, LA CUEVA DE ZARATUSTRA, donde éste viene publicando sus Memorias de Tonio, la incorpora como un anexo a las mismas.

Realizada en lengua gallega, aquí se mantiene tal cual. Esa lengua -con el español- son las de uso en nuestro Taller de Ediciones, y nada extrañará su presencia a los lectores de LA CUEVA. Ni siquiera para los no gallegos supondrá su lectura una barrera infranqueable.

Tonio viene insistiendo, además, desde hace décadas en que el gallego es, sin comparación posible, la única lengua neolatina que forma parte -desde su lejano origen y sin perder singularidad- del ancho mundo lusofónico. Debido al uso habitual del gallego y del español, Galicia es hoy el único viejo país del Sur de Europa que podría convertirse (con suma facilidad, si sus gobernantes y enseñantes pusieran empeño en ello) en políglota. Una riqueza, por gracia de nacimiento, que convertiría a sus comunitarios en los mejor dispuestos para sobrevivir en un pequeño mundo transfronterizo, cada vez más mundializado.

 

José Antonio Durán Iglesias naceu no que el chama Ningures (Campamento de Santa Bárbara, no Padornelo, desaparecido sen deixar rastro), no concello de  Requejo de Sanabria, Zamora, no ano 1941. Asentado desde a súa infancia en Pontevedra, ten publicado ducias de obras, sendo un dos máis prolíficos historiadores galegos. É autor de libros sobre figuras e feitos de enorme relevancia, caso de Manuel Murguía, Santiago Casares Quiroga, Manuel Portela Valladares ou Daniel R. Castelao.

 

Murguía, RGH.-Cando é que comezou o seu labor como historiador?

JAD.- Endexamais me tiven por historiador, no sentido profesional da expresión. Nin historiador, nin profesor de historia como sabes, nin profesorista polo mesmo. Son un contador silvestre nada asilvestrado de historias históricas, fillas dunha traxetoria intelectual moi rica, cuxa orixe xa está na memoria de licenciatura: a analítica existencial que Sartre aplicou ao estudo de distintas personalidades literarias (Baudelaire, Flaubert, Genet). A proto-orixe da miña devoción pola biografía histórica, as crónicas familiares e a historia local non paleta, senón de fuste, sacando partido a vella idea de que non hai nada máis internacional que a vida local, enfocada con ese criterio. Neste senso o meu arranque produciuse ao darme conta, mentres agardaba os poucos instantes que me facía esperar a miña belísima moza, Saruca, de que no Barbero Municipal de Rianxo que gardou o seu avó Cándido había un mundo por contar. E eu conteino en dous libros: El primer Castelao e a Historia de caciques que revolucionaron, por unha parte, as mitoloxías do rianxeiro e o paletismo das historias locais, nada menos que no asunto nodal do caciquismo e o poder local. A metodoloxía das particularidades, que xa está desenvolvida desde o prólogo dos catro volumes de Crónicas.

 

 

Murguía, RGH.-Houbo algún historiador ou historiadora que o marcara para se adicar ao seu labor de investigador?

JAD.- Poucos. Profesores, pouquísimos. Son antiacadémico por esencia e teño pésima opinión do corporativismo profesoral. Penso que hai que combater o profesorismo coa mesma saña con que se combateu outrora o clericalismo, porque o tufo é idéntico. Sempre tiven enorme respeto, sen embargo, polos historiadores de cando empezaba a haber asignaturas de Historia ou non as había en absoluto. Caso do conde de Toreno, que engade –a maiores- unha escritura primorosa e unha narración que falta nas historias académicas. Non te podes imaxinar sequera cantos historiadores académicos de renome me confesan en privado este segredo a voces: que se aburren cos libros de historia. ¡Se se aburren eles, que pasará cos lectores!. Nesa liña de bos contadores non académicos, sempre tiven gran respeto persoal e intelectual por don Julio Caro Baroja. Pero insisto: eu veño dun mundo de creadores como Rafael Sánchez Ferlosio, como o Martín Santos da analítica existencial, de fotógrafos, como Antonio Gabriel ou o primeiro Lavandeira, de debuxantes, como Pepe Conde Corbal, de grandes directores de teatro, como Alberto Castilla, do gran xornalismo que metín na revista Triunfo, no Diario de Pontevedra, na Voz de Galicia ou en El Pais das primeiras décadas. Por iso son feliz contando historias longas ou curtas en LA CUEVA DE ZARATUSTRA, o noso prestixioso blog de internet.

 

Murguía, RGH.-Ten dado lugar a múltiples obras. Cal ou cales destacaría?

JAD.- Iso é, meu amigo, como preguntarlle a un pai polo fillo que prefire. Teño 76 anos ben cumpridos e sigo sendo aquel escritor vocacional de cando publiquei en La Noche do meu vello amigo Borobó un artígo escandaloso que prometía serie, e que concitou as iras ata de Vicente Risco. Tiña 20 años. Cando releo aquel texto sobre Rabindranat Tagore pedagogo, que anunciaba serie a proseguir co Tolstoi de Iasnaia Poliana, etc, emociónome, porque me atopo a min mesmo, como no último texto da “Cova de Zaratustra”

 

Murguía, RGH.- É vostede un dos mellores investigadores da Galiza do s. XIX. Se tivera que destacar dúas figuras e feitos dese século cales serían?

JAD.- Dígoche máis do mesmo. Eu son un contemporanísta. Comecei traballando historias galegas dos anos dez do pasado século e tiven que ir tirando cara atrás e cara adiante, para rematar nas miñas memorias (Memorias de Tonio). No cara atrás cheguei ao século XIX e ata conto historias que comezan no XVIII. Di o meu vello amigo Rafael Sánchez Ferlosio que o mellor español escrito é o do século XIX. Todo o contemporáneo comeza a consolidarse con el. Para entender o de despois e non falar en tópicolandia hai que meterse na súa complexidade, desde as guerras napoleónicas polo menos. Todos os nosos demos familiares comezan no xuntismo, nesas guerras terribles e fascinantes e na única Revolución Atlántica por excelencia: a Liberal-Democrática. Escollín ben. Porque as historias galegas leváronme mundo adiante. ¿Dúas figuras? Dicía Zubiri que a madureza intelectual do mundo contemporáneo comeza en Hegel, mirando cara a dereita e cara a esquerda, co zurdo Marx. Quizais teña razón.

 

Murguía, RGH.-E do século XX?

JAD.- Ata que se ía rematando, Agustín García Calvo dicía que era un século de “progreso progresado”, porque todas as grandes invencións viñan do revolucionario século XIX. E de pronto, cando xa expiraba, xurdiu o novísimo e endexamais imaxinado: a Revolución Dixital. Un paraíso que nos leva aos números, ás matemáticas. Unha fantasía case gratuíta pola que puidemos crear o noso Taller de Edicións, facer na casa vídeo e cine e libros. Que todas as grandes bibliotecas do mundo se abriran en bibliotecas e hemerotecas dixitais, e que eu mesmo, que paso o ano en distintos espazos de Galicia e de Madrid, traballe coa mesma normalidade en Rianxo, en Pontevedra ou na casa de Moratalaz movendo o traballo de toda a vida dixitalizado pola santa paciencia de Sara nun pequeno disco exterior. Saruca-Sara, sí. Esa agulla que eu topei no palleiro da vida. E, sen embargo, dos fautores múltiples de semellante revolución gratuíta non sabemos ren apenas…

 

Murguía, RGH.- Ten sido vostede un dos primeiros investigadores en sinalar a influencia da “parroquia de acolá”, da emigración galega en América, sobre a política galega do primeiro terzo do século XX. A este respecto dúas cuestións: cales son as achegas máis significativas dos emigrantes galegos á modernización de Galiza? E neste senso, podemos seguir mantendo hoxe en día un discurso vitimista sobre a emigración galega en América?

JAD.- Sí. Sempre tiven enorme respecto pola figura do emigrante, fillo dunha sociedade –como a galega- que era daquela moi expulsiva, porque para vivir da terra ou do mar ou do traballo artesán, había que ter moitos fillos, pero só un podía quedar co traballo dos outros, como petrucio ou millorado. Admirable todo o que fixeron. Sempre recomendo unha visita a Cee para contemplar o marabilloso centro de formación profesional que se alzou alí cos cartos indianos dunha das grandes figuras da emigración cubana, dirixido todo polo talento exquisito do matemático Vicente Vázquez Queipo. Unha das actividades máis fermosas que fixo o Taller foi dar unha emisión mundial de homenaxe a Rosalía de Castro co noso anovador documental sobre ela, aproveitando o que poucos pobos souberon crear: todos os Centros Galegos do mundo, hoxe esmorecentes.

 

Murguía, RGH.- Como cre que se recibiron as súas obras no ámbito académico galego e no público en xeral?

JAD.- No público ben, mentres houbo mercado. Teño libros súper esgotados de miles de exemplares e con distintas edicións, e teño un volume de obra audiovisual que –segundo amigos norteamericanos- completa un perfil intelectual único no mundo. O dos profesores é fariña de outro costal. Teño enorme respecto pola tarefa que podían desenvolver os profesores. Enorme. Sen embargo, vivindo a diario con profesores, non lle dou parabéns precisamente. Dicía Piaget que o ensino ou é investigación ou non é nada. Penso o mesmo. Pero Piaget referíase a que o traballo do profesor como investigador tiña que ver co estudo permanente das formas de comunicación da ensinanza. Iso falta por completo. Os profesores de historia non se preocupan de discriminar na investigación  o que é repetitio ou evolución. Non se dan estados da cuestión, nin sequera len o que publica o departamento do lado. Abundan, como estamos vendo, os profesores demagogos, adoutrinadores. Crense que por facer un libriño ou vinte deses que as institucións ou as editoriais lles publican subvencionados, son historiadores, literatos ou artistas. E nin sequera son profesores, no sentido piagetiano da expresión. Cómo me van a ler a min que non teño ningún poder, nin quero telo. Só fixen ben unha cousa na vida. Non quedar de profesor universitario. Só sen selo, grazas a Sara –unha vez máis-, podo presumir de obra creativa distinta das demais. Sempre fun o que acabo de escribir e lerás moi logo na Cova de Zaratustra: “azote del tópico y de la ignorancia bien alimentada”.

 

Murguía, RGH.-O feito de se ter asentado nos anos ’60 en Madrid ten lastrado a súa presenza en Galiza? Ou este feito tenlle dado maiores posibilidades de proxección?

JAD.- Madrid é un dos mellores lugares do mundo para traballar en cousas relacionadas con Galicia. Nós sempre pasamos unha importante porción do ano en Rianxo e Pontevedra. Agora mesmo procuramos estar sete meses e medio en Madrid e catro e medio en Galicia. Por esa razón endexamais me sentín desterrado. Desde que cheguei tiven grande amizade cos Brais Pinto, de xeito particular con Herminio Barreiro, Reimundo Patiño e Fernández Ferreiro. Penso que o mesmo lle sucede aos cataláns, aos vascos, aos canarios ou aos de Albacete. Madrid e todo o contrario do mito Madrid-poder. Unha sociedade aberta, acolledora, cun crecemento que sorprende, e que dá de beber a quen pasa cunha auga da traída incrible. Un símbolo con 150 anos a costas. Pero vivo en Madrid sen exercer de galego, nin sequera de madri-galego. Eu sego sendo o que sempre fun: un provinciano do mundo. Estou encantado de selo. E nunca ninguén me preguntou en Madrid se quería ser ministro. ¡Qué marabilla, habendo coñecido a tantos, como teño tratado! En Galicia, endexamais aspirei a un carguiño, pero a miña obra é unha pedrada contra esa autonomía. O mesmo Fraga mo fixo constar por escrito. “Non me explico o que pasa con vostede”.

 

 

Murguía, RGH.-Cómpre destacar o seu labor como editor e promotor de diversos proxectos.

“Taller de Ediciones” e “La Cueva de Zaratustra” son boa proba do activo que é neste ámbito. Este último é, sen dúbida, un dos máis relevantes blogs audiovisuais do mundo, segundo, por exemplo, ten destacado a televisión pública alemá no ano 2004. Como naceu o proxecto e como o definirías?

JAD.- O Taller naceu coa crise do papel nos anos 90 próximo pasados, cando pasaba noites enteiras sen durmir. Cando se produciu a catástrofe cultural na que seguimos sumidos. Eu xa levaba desde 1972 dedicado a tempo completo á investigación e a escritura. Da mañá ben cedo á noite ben pechada, con distintas fontes de ingresos que veñen da facilidade que sempre tiven para desenvolver proxectos novidosos; pero tamén co apoio de medios de comunicación potentes, caso dos xornais ou as televisións. De pronto, coa crise, o que sempre fixeron os escritores desde o século XIX, pechouse para sempre. Os xornais botaron a todos os colaboradores especializados e concentráronse case en exclusiva na información política. Como o papel escaseaba, tamén limitaron os espazos deses traballos. Pasou a crise, pero nunca máis volveron. Esa fonte básica de ingresos é historia sen contar. Así se chegou ao xornalismo nefasto que hoxe se fai, onde se confunden os conceptos de Cultura e Ocio. Desa calamidade xurdiu a idea do Taller: faríamos libros e documentais na casa, e daríamos con eles Cultura innovadora, exposicións convencionais e audiovisuais, etcétera. Co Taller en marcha, a nosa filla Sara, lendo as Luces de Bohemia de Valle-Inclán, propúxolle a idea do blog a seu irmán, Jorge, que creceu entre as cámaras dos meus equipos das “Historias con Data” da TVG e formouse como profesional na prestixiosa escola de Puertabonita de Madrid. Nacía LA CUEVA DE ZARATUSTRA. O gran activo internacional do Taller a día de hoxe. Os catro da casa éramos os únicos que entrabamos a diario ata que un día explosionou. ¡Centos de visitas!. A Televisión Pública alemá consideraba o traballo de Jorge memorable. Éramos un dos oito mellores blogs audivisuais do mundo no concurso máis prestixioso do planetario. La Voz de Galicia –da que xa non era eu colaborador estrela, aínda que serei sempre un dos seus premios Fernández Latorre– fixo campaña por nós. Na votación quedamos cuartos. Desde aquela, co concurso de vellos amigos e ata dun bisneto do propio Gregorio Pueyo, o vello libreiro ao que os Valle-Inclán e Cía chamaban Zaratustra, “La Cueva” só fixo gañar máis e máis prestixio…

 

Murguía, RGH.-Un blog no que, ademais, incorporas a sección ‘Memorias de Tonio’, na que trasladas aos lectores e lectoras as túas reflexións; afirmando que realiza unha aposta polo librepensamento. Por que realiza esta afirmación?

JAD.- Penso que ficará claro co contexto. A cualificación non é miña e ten a súa gracia. Voucha a contar. Un dia chamoume un amigo. Quería facerme unha entrevista para Radio Fene. Presteime gostoso, como sempre, porque eu son en boa parte fillo dese xornalismo e das historias locais, como contaba. Foi el, que coñecía ben a miña obra, quen me cualificou de librepensador. Porque, como no caso dos profesores, sendo eu amigo de tantos galeguistas vivos e defuntos de máximo nivel, teño pouco de galeguista convencional, de nacionalista ou menos aínda de separatista. Sempre fun un internacionalista convencido. Fronte aos disgregadores, caso do mesmo Murguía, sempre tiven admiración polos partidarios das grandes unidades, e ata soño con un mundo único, sen emigrantes e sen exércitos, aínda que teña que seguir habendo policías. O mesmo, por tanto, me pasa coas relixións, sobre todo agora, cando a nosa relixión principal histórica, en crise evidente, dá lugar ás relixións máis pintorescas, incluíndo as relixións patrióticas de tantos amigos que se esqueceron  da máxima de Marx (“a crítica de toda relixión é primordial en toda crítica”). Falou o librepensador.

 

Murguía, RGH.-Nesta orde de cousas, como ve a historiografía galega actual?

JAD.- Tamén vai implícito no respondido. Estou de franquismo, guerra civil, historias paletas, culturiña e linguaxe patriótico ata a coronilla. Volve o librepensador. Penso que a linguaxe patriótica e metafisicamente falsa, porque o amor a patria non se fai con discursos. Estar fodendo e falando do amor é un imposible.

 

Murguía, RGH.-Na actualidade está pechando a serie “Atlántica Memoria”, con epicentro na Pontevedra da súa infancia e mocidade, cidade á que segue intimamente ligado. Pode falarnos deste proxecto?

JAD.- Pechando non. Está alborexando. E non é pontevedresa porque eu teña ata o emblema de ouro que me concederon os Amigos de Pontevedra no lonxano 1978. E que Pontevedra, co seu pasado memorable da etapa dos mareantes, non era nin capital de provincia antes de 1734, cando se empeza a converter en vila aristocrática e militar, por iso resulta fascinante contar a evolución posterior. Quen comezou en 1972 con particularidades baseadas en biografías históricas ¡con biografía!, fundamentalmente galegas e absolutamente anovadoras, entrou na fase final da súa vida cos personaxes que chegaron a ser alguén nos lugares máis diversos do planeta; pero mantendo uns lazos familiares e históricos que os religan ao que chamamos o mundo atlántico. Eu, coa maior naturalidade, estou recuperando esa memoria sen fronteiras. Cando deixe de responderche a esta entrevista, voltarei sobre unha trama fascinante que iniciei fai moito coas guerras napoleónicas, tanto en documentais como en textos narrativos, publicados maiormente en LA CUEVA DE ZARATUSTRA e difundidos polas televisións. Estou ultimando a próxima novidade. O motivo é o fusilamento fai douscentos anos de Luis Lacy (un atlántico gaditano, con parentela galega de nivel, que só eu teño estudado). Como sabes, foi capitán xeral de Galicia. Completo así, con outro episodio colosal e absolutamente anovador, outro  anterior centrado na figura de Díaz Porlier. Se teño saúde e vida seguirei contando a fascinante historia da Revolución Liberal Democrática, atlántica por todos os costais, cos meus personaxes e as vidas locais, rompendo a falsidade das historias nacionais de calquera nivel; pero será un de tantos nos temáticos a completar. O tramo final dunha vida onde nunca me aburrín. O meu fillo e colaborador, Jorge Durán, cando era pequeno, veume un dia bocexar, e gritou: “¡¡Es humano, es humano, bosteza!!”

Comments are closed.




La Cueva de Zaratustra

LA CUEVA DE ZARATUSTRA es la apuesta del TALLER DE J. A. DURÁN (ED)  por el Librepensamiento. Una de las mejores bitácoras audiovisuales del mundo (BOBs 2004, Concurso internacional de webs de la Televisión Pública de Alemania Federal, 2004).

¡¡¡ QUÉ SE ABURRAN LOS NECIOS !!!

RINCONES DE LA CUEVA

Enlaces

Meta