Celebración de Ramón de Valenzuela

«De onde virá esta canción de sombras
que me vai envolvendo o corazón?

Aquilino

I.

Para  acordar hai que tomar distancia, darlle corda ó tempo contra atrás. Por pouco nin me entero do de Ramón de Valenzuela, tan amigo que tiven de meu. Acabo de saber que alá se van trinta e catro anos, pasados, da súa morte. O tempo vaise, váisenos! Canto tempo sen Ramón, pero que presente (bule-bule) no meu querer cada vez que me dá por volver ó corazón! Aquela musiquiña lene que el sabía soplar no seu freixolé para nos chamar a todos, encrequenados arredor, a oír a melodía dunha cantiga de amor que nos ía engulindo. Frauta doce, sen tempo, para quedar no aire, ou nos ecos do aire, ou nos cantís do silencio mesto, que música é.

Non pode ser que o pínfano de Ramón marchara con el, como quen toca a andar, porque por veces eu, calquera de nós, escoita esa música librada, intermitente, canción comunal e compañeira, por veces toldada, enxordecida pero sempre acordada e traída a ben, música ou canción que dispuxeron o camiño de tantos de noso.

Algunha vez tense ido o solista, pero o coro do común remanece, e a voz solidaria vólvenos chamar tal o freixolé de Ramón, irmán.

Calquera pode oír ese silencio, pero tan só, para que o silencio se faga música nos acordes da Patria. Non pode ser música sen silencio.

Ben está que acordemos os cen anos de vida de Ramón de Valenzuela, aquel Florisel, sen tempo, que o escritor de Non agardei por ninguén soubo trasfegar da fustalla inmúmera de don Ramón del Valle-Inclán. Florisel, aquel, que lle aprendía ós merlos un aire de ribeirana.

 

II.

Un meu profesor de mirada ensoñada deixoume ler, no 58, Non agardei por ninguén. No meu curso había un Otero de Valenzuela, todo candor, fillo dunha irmá do autor do libro, de Valenzuela Otero, Ramón. O sobriño nada sabía tampouco nin do tío nin da novela, se cadra porque na casa non se falaba do home nin do seu nome. A desmemoria da guerra foi esvaecéndoo todo ata o esquezo máis absoluto: silencio que naufraga no silencio. Nós, mozotes de quince e dezaseis anos, nunca souberamos nada, porque os que algo sabían, non querían, por nada, que esas cousas se souberan: non querían saber. Nin se falaba daquilo na casa, nin fóra da casa. E nos libros non viña.

A novela de Ramón foi o primeiro que lin sobre aquel espanto fratricida. Lin seguido a metáfora da fronte. Unha fronte contra outra fronte, e entre frontes: terra de ninguén, quérese dicir vangarda, que é termo militar. Fronte de guerra.

O miolo da cuestión, e da novela, céntrase nese entrefrontes: pasar dunha fronte a outra fronte. Dunha parte a outra parte. Pasarse ó lado de onde veñen as balas que non distinguen. Pasarse ós outros, os que non son os meus. Porque o eu protagonista está onde non debería estar: está cos rebeldes e non cos leais. Con Franco e non coa República, coa dignidade. Pero está cos traidores de lesa patria. Gonzalo Ozores decidiu con quen tiña que estar. E pasouse.

Admirábase Juan de Mairena cando oía ou lía a expresión “garda de asalto” como modelo de subversión lingüística: como se garda e se asalta ó mesmo tempo? Como –digo eu– os rebeldes pasaron a ser chamados nacionais e os leais –que se non morreron en combate– foron presos, condenados, exiliados? A historia sempre a escriben os vencedores. Non me veñades agora co que nunha guerra civil –dise– todos perden. Se lle engadimos: uns máis ca outros.

Non basta con dicir da nosa guerra que a uns pillounos dun lado e a outros no lado contrario. Os que se alistaron con Franco, para escapar de falanxistas e garda civís estercando de mortos as cunetas da retagarda, mandados á fronte, poideron pasarse (hai que poñerse na pel de cadaquén). O caso de Ramón de Valenzuela é dos poucos. Os máis, de entre nós, non deron o paso, o transo. Nin Manuel Lueiro que viu o seu cabalo saltar ó outro lado, pero o cabaleiro (soldado de sanidade militar) non se atreveu a tanto. Gústame poñelos xuntos ós dous amigos, escritores ambos sobre a guerra civil. Dentro de dous anos estaremos celebrando a Lueiro e ó seu “Manso” nesta mesma ría de Arousa, no Grove.

A fronte de guerra como símbolo do transo: ese pasar. O relato de Ramón déixanos recado que antes, ou ó mesmo tempo, lle dixera a Castelao, guieiro: Non agardei por ninguén.