Afrodita citerea

Xosé Luís de Dios (n. en Ourense, 1943) faleceu en Tui o 1 de agosto de 2010. Retrato de R. Grobas

[ Cando escribín o corpo deste texto o ano pasado, para un catálogo que ía ser o seu derradeiro, pero non, porque a mostra, coa que quixemos honralo na casa grande de Trasalba, non veu a lévedo, tiña eu en min algo de premonitorio, logo de falar con De Dios, diálogo de ultramorte, cando el xa vía vir a lívida claridade do que hoxe acabou por ser. ]


[Fóisenos o máis novo dos artistiñas: Hiperión fronte a Diótima, por último].

In memóriam

Nalgún lugar fixemos porque apareceren uns retallos seguidos que veñen nos Cadernos (ou Apuntes) de Malte, onde Rilke tan connaisseur e practicante quere salientar o papel do debuxo na captación e procura da realidade como soporte.

Cómo se foi perdendo a destreza do debuxo, mesmo o seu ensino, como cultura xeral dos nosos pais e avós. Temos coñecido a ducias de persoas, sen saír do común, que sabían debuxar à plein air, ou un obxecto calquera por mellor explicación,  ás veces atrevíanse co retrato. Xente que nunca pensou en facerse pintor, homes e mulleres de letras ou de laboratorio, que, por riba, sabían plasmar un apunte, un deseño, un trazo porque foron aprendidos, como unha achega máis na súa formación persoal.

Xosé Luís de Dios é destes: alguén que posúe dons e habelencias de debuxante consumado. Se algo cabe destacar, a ollos vistas, na pintura deste autor é “precisamente o afinado e axustado do debuxo, a estricta arquitecturación de cada obra e o arriscado do cromatismo que o leva a insólitas entoacións”.

A cor é alterada en gracia ao equilibrio cromático, pro sen que a realidade, por si, quede sorprendida.

A liña – sostiña Cándido Fernández Mazas – non pode ser alterada máis que dentro destas mesmas ambicións, porque a súa descontinuidade ou a súa esaxeración levarían a buscar no cadro unha retórica lineal e non a súa noticia, a súa representación, a súa existencia mediata, a súa reverencia ao feito vital, finalidade das artes todas.

De aí a pintura  como o único remedio contra destrucción, a única montaña que garanta a beleza que podería salvala. A única palabra verdadeiramente posible, como se ten dito.

E probable que De Dios se teña blindado entre as raias e fronteiras dese territorio indeciso que fai chamar Citera, petita patria dicía Espriu, na súa Ronda de mort a Sinera. Un espazo mítico (un territorio é como un relato) ou mitolóxico que por veces ten que ver co propio País do pintor que ha ser o noso. País ven ser, tamén, horizonte: patria habitable e apacible.

Quen manda nesa nación é a deusa Afrodita citerea. Todas as mulleres de Xosé Luís teñen pinta de afroditas, nunha obra tematicamente feminina, anque pareza parella, e dunha tonalidade pechadamente lírica: polo sentimental e subxectiva, interiorizada e entrañable, por veces conmovedora e emocionante que é o que había que demostrar.

De aí, se cadra, esa elexía, ese sentimento de perda, que ven a ser a pintura toda De Dios: nosotros los de entonces ya no somos los mismos. Somos outros que quizais seguimos amándonos despois de tantos encontros e desencontros. Non hai canción desesperada.

Hai persistencia por mor de figurar o permanente no humilde e no fugaz. No múltiple e escuro, igual que chan de bosque mesto, antigo, mais aínda amable. “No correr lento das sombras anticipadas de días mellores que só medran nos soños, nas arelas e na arte demorada”.

Comments are closed.




La Cueva de Zaratustra

LA CUEVA DE ZARATUSTRA es la apuesta del TALLER DE J. A. DURÁN (ED)  por el Librepensamiento. Una de las mejores bitácoras audiovisuales del mundo (BOBs 2004, Concurso internacional de webs de la Televisión Pública de Alemania Federal, 2004).

¡¡¡ QUÉ SE ABURRAN LOS NECIOS !!!

RINCONES DE LA CUEVA

Enlaces

Meta